ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_25190
O actual presidente da Xunta da Galiza repite como candidato do Partido Popular ao Goberno galego por cuarta vez.
Alberto Núñez Feixoo autoproclamouse onte candidato do Partido Popular á Xunta da Galiza nunha reunión improvisada dos populares en Compostela. Repite, por cuarta vez, e pecha de maneira anticipada a lexislatura con menos leis aprobadas no Parlamento. Unha "década ominosa" en boca da oposición. Manuel Fraga Iribarne estaría orgulloso. Seica el non acadou tanto poder no Partido Popular da Galiza como ten a día de hoxe Alberto Núñez Feixoo. O discípulo superou o mestre e a proba foi onte, cando por enriba de congresos e xuntas directivas de partido, Feixoo só precisou unha sala de hotel para autoproclamarse como candidato. Ten tanto poder que deixa as decisións intransferíbeis dun presidente en mans do seu homólogo vasco. Iñigo Urkullu decidiu adiantar as eleccións en Euskadi para o 5 de abril e Feixoo cambiou todos os seus plans para que as galegas voten o Domingo de Ramos. Non faltaba ninguén no Palacio do Carmen, o acto estaba previsto na axenda popular para o mes de marzo, mais a pesar das présas alí estaban todas as que cren que deberían estar. Non se pode pasar por alto que será o propio Feixoo quen de facto elabore as listas do PP. "Estabilidade" e "coherencia" volveron ser as verbas que apuntalaron o discurso do actual presidente da Xunta, "convencido" de que revalidará o cargo, e que chegou a presumir de que o seu partido é "un punto de encontro da maioría das familias, das autónomas, das traballadoras por conta allea, das profesoras, das médicas...". Certo é que o PP manexa enquisas que lle dan de novo maioría absoluta para seguir no Goberno a partir de abril. "Despois de tres lexislaturas e tres vitorias, pode haber xente que crea que non teño nada que gañar, pero eu o que quero é que Galiza non teña nada que perder", pronunciou sen disimular o ton de vaidade, o mesmo que o levou a recompilar as veces que, segundo el, puxo ao país por diante: "Cando en 2016 as perspectivas non eran boas para o noso partido, eu dixen Galiza. En 2018, cando xurdiron novas perspectivas, por compromiso e coherencia, dixen Galiza. E hoxe volvo a dicir Galiza". "Se o meu partido está disposto, eu estou a disposición da Galiza. Se o meu partido quere, eu quero ser o candidato á Presidencia da Xunta. Se as galegas queren, eu serei o presidente de todas as galegas sen excepción", apostilou, para engadir: "Son Alberto Núñez Feixoo e as galegas saben o que poden agardar de min". Xa é habitual, mais non deixa de sorprender, que o actual presidente da Xunta confunda o suxeito cando fala do país: "Cando eles din Feixoo, eu digo sempre Galiza. Ante calquera dúbida, eu sempre dixen Galiza", repetiu onte, após alertar de que defenderá "os intereses da Galiza fronte a quen quere menoscabalos" para que non haxa "un Goberno que se dedique a pactar entre si", en referencia á posibilidade de que unha coalición de esquerdas volva á Xunta. Nesa demostración de "estabilidade" defendeu que o país ten "os mellores hospitais" e "menos listas de espera que nunca" en sanidade, así como que "lideramos a educación pública no Estado". Tamén presumiu dun "plan do litoral para preservar a costa" e dunha "lexislación do solo compacta", pese a que a lei de ordenación do territorio, proposta polo seu Goberno e criticada pola oposición por poñer "os intereses privados incluso por enriba dos públicos", quedou paralizada na Cámara polo adianto electoral. Baltar di que facer as listas de Ourense é "fácil" e Jácome confirma o seu voto Ourense é sitio distinto para moitas cousas, tamén no que atinxe o PP. Pode que Feixoo, quen aseverou que se "partirá a cara por Galiza" o 5 de abril, decida a meirande parte das candidaturas do seu partido no país, mais en Ourense iso é cousa de José Manuel Baltar, que onte xa salientou que "as listas do PP son sempre un resumo perfecto de confluencia coa veciñanza de Ourense" e apuntou a "facilidade" para facelas porque, segundo dixo, podería presentalas "en media hora". O líder do PP ourensán sostivo que teñen "os deberes feitos". Tanto é así que o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome, que creou o partido Democracia Ourensana para botar o PP do Concello, anunciou onte que o seu voto será para Feixoo porque é quen "mellor vai defender os intereses da Galiza e iso beneficiará a Ourense".
NOS_6533
O mozo, a quen o ministerio de Interior lle atribuíu "responsabilidades" no aparello de financiamento de Resistencia Galega, abandonou o centro penitenciario madrileño de Soto del Real após facerlle fronte a súa familia á fianza imposta polo xuíz, de 6 mil euros. Canda el a policía española prendera a S.C., que quedou en liberdade e sen cargos após dous días da operación policial
Júlio Saiáns, o veciño de Ferrol detido a noite do 29 de outubro nunha operación policial contra o independentismo, vén de quedar en liberdade após facerlle fronte a súa familia á fianza de 6 mil euros que lle impuxo o xuíz. Estimou o maxistrado que non existía risco de fuga nin indicio de que as probas puideran ser alteradas. Así as cousas, Júlio S. queda libre tras ser vinculado pola imprensa ao aparello de financiamento de Resistencia Galega ao reproduciren o comunicado feito público polo ministerio de Interior do Goberno español, en que se obviaba a presunción de inocencia e se lle atribuían "responsabilidades" na mencionada organización. O mesmo tratamento mediático recibiu a súa compañeira, Silvia Casal, a quen a policía española prendeu canda el e canda a súa crianza de oito meses aínda lactante no domicilio que amb@s partillaban na cidade departamental "sabendo que era inocente, porque ao saír da casa mandáronme coller cartos para volver de Madrid", tal e como ela mesma explicou nunha entrevista concedida a este xornal. A pesar de ser 'condenada' pola imprensa e de que "a policía non deixaba de me repetir que 'se te va a acabar el teatrito', que os meus pais ían estar destrozados porque vivimos nun barrio pequeno e que os ían sinalar como 'los padres de la terrorista'", o nome de Silvia C. non aparece no sumario do caso, ao igual que pasara xa con outras mulleres arrestadas en operacións contra o independentismo. Júlio S. levaba un mes e unha semana en prisión preventiva no centro penitenciario de Soto del Real, en Madrid.
PRAZA_11121
O candidato popular apela nun mitin en Oleiros "aos que vos manchades" no sector mentres Feijóo alerta agora de posibles riscos sobre o futuro de Reganosa
O candidato popular apela nun mitin en Oleiros "aos que vos manchades" no sector mentres Feijóo alerta agora de posibles riscos sobre o futuro de ReganosaTras varios días centrando os seu discurso de precampaña na posible crise económica que podería chegar tras a actual desaceleración económica, o candidato do PP á presidencia do Goberno central, Pablo Casado, aproveitou a crise industrial galega que xa é unha realidade para cargar contra a política sectorial desenvolvida durante o último ano polos socialistas e eloxiar as actuacións da Xunta de Feijóo durante a última década.Un día despois de que Pedro Sánchez desembarcase en Galicia cun acto como presidente nun foro na Toxa e un mitin como candidato en Vigo no que prometeu unha transición xusta para As Pontes, pero sen concretar medidas, este domingo Casado celebrou un acto acompañado por Feijóo centrado tamén nese eido. Pero non o fixo nas Pontes, Vigo, A Coruña ou Cervo, localidades afectadas pola indefinición sobre o futuro das instalacións de Endesa, Barreras, Vulcano ou Alcoa. Fíxoo en Oleiros, a vila con maior renda de Galicia, onde chegou a apelar "aos que vos manchades nunha industria" para que confíen no PP e na súa promesa de "unha solución e unha transición ordenada" para o sector enerxético que, ao igual que Sánchez o sábado en Vigo, non concretou. Casado criticou "a demagoxia ambientalista que di que hai que prohibir os motores de combustión, o que prexudica aos que non poden comprarse un coche eléctrico"O que si fixo Casado foi presentar o seu partido como exemplo de xestión ambiental ao tempo que cargou contra "a demagoxia ambientalista que di que hai que prohibir os motores de combustión, o que prexudica aos que non poden comprarse un coche eléctrico". "Non nos van dar leccións desde a esquerda de compromiso co medio ambiente", dixo, poñendo como exemplos que os gobernos do PP foron os primeiros en contar cun ministerio específico da materia e que foron eles os que asinaron os acordos internacionais contra o cambio climático de Kioto e París. Feijóo meteu na axenda da campaña electoral outra industria que non estaba no debate político dos últimos días: "Ollo, ollo con Reganosa"Na súa intervención previa, Feijóo asegurou que o obxectivo do mitin non era "apoiar a Pablo Casado, senón que Pablo Casado apoie a Galicia e a todos os galegos" para manter a industria. O presidente citou expresamente os casos de Endesa nas Pontes, Alcoa na Coruña e San Cibrao, ou Navantia en Ferrol, pero nada dixo da situación de Barreras coa marcha de Pemex malia auspiciar el mesmo aquela operación. Feijóo mesmo meteu na axenda da campaña electoral outra industria que non estaba no debate político dos últimos días, a planta de Reganosa en Mugardos, que vén de recibir ata cinco sentenzas contrarias do Tribunal Supremo. Malia que o Goberno central vén de iniciar a tramitación para legalizala novamente, Feijóo fixo ver que non está a facer o suficiente para garantir a súa continuidade. "Ollo, ollo con Reganosa", dixo.Feijóo pediu a Casado que valore mercar o novo coche de PSA Peugeot-Citroën "porque ten un prezo/calidade fantástico"Sobre a situación da central das Pontes, Feijóo dixo que o PP non quere "que se queime carbón de xeito indiscriminado e sen prazo nas instalacións térmicas, pero tampouco queremos que se peche esta central que é a única que fixo investimentos para cumprir co mandato da UE". "Pedimos un prazo, un prazo para non pechar de xeito inmediato, e non pechar só unha central senón tamén un porto, o de Ferrol, e unha vila, As Pontes", engadiu Feijóo, que salientou que "Galicia baixou as súas emisións un 5% desde 1990 e España subiunas un 13%". "Por que temos que pagar nós o pato?", sentenciou.Fronte á crise dalgunhas industrias instaladas en Galicia, Feijóo eloxiou outras, sen citalas polo nome, como Inditex ou PSA Peugeot-Citroën, asegurando que a roupa da primeira é a que viste a xente de todo o mundo que "quere vestir ben" e chegando a dicirlle a Casado que debe valorar a posibilidade de mercar o novo coche da marca francesa "porque ten un prezo/calidade fantástico". "Encántame o novo todocamiño, o 2008", respondeulle Casado máis tarde.Antes de Casado e Feijóo xa intervira o presidente do PP coruñés, Diego Calvo, quen criticou que "desde que chegou Pedro Sánchez a luz non parou de subir, para os cidadáns e para as empresas".
NOS_14341
A Mesa denuncia o "maltrato" lingüístico dunha crianza no Centro Hípico Casas Novas (Arteixo) e exixe a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou através dun comunicado de imprensa esta segunda feira os comentarios discriminatorios padecidos por unha usuaria do campamento de verán organizado polo Centro Hípico Casa Novas de Arteixo. Axiña o acontecido fixo ferver as redes sociais. Desde A Mesa exixen a intervención da Secretaría de Política Lingüística e apelan á "obriga legal" desta institución na defensa dos dereitos lingüísticos. E é que unha das monitoras do centro dirixiuse a unha das crianzas do campamento, de dez anos, que lle falou en galego dicíndolle que se explicaba "mal" por empregar a lingua propia de Galiza. "Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así", chegou a dicir a traballadora responsábel dun dos obradoiros. "Aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano", afirmou unha das monitoras Segundo relatou a nai da crianza á Mesa pola Normalización Lingüística através da súa liña de denuncia na rede "a nena queixouse desde o primeiro día de que a facían sentir mal por falar galego, preguntándolle constantemente de onde era e por que falaba galego… mais esta presión inicial foi a máis por parte das propias monitoras". As cousas non melloraron senón que foron a peor con outras monitoras que chegaron a lle dicir á nena, "yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano". "Aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano", insistiu. Despois dunha semana na que a nena se sentía continuamente desprezada e humillada pediulle á súa nai non continuar asistindo ao campamento. A nai da rapaza trasladoulle esta situación a varios encargados do Centro de Hípica Casas Novas e a única resposta que lle deron foi "no le des importancia", "tienes que entender que aquí no todos hablan gallego" ou "será porque no la entienden", explican desde A Mesa. A Mesa instou a familia a denunciar perante o Instituto Galego de Consumo e exixiu a intervención da SXPL Para o presidente da asociación en defensa da lingua, Marcos Maceira, "é completamente intolerábel que en 2015 os nenos e nenas galegos teñan que aturar este tipo de actitudes racistas, e máis por parte de presuntas "educadoras", pero o máis incríbel é que os responsábeis do centro asuman como normal este tipo de maltrato aos nenos que acoden aos seus campamentos". Neste senso, após faceren público o caso, exixen a intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística como garante dos dereitos lingüísticos. Aliás, animaron a familia a interpor unha denuncia contra o Centro Hípico perante o Instituto Galego de Consumo pola humillación sofrida.
NOS_30149
A asociación Umia Vivo critica o estado de deterioro da Ponte de Portugalete, que cruza o río Umia polo lugar de Segade de Abaixo (Caldas).
A asociación Umia Vivo denuncia o estado de deterioro da Ponte de Portugalete, que cruza o río Umia polo lugar de Segade de Abaixo (Caldas). O colectivo sinala que "a pesar da ser sinxela, esta estrutura constitúe un elemento singular do patrimonio cultural do Concello, e como tal é irrepetíbel. Mais, logo de soportar innumerábeis enchentes do río, nunca se viu tan ameazada como agora, a causa da falta de interese do Concello e a Xunta da Galiza. Segundo informan os veciños, a ponte leva desde o pasado inverno soportando a presión de varios troncos caídos. "A indiferenza e desprezo das administracións é lamentábel. Resulta inadmisíbel o abandono da ponte no escenario dun río testemuña de malgasto continuado de fondos públicos en actuacións indebidas levadas a cabo na súa beira, como aconteceu coas pasarelas de madeira que foron instaladas e logo retiradas", indican. "Ademais -engade Umia Vivo- á ameaza que soporta a estrutura da ponte hai que engadir a caída de muros dun muíño sobre o sendeiro que enlaza a ponte co lugar de Segade de Abaixo, cortando o paso e a pista de acceso ás últimas casas".
PRAZA_17116
A seis quilómetros do centro de Compostela funciona un complexo de tratamento de residuos denunciado pola veciñanza que sofre máis directamente os seus efectos: malos cheiros, flitración de líquidos ao solo e tráfico pesado excesivo. Advirten de numerosas "irregularidades" e dos prexuízos para o medio e a poboación. Vídeo no interior
A seis quilómetros do centro de Santiago, no espazo deixado pola antiga canteira de Miramontes, existe un complexo de tratamento de residuos formado por un vertedoiro (dende 2008) e unha planta de elaboración de solos artificiais, tamén coñecidos como tecnosolos (dende 2015). A iniciativa foi presentada como un plan para a recuperación medioambiental da antiga canteira, enchendo o seu oco con cascallos da construción e restos da propia canteira, para lograr recuperar o solo da explotación con terra vexetal. Porén, nos últimos dous anos os veciños e veciñas que viven nas proximidades do vertedoiro (con casas e algunha explotación gandeira a 400 metros) comezaron a sufrir os efectos negativos do complexo, cun funcionamento moi distinto ao inicialmente prometido, como denuncia a plataforma STOP vertedoiro Santiago, que vén de publicar un documental (realizado por Lentes Diverxentes) no que explica a problemática que sofren e as irregularidades existentes. Sinalan que o inspector técnico de medio ambiente do Concello de Santiago elaborou dous informes que desaconsellaban a instalación dunha industria deste tipo nesta localización. No vertedoiro entran todo tipo de residuos industriais, en teoría non perigosos, procedentes de calquera parte de Galicia, e mesmo de fóra: pinturas, tintas, deterxentes, residuos sanitarios e veterinarios, alcatráns e, dende o 2013, amianto. "Tamén entran residuos domésticos que chegan como "rexeites" doutras plantas; é dicir, o que outras plantas de tratamento de residuos non son quen de xestionar, mándano ao vertedoiro de Miramontes, e non se recicla", explican dende a plataforma. Ademais, para a planta de elaboración de tecnosolos chegan todo tipo de residuos "cheirentos", pois esta terra artificial elabórase mesturando residuos orgánicos con outros residuos coma escouras de incineración ou lodos de depuradoras e das rías. Neste senso, a plataforma denuncia que se están depositando aquí os lodos extraídos da Ría de Noia: "Estase limpando a ría de Noia polo perigo que supoñen os lodos contaminados, e tráenos a Miramontes para a recuperación da canteira. Estes lodos son depositados ao carón das casas, das leiras e do regato de Oufín, que desemboca no Tambre". E advirten: "os contaminantes dos lodos poderían volver á ría a través do Tambre; que por certo, é o río do que bebe Santiago e outras moitas poboacións", chamando a atención sobre o feito de que este non é só un problema do lugar de Miramontes ou da parroquia de Grixoa, senón de toda Compostela e a súa comarca. A veciñanza máis directamente afectada denuncia "os cheiros moi molestos" procedentes da canteira, que se poden sentir mesmo a varios quilómetros de distancia. Tamén o continuo tráfico de camións A veciñanza máis directamente afectada denuncia en primeiro lugar "os cheiros moi molestos" procedentes da canteira, que se poden sentir mesmo a varios quilómetros de distancia. Tamén o continuo tráfico de camións (máis de cen un día normal) que se achegan ata este lugar para depositar os residuos no vertedoiro e que en ocasións van deixando ciscados polos camiños próximos. Neste senso, chaman a atención sobre o carácter irregular deste tránsito. A única vía de acceso á canteira de Miramontes é unha vía rural á que se accede dende a estrada DP-7804 (Val do Dubra - Santiago). Este camiño rural, chamado Camiño de Gandarón, é unha vía de titularidade municipal, de 4,5 metros de anchura e ten unha prohibición de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas (agás os que conten cun permiso especial). O Concello de Santiago confirmou a través dun escrito que a única empresa que ten autorización de paso para vehículos de máis de 5,5 toneladas é Áridos CNC, non a que empresa que explota o vertedoiro. "Hai filtracións de lixiviados, da auga que escorrega dos lodos, que van directamente ao terreo. Hai un risco claro de contaminación do medio", advirte Serafín González Igualmente, alertan das filtracións de líquidos ao solo e ao subsolo, acuíferos e regatos que se poden estar producindo, debido á mala execución do complexo de produción de tecnosolos. Como explica Serafín González (presidente da SGHN e experto no tratamento de solos) no vídeo, a idea dos tecnosolos -fabricar solos de forma artificial para utilizalos na recuperación de zonas degradadas- "é moi boa", pero o problema en Grixoa "é que a execución da idea é moi mala, pésima, é unha perversión deste sistema". "Non pode ser que entre un 70% e un 90% das mostras incumpran as características que debería ter este tecnosolo". González denuncia numerosos incumprimentos das normas medioambientais, pois "os lodos déitanse directamente sobre o solo da canteira, cando deberían estar sobre unha superficie impermeabilizada e baixo cuberta". "Hai filtracións de lixiviados, da auga que escorrega dos lodos, e que van directamente ao terreo. Hai un risco claro de contaminación do medio", advirte. En realidade, sinalan dende a Plataforma, "non se lles pode chamar tecnosolos, nunca deixaron de ser residuos porque nunca se elaboraron correctamente". "Un problema de todo o país" "Queremos que se retiren os residuos que foron deitados alí para supostamente conformar tecnosolos, queremos que restauren a dona danada e sobre todo queremos que non se volva facer isto a 400 metros dunha aldea" A Plataforma esixe que se paralice a actividade do complexo e que se analice o que hai dentro do vertedoiro. "Non sabemos o que hai dentro do vertedoiro, porque ninguén leva un rexistro do que entra. Isto é importante polos efectos que isto pode ter no medio ambiente nas vindeiras décadas", di David Martínez. "Queremos que a xente entenda que o sitio no que está situada esta industria é nefasto para nós, pero sobre todo para as xeracións vindeiras", sinala. "Queremos que se retiren os residuos que foron deitados alí para supostamente conformar tecnosolos, queremos que restauren a dona danada e sobre todo queremos que non se volva facer isto a 400 metros dunha aldea", engade. "A xente está completamente deprimida. Ti sabes o que é non poder abrir as fiestras da casa en dous anos ou sacar a roupa a tender? Que os vellos que levan aquí toda a súa vida estean valorando marchar á cidade cos seus fillos?", explica Martínez. "Mentres unha empresa gaña cartos, os veciños e a natureza perden saúde. Non nos podemos permitir parar de loitar", engade. "A cousa vai lenta, todo é un proceso moi longo e en dous anos a empresa vai colmatar este vertedoiro. Se a burocracia e a investigación vai tan lenta que cando se resolva algo eles xa remataron, xa perdemos a loita", advirte. "Mentres unha empresa gaña cartos, os veciños e a natureza perden saúde. Non nos podemos permitir parar de loitar" "Este non é só un problema noso, dos veciños e veciñas desta parroquia. Pensamos que é un problema de país. Aquí estanse facendo moi mal as cousas e estase permitindo facer mal as cousas. Outro método de xestión medioambiental é posible. Que non esqueza a veciñanza de Santiago que o aire é imparable, e que a auga se filtra aos solos e aos acuíferos, podendo chegar ao río Tambre. É un problema de toda Galicia", conclúen dende a Plataforma. Web da plataforma
NOS_44817
O 25 de xuño de 1948 foron asasinados en Vilanova de Lourenzá Antonia Díaz e Luís Trigo Chao por un operativo da brigadilla dirixido polo policía Sebastián Fernández Rivas. Luís Trigo O Gardarríos, mito da loita armada contra a ditadura na Terra Cha, na Corda e na Mariña, representou a resistencia máis continuada contra o franquismo no norte galego, así como a etapa máis creativa, intensa e fecunda do actuar guerrilleiro. Con motivo do 73 aniversario da súa morte, achéganse novos prismas que completan e aquilatan a súa figura.
A recuperación da figura de Luís Trigo Chao require dunha revisión lonxe dos estereotipos elaborados desde o réxime franquista ou do 78, desbotando as versións interesadas que o sitúan como un fuxido solitario, carente de orientación política e cunha práctica militante desvinculada dunha estratexia máis ampla de oposición ao franquismo. A esta imaxe distorsionada do máis veterano entre os guerrilleiros mariñáns teñen contribuído as achegas formuladas desde a historiografía franquista, así como aqueloutras contribucións elaboradas desde posicións de esquerda, pero debedoras de visións ideolóxicas reducionistas sobre a resistencia armada. O Gardarríos participou das primeiras tentativas para articular unidades guerrilleiras estruturadas, cun modelo organizativo definido e unha práctica suxeita a unha dirección política clara. Neste sentido, en novembro de 1938 foi elixido secretario xeral da "Agrupación Thapaieef", a primeira organización guerrilleira documentada na Galiza, exemplo dunha resistencia armada autóctona, sen interferencias de cadros e orientacións procedentes do exilio, plural, cunha dirección partillada por cadros socialistas, anarquistas, comunistas e nacionalistas, e precedente, en moitos aspectos, da liña político-militar desenvolvida posteriormente en Cuba. Organizou e dirixiu unha estrutura armada de dirección socialista A progresiva hexemonía comunista na guerrilla da área mariñá levou a Trigo a organizar e dirixir unha estrutura armada de composición e dirección socialista. A agrupación dirixida polo Gardarríos mantívose operativa até 1951, cando os últimos membros activos abandonaron a loita tras negociar medidas de graza coas autoridades. Os membros máis significados deste grupo foron Mozart Campoamor, Arcadio Pardo, Germán Méndez, Domingo Rivas, Víctor Otero, Venancio Seoane, Justo Goás, Perfecto Requeixo e Antonia Díaz Pérez. Ao tempo, este operativo contou coa colaboración nalgún momento doutros fuxidos, como Roberto Alonso Díaz O Barbas, un antigo sarxento do exército popular orixinario de Vilalba asasinado na comisaría de Lugo en xaneiro de 1948. Os compañeiros de Trigo Mozart Campoamor Pin ou O Torto, antigo dirixente das Xuventudes Socialistas de Ribadeo no período republicano, mantívose na clandestinidade desde 1936 até 1951, cando tras negociar coas autoridades conseguiu un pasaporte para a Arxentina en compañía da súa nai, Rogelia García, conserxe desde os anos 20 da Casa do Pobo ribadense e fuxida, tamén, desde o levantamento fascista. Outro dos compañeiros máis próximos a Trigo, Arcadio Pardo, Arcadio de Candia, veciño do concello de Abadín, seguiu os mesmos pasos de Campoamor, marchando á Arxentina en 1952, após un acordo co réxime franquista. A vía de negociación aberta polas autoridades cos compañeiros de Trigo tras a morte deste foi tamén explorada, con distinta sorte, por Víctor Otero e Xermán Méndez. O primeiro, coñecido popularmente como Víctor de Valiño, por ser natural dese lugar de Mondoñedo, abandonou o país a comezos da década dos 50 e asentouse en Bos Aires. Pola súa banda, Germán Méndez, veciño da parroquia mindoniense de Figueiras, acolleuse en 1951 ás medidas de grazas ofrecidas polo Goberno para este grupo, mais rematou condenado a décadas de cárcere, morrendo no penal do Dueso (Cantabria) a finais dos anos 50. Participou das primeiras tentativas para artellar unidades guerrilleiras Venancio Seoane Pasoslargos, Domingo Rivas O Maeso e Antonia Díaz morreron en enfrontamentos armados coas forzas da orde. Pasoslargos, natural de Riotorto, activo na clandestinidade desde 1938, rachou co grupo de Trigo en 1946, sumándose á guerrilla de orientación comunista, sendo asasinado pola Garda Civil o 23 de outubro de 1948, no lugar de Panchigás, na parroquia de Valcarría, en Viveiro. O Maeso, membro dunha familia socialista de Coubeira, en Mondoñedo, mantívose a carón de Trigo durante moitos anos, falecendo a mans da brigadilla. Antonia Díaz, parte dunha familia ribadense de enlaces da guerrilla, pasou á clandestinidade a finais de 1946, sendo asasinada canda Trigo o 24 de xuño de 1948. A acción ao servizo da idea As accións deste grupo guerrilleiro atenderon a motivacións políticas. Canda os labores de aprovisionamento necesarios para manter o operativo, destacando dentro destes os golpes económicos precisos para manter unha infraestrutura clandestina moi custosa, o grupo executou golpes destinados a dotarse de medios para a loita política. Así, por exemplo, en 1942 asaltaron a "Hermandad de Labradores" de Abadín para apoderarse dun aparello de ciclostil, co obxectivo de imprimir propaganda socialista, sendo o equipo empregado posteriormente para editar o voceiro socialista Forja, onde Trigo escribiu as súas crónicas. Luís Trigo foi dos primeiros dirixentes guerrilleiros que levou a cabo accións de castigo contra fascistas implicados na represión. O máis significado deles desenvolveuse no atardecer do 9 de abril de 1940, no Pico da Lebre, un lugar da parroquia mindoniense de Estelo, resultando axustizado José Viador Traseira. Viador, fundador e significado xerarca falanxista de Lugo, cuxo nome ficou asociado a unha chea de episodios de terror ao longo de diversas localidades galegas e asturianas, acabou abatido mentres facía a súa habitual rolda a cabalo pola finca da Fraga Vella, unha parcela de 619,50 hectáreas de titularidade comunal, da que se apropiou, en palabras de Ana Cabana, "valéndose do medo que infundía e da violencia coa que actuaba". Foi dos primeiros dirixentes guerrilleiros que levou a cabo accións de castigo contra dirixentes fascistas implicados na represión A guerrilla socialista responsabilizouse da execución doutros destacados fascistas mariñáns. Se o 21 de xaneiro de 1940 resultou morto, na súa casa taberna de Lagoa, o xefe da Falanxe de Alfoz, Eduardo Villar Otero O Ruíz, a comezos de xuño de 1942 rematou axustizado no concello de Barreiros o fascista focego Eladio Teijeiro. Implicado, segundo rumor público, en múltiples episodios represivos até a súa expulsión da organización fascista en 1938, Teijeiro apareceu abandonado nun rego, portando no peto da chaqueta "unha carteira, contendo a cantidade de 8.921 pesetas, un reloxo de ouro con cadea de platino e un anel de ouro", sinal inequívoco de que a súa morte non respondeu a móbiles económicos e operativa habitual nas accións da guerrilla. A Mariña homenaxea a Trigo e Díaz O cemiterio de Vilanova de Lourenzá acolle a partir das cinco da tarde de hoxe un acto de lembranza a Luís Trigo e Antonia Díaz. A xornada, organizada polo colectivo Memoria da Mariña, vaise desenvolver a carón do monólito levantado por subscrición popular polos veciños da zona nas proximidades do lugar onde se atopan os restos destes dous loitadores antifascistas. Segundo lembra a Nós Diario o voceiro da entidade, Xosé Luís Fernández Rivera, "o monumento na súa lembranza ergueuse en 2018, coincidindo co 50 aniversario da súa morte e desde aquela todos os anos celebramos un acto no seu recordo". A xornada de hoxe vai estar condicionada polas limitacións impostas pola pandemia. A este respecto, Rivera afirma que "prescindimos das palestras e do xantar de irmandade e imos limitarnos a unha ofrenda floral, así como á lectura de diversos textos por varios veciños da zona que queren deixar testemuña. Agardamos que para o vindeiro ano poidamos volver ao formato habitual e que os actos recuperen o carácter masivo de pasadas edicións". Na mesma liña, lembra que "a asistencia é aberta até cubrir coas limitacións de capacidade". Rivera salienta que "o obxectivo do acto é honrar a loita pola democracia de Luís Trigo e da súa compañeira Antonia Díaz Pérez e tamén de todas aquelas persoas que na súa condición de enlaces prestaron axuda a aquela loita, asumindo os riscos derivados de enfrontar á ditadura". Asemade, significa que co mesmo se pretende "facer xustiza con todas aquelas persoas que, coa súa loita en condicións moi difíciles, fixeron posíbel avanzar cara a unha sociedade democrática e deixar testemuño do seu exemplo e do seu compromiso, co fin de que se perpetúe e chegue a aquelas xeracións máis novas".
NOS_52296
O vice-presidente da Xunta asegurou en comparecencia parlamentar que o executivo galego pulará pola fusión dos concellos a través da aplicación de políticas de discriminación positiva nas subvencións.
O Partido Popular continúa adiante coa fusión de concellos. Ao igual que asegurara no seu discurso de investidura o presidente da Xunta, a nodificación do mapa territorial galego está entre os obxectivos principais do executivo para esta lexislatura. Neste senso, Alfonso Rueda, asegurou a pasada quinta feira na súa comparecencia en comisión parlamentar, que a Xunta de Galiza desenvolverá unha "política de discriminación positiva" para aqueles concellos que se fusionen. Oza e Cesuras votan esta sexta a súa fusión Segundo o vice-presidente, desde o goberno galego primarán as "subvencións" dirixidas a aquelas administracións municipais que decidan integrarse. A medida que pretende aprobar a Xunta de Galiza, terá un período de aplicación "de 10 anos", apuntou Rueda. A política de reforma territorial promovida desde o executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo, podería efectivizarse esta mesma sexta feira nos Concellos de Oza e Cesuras. Ambos os dous municipios coruñeses, votarán en sendos plenos --celebrados de maneira simultánea-- a súa fusión nunha soa entidade administrativa. A Xunta subvencionará de maneira prioritaria aos concellos que se fusionen A primeira reforma desta envergadura en 44 catros, conta co rexeitamento dos grupos da oposición. Tanto @s edís de PSOE, BNG e Compromiso por Galicia, rexeitan de maneira tallante desde o inicio da tramitación, ao consideraren "inconcebíbel" que non se tivera consultado coa veciñanza a propia decisión. Aliás, denunciaron en diversas ocasións o descoñecemento dos plans de viabilidade económica que, supostamente e segundo defenderon desde o Partido Popular, constituían o aval da rendibilidade da integración entre os concellos. No entanto, o concelleiro socialista de Oza, asegurou nestes días, que a súa formación si aceptaría unha fusión, mais que esta tería que se producir con Betanzos e non con Cesuras.
PRAZA_164
As grandes áreas sanitarias do país superan a espera media de 60 días, límite a partir do que a lei de garantías sanitarias permite traspasar doentes a centros privados. A espera cirúrxica media do Sergas rematou 2014 en 80,4 días.
O BNG insta a Xunta a debater os recortes nos Consellos de Saúde Dende finais de 2013 Galicia conta cunha lei que oficializa a posibilidade de traspasar pacientes do Servizo Galego de Saúde á sanidade privada se os hospitais públicos non atenden as súas necesidades de intervencións cirúrxicas en menos de 60 días. O pasado decembro o Goberno galego deulle luz verde ao seu desenvolvemento regulamentario, o último trámite para a implantación definitiva dunha norma criticada non só por sindicatos e persoal da sanidade pública, senón que tamén espertou receos na Asesoría Xurídica da Xunta e no Consello Económico e Social por darlle á privada un papel no sistema público que ata agora non tiña. As tres grandes áreas sanitarias do país, Vigo, A Coruña e Santiago, son a priori as principais candidatas ao trasvase de doentes e, polo tanto, ao incremento do financiamento da sanidade privada con fondos públicos, toda vez que o seu tempo de espera media está por riba deses 60 días. A Consellería de Sanidade fixo públicos este venres os datos de agarda correspondentes ao cuarto trimestre de 2014. O balance foi, como adoito, optimista, se ben o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, deu en admitir un empeoramento no tempo de atención aos doentes máis graves, provocado en boa medida pola preponderancia dos de prioridade tres. As enfermidades dese sector dos doentes son de menor importancia e, polo tanto, admite, permiten desconxestionar máis facilmente as listas de espera e, polo tanto, mellorar unhas cifras que nese remate do ano ficaron, de media no conxunto do país, en 80,4 días. A lei de garantías permite o trasvase á privada a partir de 60 días e a media supera os 80 No caso das áreas de xestión viguesa, coruñesa e compostelá os tempos de espera media ficaron en 95, 74,4 e 71,4 días, respectivamente. Poñendo o foco un chisco máis nos detalles estas listas de agarda están especialmente lastradas por servizos como a cirurxía cardiolóxica, a maxilofacial ou a neurocirurxía, no caso da Coruña. En Santiago os servizos que están por riba dos 60 días de espera e que, polo tanto, terían que traspasar pacientes á privada son, entre outros, os de cirurxía vascular, traumatoloxía e tamén neurocirurxía. En Vigo só tres servizos, cirurxía torácica, neurocirurxía e uroloxía están por baixo desa barreira imposta pola Xunta. O lastre de Povisa, de novo ao descuberto Tras dous trimestres ocultándoa, Sanidade volve ofrecer a espera media incluíndo a Povisa, aínda que a mantén fóra do documento oficial As autoridades sanitarias galegas ofreceron estes datos nun contexto no que, por terceiro trimestre consecutivo, os documentos do balance oficial do Sergas exclúen o policlínico concertado Povisa -hospital de referencia para unhas 100.000 persoas na área de Vigo- da cifra media total de espera cirúrxica. Ao contrario do que aconteceu no terceiro trimestre de 2014, cando a Consellería, a preguntas deste diario, se negou a facilitar este dato, nesta ocasión Fernández-Campa si deu a cifra global en rolda de prensa e as súas verbas foron incluídas no comunicado oficial, o que permite coñecer a devandita cifra de 80,4 días, case catro días menos que no peche do exercicio de 2013 pero superior a, por exemplo, os meses de decembro de 2011 e 2010 Neste escenario, a espera cirúrxica media nos hospitais propios do Sergas queda nesta ocasión en 67,1 días, un día menos que a finais de 2013 pero tres máis que no mesmo trimestre de 2012. Povisa, pola súa banda, detén levemente a súa escalada pero segue superando os 170 días de agarda media, o que implica case triplicar o límite imposto pola lei de garantías. No que atinxe ás consultas nos médicos especialistas o tempo medio de espera estaba a finais de 2014 en 50,3 días, cinco por riba dos 45 que marca a nova lei e seis máis que no trimestre anterior.
PRAZA_6998
O desporto também pode servir como elemento aglutinador e de coesom. Eis umha estratégia muito útil para continuar a espanholizar os territórios que nom se deixam assimilar: Catalunha, Euskal Herria e Galiza. Cada umha com as suas caraterísticas, cada umha com as suas soluçons.
Nom se pode misturar a política com o desporto. Mas sim se pode ligar o desporto com a política? Durante os últimos anos, estamos habituados a escuitar diferentes versons sobre a política e o desporto. Ajudados ou ocultos continuamente polos meios de comunicaçom, os "grandes" peritos em jornalismo desportivo criticam freqüentemente que se liguem esses dous conceitos que, a priori, parecem totalmente diferentes. Exemplos de demagogia jornalística podem ser: Joan Laporta (ex-presidente do Barça e posteriormente ex-deputado no Parlamento catalám) foi duramente criticado por presidir umha entidade desportiva com fins políticos, ou David Cal (palista canguês com 5 medalhas olímpicas) como foi continuamente louvado por utilizar a sua fama desportiva para tentar ser vereador do Partido Popular na vila de Cangas do Morraço. Que o desporto e a política costumam ir de maos dadas é umha evidência mais do que palpável. Quando @s desportistas tenhem sucesso, dos primeiros que recebem elogios é dos políticos. Quando os desportistas jogam umha final, seja em futebol, baloncesto ou ténis, sempre tenhem a autoridades políticas de máximo nível nas bancadas. Se bem é certo que um desportista a nível individual se representas a ele próprio, quando falamos de coletivos representando o seu "país" estamos a misturá-lo todo. Nerom, imperador romano, já resumiu perfeitamente o que estamos a viver na atualidade com a célebre expressom "pam e circo". Enquanto o povo trabalhador sofre as conseqüências da crise sistémica mundial, ajudados polos estados capitalistas, o desporto-espetáculo proporciona-lhe a diversom e a distraçom suficiente para desviar ou paliar as preocupaçons dos verdadeiros problemas. Daí que os Alonso, Nadal, Gasol, Iniesta... sejam um alívio e um respiro para as políticas reacionárias de governos como o de Mariano Rajói. Porém, o desporto também pode servir como elemento aglutinador e de coesom. Eis umha estratégia muito útil para continuar a espanholizar os territórios que nom se deixam assimilar: Catalunha, Euskal Herria e Galiza. Cada umha com as suas caraterísticas, cada umha com as suas soluçons. Há três anos o povo basco se alarmou e saiu às ruas com motivo de que "La Vuelta España" passará polo seu território 33 anos depois da última ocassom, é hora de que também o povo galego seja consciente do assédio espanholizador que estamos a viver. Já nom é só ter "La vuelta a España" praticamente todos os anos, o Estado espanhol está a exibir a melhor das suas propagandas unionistas: "La Roja". Nos últimos anos, aproveitando a época dourada do desporto, e sob a estratégia "Pam e circo", a seleçom "La Roja" está presente em todas as nossas cidades e vilas. Em Andebol em Cangas do Morraço, Baloncesto na Corunha, "la rojita" em Ourense ou Ferrol, e "La Roja" em Ponte Vedra ou Vigo. Será por acaso? O Partido Popular de Feijó e Rajói tenhem da mao do desporto a sua estratégia politica: espanholizar os galegos e galegas ou, o que é o mesmo, que a Naçom Galega desapareça. Por isso, e ainda sem entrar nas irregularidades e subsídios que a Deputaçom de Ponte Vedra ou o Concelho de Vigo pagam por este tipo de eventos, sem entrar em que à nossa seleçom, a Galega, nom lhe é permitido jogar partidos oficiais (nem que sejam amigáveis), o que nom podemos permitir é que a seleçom espanhola, "La Roja", contribua para destruiçom da nossa naçom. O Partido Popular está a empregar o desporto como estratégia politica na Galiza.
PRAZA_2341
Luís Valle gañou o último Lueiro Rey de Poesía con As cicatrices de Sol. E publicou tamén este mesmo ano Trona, o merlo. A súa é unha poética do eu. De imaxes. De símbolos, que exploramos nesta entrevista.
Luís Valle gañou o premio Manuel Lueiro Rey de Poesía no 2015 con As cicatres do Sol (Sotelo Blanco). Poucos meses despois publicou tamén Trona, o merlo, con Barbantesa. No 2010 levara o Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor e no 2008 o premio de poesía Caixanova por A caída. A súa é unha poética de imaxes, de símbolos. Unha pugna constante entre os afectos por unha banda e a dor e a morte pola outra. Unha invocación á luz. Poemas do eu, que exploran tamén o nós. E a orixe. Falamos con el sobre todas as súas obras. Trona, o merlo podería ser, en parte, como unha volta a Zigurat: o haiku, a brevidade. Pode ser? Por que? Que teñen en común estes dous poemarios? Zigurat é un proxecto que din ao prelo no 2001 e recolle textos datables entre xuño de 1997 e a Semana Santa dese mesmo ano. Partía do poema breve para avanzar cara ao extenso. Era un libro-semilleiro, unha obra de aprendizaxe sobre as distintas posibilidades poéticas. Dous dos catro poemarios que compoñen o volume de Zigurat: Jano e Jethro en Irán, son obras estruturadas de xeito exclusivo por poemas de tres versos. Neste sentido, hai un vínculo na elección métrica entre Zigurat e Trona, o merlo. A razón de regresar en Trona, o merlo ao poema breve é que gozo escribindo este tipo de textos. Pásoo realmente ben. Hai continuidade entre todos os poemarios. En cuestións como a oposición amor e afectos / morte e dor, en favor dos primeiros, pero sen obviar a realidade dos segundos e quizais a complementariedade entre todos. ("Na morte hai luz / e no silencio / tamén hai luz", di A caída). En que sentido pode dicirse, entón, que é todo como unha unidade, nese aspecto temático? Si, hai un fío condutor que ganduxa todos os poemarios porque todos eles beben das mesmas fontes; aínda que as motivacións para a súa escrita sexan ben diferentes. Penso que amamos como amamos precisamente porque morremos. Toda a nosa luminosa existencia ten un reflexo crepuscular que lle confire seriedade a este xogo no que andamos metidos. "Amamos como amamos precisamente porque morremos" A túa é unha poesía de imaxes. Mesmo cando é máis narrativa. De símbolos. Que parten, moitas veces, das sensacións. Por que? A miña obra poética pode ser descrita como unha poesía de imaxes e de símbolos. Pero creo que a clave está no emprego desas imaxes e símbolos. Falando, por exemplo, dos símbolos, o antropólogo Gilbert Durand explicaba que estes teñen algo máis que un sentido artificialmente dado porque aprehenden un esencial e espontáneo poder de resonancia… Ese poder é innegable. Os símbolos son, polo tanto, útiles para, como dicía Pound, cargar a linguaxe de significado até o seu grao máximo. Está moi presente sempre a natureza, con imaxes que se repiten como a pomba ou o merlo. Non é unha natureza humanizada, pero si fala de nós. Por que? A natureza fala de nós porque somos parte dela. Non cabe situarnos ou explicarnos fóra dela. De feito, fóra da natureza somos insignificantes. Non existimos. "Fóra da natureza somos insignificantes. Non existimos" O sol, a luz, o libro ou as cicatrices son imaxes moi recorrentes. O sol, a luz, deixan ver o que é importante na vida. Tamén o negativo, como a perda. Por que esa presenza da luz? Percibimos os obxectos grazas á luz. A luz realmente é conformadora, creadora de realidades. Nese sentido, a luz tamén posúe, significa e transmite. A maiores, a facultade da vista está asociado na miña poesía aos accidentes da vida; o xeito de mirar denota unha escolla emocional e mesmo a luz pode sorprendernos, excedernos, asombrarnos e afectarnos dun xeito físico... Vénme á cabeza un poema de Trona, o merlo que pode servir de exemplo: "Ollando as oucas / esa libélula pintoume / un ollo de negro." En Caderno do mendigo hai fame, miseria, engano, cicatrices, perda, soidade, lembranzas. E procura, a pesar de todo, da "Salvación". É nese contraste onde quere situarse a voz poética? Ou máis ben do lado da perda? A única verdade da voz poética é o aquí e o agora. Os sentimentos mudan, as ideas e as posicións vitais tamén. Polo tanto, a voz poética troca e contradise porque é libre para facelo. En calquera caso, esa vontade da voz poética nace dunha elección sempre condicionada polo 'éthos'. Por outra banda, a Salvación, así con maiúscula, semella na miña obra a auga dunha pinguela: cae na man e logo escápase entre os dedos. "A voz poética troca e contradise porque é libre para facelo" Fedor está moi marcado pola morte. E ten algo bíblico. Ou se cadra primixenio. Como unha procura. Un intento de entender o esencial, tras a perda e a dor. Por que? Sen dúbida. Fedor medra polo amor á vida. Ese amor leva ao eu poético aos límites e, unha vez aí, a morte esnaquiza a vida e abre un baleiro baixo os seus pés que o obriga a avanzar penosa, case milagrosamente, a través dos días. Un texto que exemplifica ben o anterior sería: "Desgonzo a porta do soño. Des- / cendo pola lucidez das cañeiras: / sen sinal do teu corpo. Nos meus / ollos desángranse as auroras! Na / miña boca afórcanse os animais diúrnos!" Moitos poemas están escritos en primeira persoa e é frecuente que apelen a un ti, que é o encontro, a perda... Por que? É a opción máis evidente en moitos casos. Trátase dun recurso para procurar o exacto correlato emocional. O uso da primeira persoa tamén ten ás veces vantaxes desde un punto de vista melódico, pola resulta da cantidade silábica. Son poemas do íntimo, do eu. Pero tamén está o nós. "Átome ao teu bautismo neste país enfermo", por exemplo. Do nós está, por exemplo, o idioma, a identidade. Ou a fame do mendigo. De que maneira está ese nós nos teus poemarios? Ese nós é flutuante. Refírese, como resulta evidente, aos que están máis preto, emocional ou fisicamente, ao eu poético. O nós xorde como consecuencia de abrir os ollos e atreverse a empregalos. "O nós xorde como consecuencia de abrir os ollos e atreverse a empregalos" En A caída as imaxes teñen moita forza. Hai máis luz, en todos os sentidos. "Nesta páxina /evítase a dor", di un dos poemas. Que o fai diferente dos outros libros teus? Penso que é un libro formalmente menos homoxéneo que outros como Fedor, As cicatrices do Sol ou Trona, o merlo. Nese sentido, quizá haxa en A caída licencias compositivas que nesoutros citados sexa difícil de atopar. Tampouco é un libro especialmente positivo. Abundan poemas, como Xénese, desoladores: "Coloco as mans / como coroa / infatigable / sobre ti.// Cubro o teu corpo / de lagostas. / Queimo / a túa biblioteca, / o teu faro. // Es / un continente / pedregoso." En As cicatrices do Sol volve o Libro, e a propia obra é bastante narrativa. E volve o primixenio. A Antigüidade, se cadra. A raíz. A orixe. Por que? Non se trata de algo premeditado, pero si que é certo que moitas das miñas lecturas recorrentes son o Pentateuco, o Popol Vuh, o Chilam Balam, o Gilgamesh ou os textos dos poetas arcaicos gregos. Así, o normal é que parte desas lecturas se acrisolen na miña escrita. Creo que son textos evocadores e a min conmóvenme. Falamos co que xa está aquí, co que aconteceu, co que foi realizado. Dixeches noutra entrevista que te influíran os poetas románticos. Por que te identificas con ese tempo? En realidade, non me identifico exactamente co seu tempo, pero si admiro as súas realizacións. Sinxelamente, moitos son grandes artistas. En calquera caso, non falaría só dos poetas. A poesía de Keats impresióname tanto como a música de Mahler ou os lenzos de Turner, por exemplo. "A poesía de Keats impresióname tanto como a música de Mahler ou os lenzos de Turner" Podes contar un pouco como comezaches a escribir poesía e a súa relación coa túa pintura? Os teus primeiros libros estaban en castelán por algunha razón especial? Debuxo e leo con avidez desde moi pequeno. Escribo poesía con vocación de estilo máis ou menos desde os 18 anos. Unha persoa esencial para perseverar na escrita foi un compañeiro da Facultade de Humanidades-Filoloxía Hispánica: Luís Calvo Vidal. Tamén foron importantes, polas claras indicacións que recollían, algunhas cartas de Antonio Gamoneda nas que criticaba algúns textos que lle facía chegar. Penso que os primeiros libros están escritos en castelán porque boa parte dos autores que máis admiraba e aspiraba a emular escribiran nesa lingua. Porque desexaba crear algo como Piedra de sol ou "Amor constante más allá de la muerte." Tes formación en Humanidades e xestión cultural. E nos teus libros creo que se transparenta esa inquedanza polas Humanidades. En que sentido? As obras que se escriben son froito da vida, das experiencias e das lecturas. Desde pequeno amo os libros. De feito, pasei a miña infancia e xuventude nunha libraría e creo que con 12 ou 13 anos xa estaba interesado por conformar unha biblioteca propia cun certo gusto. Deste xeito pode dicirse que, por sorte ou por desgraza, cheguei ás Humanidades moito antes de decidir cursar estudos neste ámbito. Tiven moi bos profesores e aproveitei no que puiden as súas ensinanzas, pero non sei como se transluce isto na miña escrita. Podes falar un pouco da experiencia das revistas que dirixiches? E da túa investigación sobre muller e educación? Dirixín dúas publicacións hai unha chea de anos: Evohé, que é, pois aínda se edita, a revista cultural do campus lucense da Universidade de Santiago de Compostela, e 65+, que era a revista sociocultural dos maiores do Concello de Lugo. Ambas experiencias foron proveitosas grazas ás persoas que tiven a ocasión de coñecer: creadores e vellos. O relato dos nosos maiores, que xenerosamente comparten con nós fragmentos da súa memoria e experiencia, é algo valiosísimo. En canto as investigacións sobre muller e educación, no dous mil e pouco, no Arquivo Municipal de Lugo empezamos un proceso de estudo e documentación sobre a historia das mulleres lucenses e realizamos unha serie de exposicións e catálogos. A raíz disto, e coincidindo logo co meu desempeño como investigador no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), entre o 2005 e 2008, empecei a ler e interesarme dun xeito específico sobre o vínculo muller-educación. Lin e documenteime bastante sobre todo nos eidos da educación non formal e as teorías feministas e, daquelas, publiquei algún pequeno traballo monográfico, comisariei, en conxunto con María Xosé Méndez Lois e Ana Martínez Arenaz, Mestras: unha biografía repleta de soles, e colaborei na redacción de Mulleres na educación en Galicia. Nalgún momento supoño que hei de retomar o tema xa que teño material abondo para escribir varios libros. O que non sei é como enfocarei ese traballo.
NOS_5828
Galiza pechou maio con 276.608 persoas desempregadas, un 0,37 por cento menos que en abril. No Estado, a baixada foi do 0,63 por cen. O paro descendeu en sectores como o da construción ou a industria mais aumentou en servizos e agricultura e pesca
A taxa de persoas desempregadas na Galiza mantense por riba do 20 por cento malia o descenso, lixeiro, que o paro rexistrou en maio. Este mes pechouse logrando reducir o número de parados e paradas en 1.036 persoas, o que supón un descenso do 0,37 por cento. No Estado, esa baixada foi do 0,63 por cento, case o duplo. Na Galiza, pois, a 31 do mes pasado había rexistradas 276.608 persoas en situación de desemprego. O paro reduciuse en sectores como o da construción, a industria ou o colectivo dos de sen emprego anterior. Mais, pola contra, continuou coa súa tendencia alcista en sectores como o de servizos (onde xa hai máis de 151.000 parad@s) ou agricultura e pesca. Por provincias, o número de desempregados e desempregadas baixou en Lugo, Ourense e Pontevedra, se ben aumentou na da Coruña. En maio de 2011 o descenso do número de persoas desempregadas no país fora de 4.648. Un ano despois, esa redución foi de apenas unha cuarta parte, Como xa vén sendo habitual, mulleres e menores de 25 anos son os colectivos máis afectados pola situación de desemprego. Recortes en políticas de emprego A este escenario hai que engadir que os gobernos galego e español están a adoptar decisións que implican duros recortes nas políticas de emprego. Así, ao abeiro da recente reforma laboral a Xunta o BNG denunciou que a Xunta abre a porta á privatización das oficinas públicas de emprego, de aí o recorte dos contratos a 109 promotores, que concluían o seu labor en decembro deste ano e agora se adianta a finais deste mes de xuño. A isto engádese, a alerta dada desde sindicatos coma CCOO, dun «brutal recorte» dun 57% que se está a producir nas políticas activas de emprego na Galiza. Valoración da CIG A CIG segue a exixir dos poderes públicos políticas activas que permiten apostar claramente pola creación de emprego. A central nacionalista lembra que Maio adoita ser un mes no que hai un descenso estacional do desemprego. Porén, a situación "é tan grave que, desta volta ese descenso foi o máis baixo desde que comezou a crise. Así, no ano 2008 baixara un 1,9%; en 2009, o 1,5%; en 2010, o 2,3%; en 2011 o 1,9%. Fronte a isto, no ano actual -2012- ese descenso foi de tan só o 0,37%, fronte a un 0,63% no conxunto do Estado". Galiza foi, ademais, a terceira comunidade na que menos descendeu o paro neste mes, logo de Madrid e Estremadura, co agravante de que temos un 15,25% máis de desempregados respecto de maio de 2011. O descenso deuse en todos os sectores, agás no de Servizos, onde o incremento foi do 0,41%. "A este ritmo, necesitaríamos tres anos para situarnos en cifras de maio de 2011, onde o paro xa era escandaloso", afirma López Rivera, secretario confederal de emprego da CIG Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego, considera que de manterse este ritmo de redución de paro "necesitaríamos tres anos para situarnos en cifras de maio de 2011, onde o paro xa era escandaloso e moitísimos máis en pornos en datas de desemprego similares ás que había antes de iniciarse a crise, en 2008".
PRAZA_20975
As 178 persoas co coronavirus nas UCI galegas son dúas máis que no pico de abril, que se supera dous días despois de deixar atrás o total de hospitalización da primeira vaga. Galicia segue rexistrando unha media dunhas 15 mortes por xornada tras dúas semanas con máis de mil casos diarios rexistrados cada día. A suba da incidencia acumulada amosa lixeiros sinais de freo e descende por primeira vez dende o Nadal en dúas cidades
Todas as previsións ían na mesma dirección e os datos deste 27 de xaneiro constátano. O pasado martes, 26 de xaneiro, ás seis da tarde, nas unidades de coidados intensivos dos hospitais galegos había 178 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus. Son dúas máis que no pico de hospitalización en UCI da primeira vaga da pandemia en Galicia, rexistrado o 3 de abril do ano pasado.As 178 persoas co coronavirus nas UCI galegas son dúas máis que no pico de abril nestas unidades, que se supera dous días despois de deixar atrás o total de hospitalización da primeira vagaDous días despois de superar o nivel máximo de hospitalización daquela primeira vaga, cando faltaban poucas horas para o inicio do novo paquete de restricións do Goberno galego, o total de ingresos ligados á COVID-19 chegou ás 1.271. Son 70 máis que un día antes e 443 máis que o mesmo día da semana anterior, polo que a presión hospitalaria segue á alza e de momento, apenas se aprecia un lixeiro decrecemento do seu incremento.As cifras de hospitalización son unha magnitude comparable entre esta vaga da pandemia e as dúas anteriores e tamén o son as de mortalidade. Este 27 de xaneiro entran no rexistro oficial da Consellería de Sanidade outros dez falecementos de persoas que se contaxiaran do coronavirus. Tres delas, corresponden ás últimas vinte e catro horas. O total de decesos oficialmente ligados á pandemia en Galicia elévanse así aos 1.659 cunha media dunhas quince mortes diarias na última semana, a máis elevada dende o abril do ano pasado [a serie completa dos datos, nesta ligazón]Duas semanas por riba dos mil casos diarios detectadosCoa vaga expansiva dos contaxios das semanas do Nadal, Aninovo e Reis aínda golpeando con dureza nos hospitais, nos centros de saúde (os casos activos superan por primeira vez os 21.000) e nas cifras de mortalidade, o Servizo Galego de Saúde segue a realizar cribados que, unidos ao gran número de persoas que son sometidas a probas por padecer síntomas, continúan a manter o volume de novos casos detectados en niveis moi altos. Son xa dúas semanas por riba dos mil casos novos por xornada (das seis da tarde dun día ás seis do seguinte): nas últimas vinte e catro horas, 1.586, dos que 1.297 son diagnósticos mediante proba PCR. A evolución en termos de días naturais segue sendo moi semellante. Todos os días dos últimos catorce agás un (o día 17 de xaneiro, con 975) foron rexistrados máis de mil novos casos. No último día completo dispoñible, o luns 25, foron 1.372. Neste contexto, a media de diagnósticos a través de PCR da última semana sitúase en 1.303, outro máximo dende o comezo da pandemia, aínda que o ritmo de incremento deste indicador amosa certos sinais de acougo.A incidencia en máximos e o que pode estar por virA incidencia a 14 días para o conxunto de Galicia supera os 700 casos por primeira vez e os municipios sen positivos nas últimas dúas semanas son xa só 15Con estas cifras de casos novos das últimas dúas semanas, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) neste período continúa incrementándose. Para o conxunto de Galicia supera por primeira vez os 700 casos tras semanas de extensión que deixan en só 15 os municipios sen ningún positivo rexistrado nos últimos catorce días. A mediados de decembro chegaran a ser máis de cen.[A expansión da COVID por Galicia rebaixou dende decembro de 100 a 16 os concellos libres de contaxios]Como amosa o mapa baixo estas liñas, comarcas enteiras están moi por riba deses 700 casos que marca o dato global de Galicia. Diversos concellos ourensáns superan os mil e mesmo os dous mil casos por cada cen mil habitantes neste indicador (cómpre ter en conta, non obstante, que a incidencia acumulada tende a dispararse en concellos de moi poucos habitantes). Tamén sucede en municipios da Mariña occidental e do Ortegal ou en puntos do Baixo Miño, entre outros.Por cidades, as dúas con maior incidencia acumulada a 14 días , Ourense e A Coruña, continúan coa liña ascendente nunha xornada na que, non obstante, hai dúas novidades salientables. Santiago e Vigo diminúen a súa incidencia acumulada por primeira vez dende antes do Nadal. Cómpre agardar, non obstante, para comprobar se este é ou non o primeiro sinal de acougo dunha tendencia descendente nos vindeiros días.Que é o que pode suceder en próximas xornadas e semanas é, precisamente, unha das grandes preguntas que xorden na sociedade galega ao estrear o novo e estrito paquete de restricións. A comparación dos datos de incidencia acumulada a 7 e 14 días cos de semanas anteriores, a coñecida como "razón de taxas", suxire unha lixeira deceleración do que, non obstante, aínda é un aumento.A evolución das incidencias acumuladas a 7 e 14 días suxire un freo no seu ritmo de incremento dende mediados de mesA división dos actuais indicadores cos dos mesmos días das semanas anteriores segue arroxando un resultado superior a 1, o cal quere dicir que a incidencia segue aumentando. Non obstante, non é menos certo que ese ritmo de incremento comezou a trazar unha liña descendente arredor do 14 de xaneiro, no caso da incidencia a sete días, e uns días despois para a incidencia a 14 días. Con oscilacións e variacións como as que amosa a propia gráfica, o certo é que o ritmo acouga ou semella acougar. Tan certo como que ata que este indicador baixe de 1, a incidencia seguirá á alza.Positividade media estancada entre o 10 e o 11Todos estes datos rexístranse nun contexto no que Sanidade segue a procesar un elevado número de probas PCR, unha das razóns fundamentais polas cales a actual vaga non é comparable coa primeira (con moitas menos probas), pero si coa do pasado outono. A media diaria de probas PCR procesadas na última semana rolda os 11.500 test, máximos de toda a pandemia [a serie completa de datos, nesta ligazón]Mentres continúan os cribados en diversos puntos do país (utilizando PCR e tamén test de antíxenos, informa o Sergas), a taxa media de positividade (porcentaxe das probas que dan positivo) a sete días segue estancada entre o 10% e o 11%. Esta taxa non aumenta de xeito significativo dende hai dúas semanas, pero este tamén é o período que leva estancada nos devanditos niveis, que supoñen máis que suplicar o 5% que a Organización Mundial da Saúde ten como referencia para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.
PRAZA_16332
Carlos Lorenzo debulla o proxecto de Vértice de Versos, o seu documental sobre a poesía galega dos últimos 25 anos. VÍDEO | Teaser de Vértice de versos
VÍDEO | Teaser de Vértice de versos "Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos". Así explica Carlos Lorenzo, o director do documental Vértice de versos, o seu proxecto para este filme, que acaba de presentar o seu teaser. Falamos con el. Xa traballaras no audiovisual -en guión, produción e dobraxe-, e ademais fixeches un documental con Bocixa sobre os 20 anos do Premio de Poesía do concello de Carral. De que maneira un proxecto levou a outro? Este proxecto nace a raíz dun traballo que estaba a facer para a Escola de Imaxe e Son da Coruña e pola relación que manteño co eido da poesía galega. Como responsable do Premio de Poesía Concello de Carral desde o seu nacemento hai 21 anos, fun establecendo unha estreita relación con poetas de Galicia. Vin nacer a traxectoria de moitos deles. Con outros a relación foise fornecendo desde o meu papel de xestor cultural. "A ambición era facer unha produción de calidade que falase do que nunca se tiña falado nun audiovisual galego, que é sobre a nutrida xeración de poetas coa que conta Galicia" Daquel proxecto inicial e unha vez que comezamos a produción do documental para conmemorar os 20 anos do certame de Carral, collín os folgos suficientes para emprender este documental coa ambición de facer unha produción de calidade que falase do que nunca se tiña falado nun audiovisual galego, que é sobre a nutrida xeración de poetas coa que conta Galicia. O documental trata de contar o acontecido desde os 90 na poesía galega. Non é un proxecto nada doado. Con que criterios (cronolóxico, temático, formal...) formulastes o relato dos feitos? Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela. Con cada persoa coa que falaba para involucrala no proxecto, sempre lle facía ver que a miña intención era crear un produto audiovisual de calidade que contase o que leva pasando na literatura galega nos últimos 25 anos, incidindo, evidentemente, na poesía. Para iso eu tiña claro que non funcionaría entrar en análises literarias nin en comentarios académicos. "Desde os primeiros pasos houbo un criterio fundamental: espertarlle a curiosidade pola nosa poesía a quen nunca tivo interese por ela" Como comentei en varias ocasións durante a rodaxe ou no traballo de edición, estabamos a sacarlle a túnica ao vello poeta; estabamos a facer un documental sobre poetas, e non tanto sobre poesía. Con isto quería deixar claro que os espectadores tiñan que descubrir as persoas que fan poesía, rachando cos tópicos e comprobando que é unha actividade creativa tan natural coma calquera outra e que se está a transformar co tempo igual que outras expresións literarias ou artísticas. "Estabamos a sacarlle a túnica ao vello poeta; estabamos a facer un documental sobre poetas, e non tanto sobre poesía" Mais eu sabía que para contar este fenómeno con expectativas de éxito, había algúns feitos na nosa poesía recente que me axudarían a darlle ese brillo atractivo ao documental. Por exemplo, o acontecido nos anos 90, cunha extensa nómina de poetas novos, que comezaron a innovar no modo de ofrecerlle poesía ao público. Dedicamos un tempo a escoitar a Modesto Fraga e a María Lado falándonos do Batallón Literario da Costa da Morte, todo un fenómeno en Galicia que rachou con vellos tópicos. Ou cal foi o motivo para que nacese unha editorial como Letras de Cal. Estes, entre moitos outros, foron feitos singulares que nos fan ver que aqueles novos e novas poetas non só quedaron na escrita duns versos, senón que tiveron a ansia de levar os seus poemas por innumerables e singulares lugares de toda Galicia. Remato esta pregunta comentando que Vértice de Versos desenvólvese a través de diversos temas sen seguir unha liña cronolóxica definida. "Aqueles novos e novas poetas non só quedaron na escrita duns versos, senón que tiveron a ansia de levar os seus poemas por innumerables e singulares lugares de toda Galicia" Entre eses temas están o do protagonismo actual da muller na poesía, os novos modos de expresión poética, facemos un rápido repaso pola historia da nosa poesía, cal está sendo a situación actual da nosa poesía, que pode pasar no futuro… E ocupa unha boa parte da metraxe da película escoitar a catro dos poetas falando dos seus inicios, os seus procesos creativos, as súas influencias, os seus premios… Emprégoos como exemplos do que está acontecendo en Galicia na creación poética. Estes autores e autoras son Emma Pedreira, Baldo Ramos, Gonzalo Hermo e Yolanda Castaño. En relación con iso, fala Ismael Ramos no teaser de influencias mutuas entre os novos poetas e os non tan novos, e Gonzalo Hermo menciona o proceso de "reciclaxe do canon" e, ao mesmo, o rescate de autores do pasado que aos novos poetas lles resultan contemporáneos. De que xeito trata o documental ese tema, é dicir, a influencia mutua entre poetas de distintas "xeracións"? Eses comentarios que escoitamos de Ismael e de Gonzalo é a resposta á miña pregunta de se eles senten a influencia de xeracións anteriores, tendo en conta que eles son os que agora están consolidando unha carreira literaria. Eu facíalles esa pregunta porque tiña a impresión de que esta xeración estaba sendo moito máis rebelde que as anteriores á hora de beber dos seus predecesores na vangarda literaria. Mais o erro parece ser meu. "Eu tiña a impresión de que esta xeración estaba sendo moito máis rebelde que as anteriores á hora de beber dos seus predecesores na vangarda literaria. Mais o erro parece ser meu" Como escoitaches no teaser, falan de que son perfectamente coñecedores do feito polas xeracións anteriores. Son referencias, mais non teñen por que ser os puntos de partida. Moitos dos que interveñen salientan a circunstancia de que están a convivir cinco xeracións de poetas, sendo a maior Luz Pozo e os mais novos os da xeración de Gonzalo ou Ismael. Esta confluencia parece que está a favorecer que a escrita poética se vexa influenciada entre xeracións nos dous sentidos. "Moitos dos que interveñen salientan a circunstancia de que están a convivir cinco xeracións de poetas, sendo a maior Luz Pozo e os mais novos os da xeración de Gonzalo ou Ismael" O documental está armado a través de entrevistas a representantes da crítica, da edición -por exemplo, Fernán Vello e Antía Otero e Dores Tembrás de Apiario-, e da escrita. Cales foron os criterios de escolla dos entrevistados? (Entendo que quizais se daría prioridade a editoras pequenas, aos escritores máis novos...) No documental, no que non existe unha voz en off que guíe o relato, interveñen 19 persoas. Agás Teresa Seara e Armando Requeixo, todos son poetas. Ademais dos xa citados ata agora, dicir que aparecen Alicia Fernández, Dores Tembrás, Antía Otero, Cesáreo Sánchez Iglesias, Eduardo Estévez, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán Vello, Rosalía Fernñandez Rial e Oriana Méndez. Quixen que as voces novas contasen a súa visión do que estaba a acontecer e como o estaban a vivir; a outros para que nos falasen dos grupos e dos colectivos dos 90; aos presidentes das principais asociación de escritores para que nos desen a súa visión de conxunto; ás fundadoras de Chan da Pólvora e Apiario para detectar se os seus proxectos son resultado deste momento favorable para a nosa poesía; os especialistas no seu estudio achégannos detalles da nosa historia literaria así como unha visión do conxunto… "No documental, no que non existe unha voz en off que guíe o relato, interveñen 19 persoas. Agás Teresa Seara e Armando Requeixo, todos son poetas" A selección dos catro "protagonistas" -o certo é que non me gusta denominalos así, mais creo que é como mellor se entende- fíxena considerando a súa traxectoria e no que podían achegar ao documental. Yolanda é sen dúbida a máis recoñecible entre o público e quen máis representa na actualidade a poesía galega no exterior. O seu papel como dinamizadora tamén me parecía interesante coñecelo. Baldo Ramos é un dos máis recoñecidos e premiados. Ademais a súa faceta de artista plástico, no que sempre está a poesía, pode resultar moi atractiva para o espectador. "A selección dos catro 'protagonistas' fíxena considerando a súa traxectoria" Emma Pedreira acumula case todos os premios posibles dos que hai en Galicia, que se converteron nunha longa lista de libros editados. Ademais, o recente premio ao mellor poema do mundo parecíame argumento dabondo para escollela. Pola súa banda Gonzalo Hermo é un bo exemplo para coñecer á xeración máis nova. O premio nacional Miguel Hernández é un mérito digno de quen será unha gran figura da nosa poesía. As persoas escollidas non o están en calidade dos mellores, senón en calidade de representativos. Poderían ser moitas outras, mais con todas as que interveñen penso que acertei para ofrecer unha ben enfocada panorámica da nosa poesía. "As persoas escollidas non o están en calidade dos mellores, senón en calidade de representativos. Poderían ser moitas outras" Tamén se poden imaxes: programas de recitais, revistas, libros... Que papel xoga no documental este material máis "de arquivo"? Estes recursos axudan a confirmar o que están a contar os entrevistados, ben porque fan referencia a eses actos ou publicacións, ou ben porque amosan un material froito do traballo realizado por eles. Vemos carteis, follas voandeiras, autoedicións ou artigos en revistas para amosar o intenso traballo de creación, edición e divulgación da nosa poesía. Empregamos en varias ocasións imaxes obtidas de webs e buscadores da internet, porque así queremos facer ver o doado que é atopar información dos nosos escritores e as súas obras. Falando da poesía desde os 90, non podía falar a reflexión sobre os intentos de sacar a poesía do pedestal e levala, por exemplo, aos bares. Saen, por exemplo, María Lado e Lucía Aldao. Que reflexión realiza o documental sobre esta cuestión? En realidade, o discurso sobre a necesidade de achegar a poesía á xente é anterior aos 90... Como xa comentei en preguntas anteriores, ese discurso da poesía fóra do pedestal é un dos obxectivos desta produción. Ademais do narrado sobre os recitais en bares e festas por parte do Batallón, tamén quixen amosar que a poesía non só se cingue ao texto, senón que existe outros tipos de expresión ou construción poética coma os blogs, as redes sociais, a poesía escénica ou a vídeopoesía. Este aspecto creo que é un dos temas que máis interese pode espertar na xente moza que olle o documental. "Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube" Os novos tempos e as novas ferramentas tecnolóxicas facilitan que se poida experimentar con outra forma de facer poesía. Pode ser un novo punto de entrada, tanto para crear como para gozar da poesía. Parte deste discurso pode parecer que pertence a un tempo anterior e que agora está caduco. Penso que o que acontece é que segue tendo vixencia e segue sendo necesario, mais non resulta tan sorprendente como hai 20 anos, cando a referencia única da poesía era o libro e o recital formal. Segue sendo necesario facer ver que a poesía está na barra do bar, nunha pintada na rúa ou en Youtube. En relación con iso, que reflexión xeral tira o documental sobre a evolución da poesía entre os 90 e os 2000? E entre os 2000 e o 2010, por exemplo? É dicir, as últimas "fornadas" de poetas... O certo é que o documental non entra a analizar con profundidade esa evolución. Non fai unha comparativa. Si que se extrae a conclusión da maior presenza feminina, dunha maior formación literaria das novas xeracións, da súa inquedanza por chegar ao público cos seus poemas sen ficar agardando tan só pola publicación do libro, e polo desacougo que existe ante a incertidume de se o número de lectores irá parello ao maior número de creacións poéticas. Si é posible visibilizar no documental que os 90 foi un tempo de convulsión e de moitos cambios que deixaron preparado o camiño para novas xeracións. "Si é posible visibilizar no documental que os 90 foi un tempo de convulsión e de moitos cambios que deixaron preparado o camiño para novas xeracións" Outro dos temas parecen ser os problemas: por exemplo, atopar canles para sacar adiante a oferta, como di Dores Tembrás. Cales son as dificultades, neste sentido, que máis remarca o documental? Aínda que o ton non parece ir moito no sentido da denuncia e os aspectos negativos, senón da análise da poesía galega como a poesía de calquera outro país. Dis ben de que non buscamos moito a parte negativa, aínda que algúns intervintes dixeron frases moi contundentes sobre as dificultades. Seguen sendo as vellas: dificultade para publicar, para visibilizarse, para vivir da poesía… Yolanda Castaño si fai unha reflexión ao respecto. Ese comentario deixámolo na secuencia final, no que escoitamos moitas intervencións a xeito conclusivo. E creo que o comentario de Yolanda ten un gran valor polo que ela percibe no exterior sobre a nosa poesía. Pero si que é certo que non incidín moito nos aspectos negativos porque realmente acaba sendo o mesmo discurso de hai 20 anos. Nese obxectivo meu de que Vértice de Versos fora unha chamada de atención sobre a calidade dos poetas de Galicia, optei por manter ao espectador fóra da complexidade da maquinaria do noso sistema literario. "Si que é certo que non incidín moito nos aspectos negativos porque realmente acaba sendo o mesmo discurso de hai 20 anos" Supoño que un dos perigos podería ser incidir nos tópicos. Por exemplo, a frontal oposición entre o suposto "culturalismo" dos 80 e a "renovación" dos 90. Ou mesmo os tópicos sobre a "poesía de mulleres" dos 90, con todos os seus items dominantes: o erotismo, o corpo... Como traballastes este aspecto? Si hai tópicos que se citan. E fanse coa naturalidade de quen é sabedor de que moitos deses temas son moi recorrentes nas conversas de quen ten relación co eido literario ou de lectores máis fieis, pero non acaban sendo cuestións que coñeza o gran público, porque o gran público non le poesía. Ademais existe a intención de que Vértice de Versos sirva para que no exterior se coñeza un pouco máis o que aquí se está a facer. De feito, faremos versións subtituladas ao castelán e ao inglés para que o documental se poida proxectar fóra das nosas fronteiras. Para ese público os "tópicos" que a nós xa nos aburren, serán para eles novidosos. "Existe a intención de que Vértice de Versos sirva para que no exterior se coñeza un pouco máis o que aquí se está a facer" Aproveito para incidir tamén no carácter didáctico que cremos que ten o documental. A visión que damos sobre estas xeracións de poetas, incluíndo ademais unha contextualización histórica, resultará unha ferramenta de gran utilidade para o ensino medio e superior. A web do documental incluirá as 19 entrevistas realizadas para o documental, para poder escoitar todo o comentado por cada entrevistado ou entrevistada. Ademais, da man de Teresa Seara, estamos a preparar recursos didácticos, dispoñibles tamén na web, para poder traballar estas xeracións nos centros de ensino, xa que detectamos que non existen recursos semellantes que poidan resultar atractivos para a mocidade. Salienta Yolanda Castaño que a poesía galega vive un momento de grande creatividade... Iso é, tamén, algo que se leva dicindo desde hai bastante tempo. Mais como evitar, tamén aquí, un ton que poida ser demasiado celebrativo? Porque se cadra, sendo necesario tirar de enriba os complexos, tamén o é situar a poesía galega nun contexto global no que é unha máis. Porque, de non facerse isto, tamén se poden xerar unha sorte de falsas expectativa... É certo que hai que ter os pés na terra e ter precaución coas proclamas triunfalistas. Pero tamén é certo que Galicia é terra de poetas, comezando pola matriarca, Rosalía de Castro. Tendo nós un sistema literario propio, hai que ver cal é a forza que nel ten a poesía en comparación con outros países ou idiomas. Cada vez vanse facendo máis traducións a outras linguas, existe cada vez unha maior atención ao que aquí se crea, e Galicia recibe tamén cada vez a máis escritoras e escritores estranxeiros que aquí comproban o vigor da nosa poesía. Quizais outros estean mellor, pero aquí tamén hai moi bo nivel e, por que non contalo?. "Quizais outros estean mellor, pero aquí tamén hai moi bo nivel e, por que non contalo?" O documental leva música orixinal de Xoán Curiel, ten a Bocixa na cámara e supoño que na montaxe... Contas cun bo equipo. Podes falarnos del? Desde a miña faceta como produtor e director teño que dicir que fun moi afortunado en conseguir confeccionar un equipo como o de Vértice de Versos. Conseguir que na miña primeira produción se suban ao carro profesionais de grande nivel foi unha sorte da que moitos non poden gozar. Por unha banda Xoán Curiel foi dos primeiros cos que falei e axiña me dixo que contara con el. Usamos algunha canción que xa tiña na súa discografía, mais pedinlle se podía facer un tema orixinal con algún poema recente. Buscamos entre os dous e un día sorprendeume cunha maqueta marabillosa coa letra dun poema de Modesto Fraga. Foi fantástico e emocionante escoitalo. Ademais encargouse doutras melodías que van soando no documental. "Xoán Curiel sorprendeume un día cunha maqueta marabillosa coa letra dun poema de Modesto Fraga. Foi fantástico e emocionante escoitalo" Para darlle un punto atractivo, planifiquei a incursión de ilustracións orixinais. Pensei en María Lires, quen se entregou en corpo en alma ao proxecto para facer uns debuxos que aparecen en certos momentos do documental, e que sei que lles van a gustar aos espectadores. Xa na parte máis técnica, para a rodaxe contei na imaxe e realización con Xosé Antón Bocixa, co que xa compartira proxecto co documental do premio de poesía Concello de Carral. É outro gran profesional que se implica no proxecto sen escatimar esforzo e entrega. Para o son está Alfonso Camarero, que participou nalgunhas sesións de rodaxe, nas gravacións que fixemos no estudio e que está coa posprodución de son. Xa contaba con experiencia en outros proxectos audiovisuais e o seu estudio GourmetSound na Coruña converteuse nalgunha xornada de traballo nun lugar máxico e acolledor. "Para darlle un punto atractivo, planifiquei a incursión de ilustracións orixinais" A montaxe correu a cargo de Manuel Macou. A súa achega ao proxecto é moi salientable porque foi capaz de empatizar de tal maneira comigo que puido entender perfectamente as miñas intencións de cómo contar os temas previstos. O ritmo que lle imprimiu ao documental e lograr que 19 persoas falando non resulte aburrido, é un mérito propio dun magnífico editor. O equipo complétanno Fran X. Rodríguez, un creador audiovisual excepcional que traballa nos grafismos e co material que realizou María Lires, logrando que os discursos se vexan enriquecidos no visual; e Enrique Moro na etalonaxe, un dos mellores profesionais galegos nesta especialidade. Somos un equipo pequeno porque é unha produción pequena, mais síntome afortunado de estes profesionais porque sei que son do mellor co que podía contar para este proxecto. Algo máis que queiras salientar? Se ben Vértice de Versos é unha longametraxe de 65 minutos, está prevista unha versión de 45 minutos que sexa de proveito para o ensino. Moitos profesores de lingua e literatura galega comentáronme xa na etapa de preprodución, do valor que podía ter un audiovisual color que podía ter un audiovisual coma este para achegar o coñecemento e o interese do alumnado á poesía galega recente. Así, decidín empregar certos recursos que puidesen axudar a crear proximidade entre o documental e o espectador, tanto adulto como estudante. Creo que o conseguimos. Enfatizar que non é un documental xuvenil nin educativo, mais que si pode espertar o interese deste tipo de público. Web de Vértice de versos
NOS_14686
O dato do Estado español (8,9%) é tres décimas porcentuais inferior ao galego.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta sexta feira o Índice de Prezos de Consumo (IPC) do mes de setembro, que quedou en 8,9%, 1,6 puntos porcentuais menos que o dato do mes de agosto e 1,9 puntos menos que en xullo, cando se alcanzou 10,8%, máximo desde 1984. A inflación ascendeu en agosto na Galiza até 11%, medio punto porcentual máis que a media estatal Na Galiza, a inflación ascendeu en setembro até 9,2%, 3 décimas porcentuais máis que a media do Estado español. Porén, con respecto ao mesmo dato de agosto, o país presentou en setembro unha baixada de 1,8 puntos porcentuais. A inflación na Galiza estivo motivada en setembro principalmente polo prezo da vivenda (+17,3%), seguida de alimentos e bebidas non alcohólicas (+13,3%) e hoteis, cafés e restaurantes (+9,1%). O aumento do prezo de bens básicos é na Galiza 200% superior á suba dos salarios Desta maneira, no que vai de ano, o país rexistra un incremento de 5,7% no índice de prezos de consumo. Moderación do IPC Nesta moderación do IPC, segundo o INE, xogou un papel moi importante a baixada de prezos da electricidade e dos combustíbeis. Porén, o prezo dos alimentos mantívose un mes máis, no máximo histórico, ao volver subir. Por que a inflación é máis alta na Galiza que no resto do Estado? Eis as razóns Así, o IPC dos alimentos situouse en 14,4%, a cifra máis alta desde 1994, cando se comezaron a recoller estes datos. Entre os produtos específicos cunha maior variación positiva, destaca a carne , os legumes, o leite e os ovos. En canto á inflación subxacente -que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos-, situouse en setembro en 6,2%, dúas décimas porcentuais menos que no mes anterior.
PRAZA_3134
En Galicia, na que moitas das actividades económicas máis características se corresponden con oficios feminizados e tamén precarizados, vemos con esperanza á Ministra de Traballo Yolanda Díaz
Trinta anos entre un "ide para casa a facer a cea" e outro. Ao que no ano 89 estaba normalizado, hoxe se resposta con abucheosHai unhas semanas, durante o ensaio na Praza do Obradoiro da performance viral do grupo Las Tesis, "un violador en tu camino", un individuo quixo cubrirse de gloria mandando "para casa a facer a cea" ás máis de 300 mulleres que participaban en Compostela dun fenómeno que percorre prazas e rúas de todo o mundo. Deseguido, as mulleres e homes que asistían ao ensaio increparon a quen resultou ser ademais un membro de novas xeracións do PP, quen ao día seguinte viu como o partido renegaba da súa bravuconada e lle indicaba a porta de saída.No seu documental "Doli, doli, doli... coas conserveiras", Uqui Permui narra como cerca de 100 mulleres (catro delas en folga de fame) se encerraron contra o peche da conserveira Odosa na Illa de Arousa polo ano 89. As imaxes, baseadas no material gráfico que as mulleres gravaron durante o encerro, contan como non eran descoñecidos, senón os propios maridos, os que esixían que deixaran o encerro para ir atender as tarefas domésticas e coidar da familia. Trinta anos entre un "ide para casa a facer a cea" e outro. Ao que no ano 89 estaba normalizado, hoxe se resposta con abucheos. Ata aquí todo ben. Pero, a cuestión de fondo nesas palabras e que revelaba o documental, a concepción do emprego feminino como un ingreso complementario das familias, está realmente superada? Se atendemos aos índices de precariedade, ás porcentaxes e o xénero do emprego a tempo parcial, á fenda salarial ou á corresponsabilidade nos coidados, advertiremos que os cambios son máis superficiais que estruturais. Non en van, moitas das loitas laborais dos últimos tempos foron protagonizadas por mulleres que, seguindo a estela das traballadoras de Odosa no 89, se plantaron ante unha realidade que propicia que a precariedade no emprego teña rostro de muller. Só en Galicia existen numerosos exemplos recentes de reivindicacións femininas. É o caso das redeiras e as traballadoras do mar que loitan polo recoñecemento das especificidades das doenzas propias do seu traballo ou melloras no coeficiente reductor, ou as traballadoras do frío, as de Bershka, as Kellys, as teleoperadoras, as "enfermeiras en loita", as traballadoras de axuda no fogar, e un longo etcétera.En Galicia existen numerosos exemplos recentes de reivindicacións femininas. É o caso das redeiras e as traballadoras do mar, ou as traballadoras do frío, as de Bershka, as Kellys, as teleoperadoras, as "enfermeiras en loita"O mesmo movemento 8M fixo da folga o eixo central das nosas reivindicacións como mulleres, estendéndoa ademais a unha cuestión tan determinante da nosa realidade como son os coidados, afirmando así o que os maridos lles quixeron negar ás mulleres da Illa de Arousa hai 30 anos, o noso dereito á loita.Fai unhas semanas, o meu sobriño de 11 anos contábame que no colexio a mestra lles pediu que inventaran un superheroe ou superheroína e como elixiu crear á "superfeminista". Máis alá do anecdótico e do orgullo de tía, esta historia reflicte como, lonxe dos modelos que nos foron asignados tradicionalmente, o feminismo comeza a introducir outros nos que a sociedade identifica ás mulleres coa superación e a loita. Mesmamente, ficcións recentes como Watchmen ou o episodio final da saga Star Wars reforzan este relato ao construír o elemento heroico mediante personaxes femininas. Claro está que este relato gañador non basta para transformar a nosa sociedade e as nosas vidas. De feito, vivimos tempos de contrarrelato e demonización do feminismo dende os sectores máis reaccionarios da sociedade. Nese senso, a recente conformación dun goberno de coalición progresista no estado non pode ter máis de oportuno e de oportunidade. Oportuno, porque non hai maior defensa contra a ultradereita que seguir avanzando. Oportunidade, porque é a primeira vez na nosa democracia que se conforma un goberno destas características, que inclúe a unha forza política con vocación transformadora e feminista como a que representa o grupo confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común.En Galicia, na que moitas das actividades económicas máis características se corresponden con oficios feminizados e tamén precarizados, vemos con esperanza á Ministra de Traballo Yolanda DíazComo muller e feminista, síntome dobremente ilusionada. Unha forza galega como Galicia en Común estará no goberno da man da ministra Yolanda Díaz. Muller infatigable que ten a insólita virtude de estar en todas as loitas ao lado das traballadoras e traballadores. Unha ministra de traballo que coñece a realidade laboral porque a viviu nas trincheiras, non nos despachos. Pero, ademais, fronte ao Ministerio de Igualdade estará outra muller, Irene Montero, quen representa ese feminismo interseccional e das rúas que se articula como a máis eficaz proposta de impugnación do actual sistema de desigualdades. A presenza destas dúas mulleres fronte a estes dous ministerios é unha conxunción feliz que traballará para acabar coa fenda laboral, para dignificar e reformular o sistema de coidados, avanzar cara a corresponsabilidade ou rematar coas distintas discriminacións e abusos que padecemos por ser mulleres.En Galicia, na que moitas das actividades económicas máis características se corresponden con oficios feminizados e tamén precarizados, vemos con esperanza á Ministra de Traballo Yolanda Díaz. Porque a recoñecemos como unha das nosas. Porque sabemos que, sen dúbida, Yolanda Díaz estaría xunto a esas mulleres que se encerraron na fábrica de Odosa no 89, e como elas se enfrontaría aos maridos que as quixeron mandar para casa. E finalmente, marcharía coas súas compañeiras emitindo o seu berro de solidariedade, "doli, doli, doli".
PRAZA_20390
O comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria respondeu así á pregunta formulada pola eurodeputada Lidia Senra (AGEe). Sinala que as actuacións si poden "conter a súa propagación natural" e afirma que a UE "podería considerar a adopción de medidas de emerxencia"
A Comisión Europea cre que as medidas adoptadas polo Goberno galego e polo Goberno central para loitar contra a expansión da couza guatemalteca da pataca (Tecia Solanivora) non conseguirán erradicar a praga e que, como moito, servirán para conter a súa propagación natural. Así o afirmou Vytenis Andriukaitis, actual comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria, en resposta a unha pregunta formulada pola eurodeputada de AGEe Lídia Senra. O comisario recoñece que as medidas "abordan de maneira eficaz o risco dunha maior propagación co desprazamento de plantas hóspede" pero que "dificilmente lograrán erradicar a praga" Na súa resposta a Comisión Europea comunica que "levou a cabo unha inspección en España a fin de avaliar a situación e a eficacia dos controis oficiais de loita contra a Tecia solanivora en Galicia e Asturias" e afirma que "os resultados da inspección poñen de manifesto que as medidas adoptadas dificilmente lograrán erradicar a praga". Porén, si recoñece que "servirán para conter efectivamente a súa propagación natural" e que "abordan de maneira eficaz o risco dunha maior propagación co desprazamento de plantas hóspede". A resposta remata informando que "a Comisión segue vixiando de preto a situación, en particular, o éxito das medidas e a evolución da praga" e que "en función dos resultados, a Comisión, en consulta cos Estados membros, podería considerar a adopción de medidas de emerxencia da UE". Lídia Senra considera que é "grave" a "incompetencia" que están a manifestar tanto o Goberno estatal como a Xunta á hora de abordar medidas para afrontar esta praga e pide que se actúe "con responsabilidade". Senra reclama que as medidas do Goberno galego vaian máis alá de subvencións, "que haxa rigor na implementación das medidas e que se aborden as actuacións necesarias para permitir sementar para venda a pequena escala e para o autoconsumo nas zonas afectadas na próxima campaña". A eurodeputada critica, así mesmo, que na comisión de seguimento da praga, que se constitúe este venres, "non estean convidados a participar e estar presentes os sindicatos agrarios, que son os que de primeira man deberían tamén amosar a súa opinión como principais afectados". "En función dos resultados, a Comisión, en consulta cos Estados membros, podería considerar a adopción de medidas de emerxencia da UE" Senra afirma tamén que "a Comisión Europea debería poñer en marcha, desde xa, medidas para previr a aparición de novas pragas e enfermidades, poñendo límite á circulación masiva de produtos e facendo controis exhaustivos dos produtos de importación, vixiando para que se aplique a lexislación rigorosamente e priorizando os intereses das e dos labregos antes que o negocio do comercio" A Comisión comparte as dúbidas dos expertos Senra pide que a Xunta adopte as medidas necesarias para "permitir sementar para venda a pequena escala e para o autoconsumo nas zonas afectadas na próxima campaña" As dúbidas expresadas pola Comisión Europea sobre a eficacia das medidas adoptadas polos gobernos galego, asturiano e central van na mesma liña que as que hai unhas semanas sinalaba en Praza o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez García, que alertaba de que o anuncio da conselleira de Medio Rural de que a praga xa estaba controlada na provincia da Coruña podía constituír "un espectáculo de triunfalismo esaxerado que raia no neglixente". Pérez García explicaba que as medidas "implementadas tarde e executadas de xeito irregular, con patacas aínda medrando nas leiras, fannos desconfiar da bondade dos resultados obtidos" e subliñaba que "o trampeo con feromonas non é, en si, un método de loita contra pragas senón un medio complementario que permite coñecer a densidade de poboación dun insecto nunha zona e nun período determinado" O enxeñeiro amosaba a súa estrañeza por que "practicamente sen pór medios de loita, sen aplicar un só praguicida e arrincando as patacas a destempo, declárase controlada unha praga que nas Illas Canarias leva máis de quince anos ocasionando elevadas perdas e quebrando a cabeza a persoal técnico e investigador sen solución no horizonte".
NOS_1110
Chega a cuarta feira e con ela, a saída do semanario en papel Sermos Galiza do prelo. O número 352, que abre con voces galegas sobre a vixencia do pensamento de Simone de Beauvoir cando se fan 70 anos da publicación de "O segundo sexo".
O segundo sexo é unha obra feminista de referencia. O primeiro volume desta publicación fai setenta anos e con este motivo reunimos as voces de cinco feministas galegas que, coa ollada actual, recuperan a esencia deste libro. Falamos con María Pilar García Negro, María Xosé Porteiro, Carme Adán, Marga do Val e Marga Marcuño. En opinión, contamos coas sinaturas de David Otero e de Marga do Val, e cunha nova entrega da sección de Xoán Costa "A ollo nu". En Sociedade, resgatamos os feitos vividos cando se proclamou a República galega e tamén poñemos o foco na loita LTBTI+. En economía, alén das últimas novidades sobre R, publicamos unha reportaxe sobre a biotecnoloxía galega, que se atopa á cabeza no Estado español, mentres que en política nos debruzamos sobre as negociacións entre Podemos, Anova e EU para crear unha coalición de cara ás eleccións galegas. Ademais, en internacional, abordamos as experiencias de cooperación transfronteiriza entre Galiza e Portugal. Abrimos Fóra de Serie cunha reportaxe sobre a poeta Pilar Pallarés días antes de recibir o premio Escritora na súa Terra da AELG e entrevistamos Mark Toscano, un dos cineastas máis reputados a nivel mundial, que viaxou da Academia dos EUA á Galiza. "Galileo no espello da noite" é a protagonista da crítica literaria asinada por Mario Regueira, mentres que Andrés Castro debulla "Elisa e Marcela", o filme de Isabel Coixet producido por Netflix. Recollemos ademais as propostas literarias para o verán de Montse Pena Presas e coñecemos a poeta Olinda Beja da man de Xoán Costa. En Andar e Ver visitamos, desta vez, a ruta da Pedra Furada e publicamos as columnas de Pepe Barro, sobre deseño gráfico, e de Xulio Carballo, sobre banda deseñada. O selfie protagonízao a escritora Rosalía Morlán. Fecha este Fóra de Serie o calendario de xullo coas efemérides máis destacadas, cortesía da AS-PG. Nas próximas horas, o semanario número 352 de Sermos Galiza estará dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques.
NOS_6183
[ACTUALIZACIÓN 17:30H] Cualifican de "éxito" a "ausencia masiva" de alumnado nas aulas coincidindo coa primeira xornada das probas en 6º de Primaria. A Xunta cifra no 40% o seguimento do boicote e acusa as organizacións sindicais e políticas de manter unha "postura egoísta" pensando "máis nos seus propios intereses que no beneficio dos alumnos".
Segundo as cifras fornecidas pola Plataforma galega en defensa do ensino público o boicote á reválida de 6º de Primaria que comezou esta cuarta feira e continuará até o 13 de maio situouse por volta do 75%-80% no conxunto do país o que reflicte, din, "o rotundo rexeitamento á LOMCE" e ás propias reválidas. Nalgúns centros, din, da Costa da Morte a cifra de ausencias foi superior ao 80% mentres que noutras zonas do sur do país o número foi algo menor. A Xunta recoñece o 40% de seguimento ao boicote Pola súa banda o goberno galego situou o seguimento do boicote no 40% nuns dados que contemplan tamén os centros privado-concertados. Uns dados "razoábeis", dixo o conselleiro Román Rodríguez, tendo en conta os chamamentos lanzados desde as organizacións sindicais, plataformas e forzas políticas ás que acusou de manter unha "postura egoísta" pensando "máis nos seus propios intereses que no beneficio dos alumnos". Neste senso, "o pouco [alumnado] que asistiu fíxoo en moitos casos por imposibilidade das familias de deixar os/as fillos e fillas nas casas pero aínda así manifestaron o seu rexeitamento a estas probas", apuntou Anxo Louzao, portavoz da plataforma. Perante estas cifras desde a PGDEP instan a Xunta de Galiza a paralizar este "despropósito e aberración pedagóxica" tamén as que atinxirán o estudantado de 3º de Primaria os días 24 e 25 de maio. Así, achan que o boicote evidencia que a LOMCE se está a aplicar "de costas á sociedade". "Estamos moi satisfeitos polos datos de non asistencia a estas probas que son innecesarias e estériles e que poñen atrancos na vida dos noso fillos e fillas. É incríbel que haxa un goberno que queira etiquetar a nenos e nenas destas idades", afirmou o vice-presidente da Confederación ANPAS Galegas, Fernando Lacaci. Estas probas son innecesarias e estériles" Desde a Plataforma lembran que estas probas visan "ser unha maquinaria de selección social. Pedagoxicamente supoñen unha presión innecesaria para o alumnado mediante probas que van avaliar exclusivamente estándares uniformizadores, sen considerar a educación como un proceso no que hai que ter en conta as circunstancias tanto persoais como socioeconómicas da alumnado"; "recentralizan o sistema educativo, na medida en que non ten cabida o estudo e coñecemento de aspectos que nos conforman como pobo galego e como persoas" e "desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente xogándose o alumnado todo a unha proba, sen considerar a opinión e avaliación do seu profesorado". Así pois, a Plataforma advertiu que continuará mobilizándose até que desaparezan as reválidas e sexa derrogada a LOMCE ao tempo que amosou o seu agradecemento ás familias que escoitaron o chamamento non enviando as crianzas aos centros educativos.
NOS_14685
Escultura e pintora, son candidatas a se incorporaren á institución en calidade de academicas numerarias. Neste momento, a nómina de mulleres é de apenas 3 dun total de 27 membros numerarios.
O plenario da Academia de Belas Artes de Galiza que tomará unha decisión sobre as candidaturas de Penalta e Lamas terá lugar o domingo 27 de maio. Segundo puido saber Sermos, as súas son as únicas nomeacións, o que indica que con toda seguridade adquirirán a plena condición de integrantes da institución. Soledad Penalta (Noia, 1943) é unha escultora especialmente coñecida polas súas pezas de ferro, embora tamén ten traballado a cerámica. Acredita un grande dominio das formas xeométricas e súa obra, alén de ser moi reputada no país, tense exposto tamén en prazas tan fortes como París ou Porto. Menchu Lamas (Vigo, 1954) é un dos grandes nomes da arte galega das últimas 4 décadas, desde que en 1980 co-fundou o mítico colectivo Atlántica. Hai obra súa -caracterizada por un poderoso cromatismo e un hábil dominio da iconografía pop- en contentores tan prestixiosos como o Museo de Arte Contemporánea de Madrid ou o Raíña Sofía.
NOS_33606
Son froito das Residencias Cruzadas que tiveron lugar durante o mes de febreiro.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela arrincará a próxima terza feira con pequenas mostras ao público do programa Residencias cruzadas, desenvolvido durante o mes de febreiro polo Centro Dramático Galego. Nos encontros previstos até a quinta feira, o público poderá coñecer os procesos de creación dos diferentes traballos e asistirá a unha breve representación de cada un deles. Todas as sesións serán ás 18 horas e a billeteira abrirase unha hora antes, para recoller as entradas que serán de balde. A terza feira, Diana Sieira e Helena Salgueiro compartirán os seus proxectos The Witch e Ferro, Federicci a través de lecturas comúns e complementarias. A cuarta feira tocaralle a Producións Dispersas, con Mentres dure a canción; e Mónica Sueiro, con 15 minutos, que afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo. Por último, a quinta feira Anómico Teatro presentará Mosaico de anxos abandonados despois do combate, y Cía. Sr. López fará o propio con Manuela Rodríguez é unha inuit, con lecturas complementarias sobre exilios e migracións.
NOS_34334
O Ingreso Mínimo Vital (IMV) estabelecido polo Goberno español é incompatíbel con recibir a renda de inclusión social galega e, en consecuencia, hai cartos que xa non se están a investir.
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou nesta sexta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "facer caixa" con aquelas partidas da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) que agora fican sen repartir ao cubrírense coa prestación estatal do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Por iso, chamou a destinar a política social as partidas da Risga que non se repartan. Así se manifestou hoxe, após un encontro co ministro ro de Inclusión, José Luis Escrivá. En opinión do socialista, o que debe facer a Xunta é "reinventar as partidas" de forma que cheguen igualmente "ás persoas máis desfavorecidas e vulnerábeis". Dado que cobrar a Risga é incompatíbel con ingresas o IMV, propuxo impulsar cos cartos "programas complementarios para evitar a pobreza e a desigualdade e para protexer ás familias". O que non quere é que "faga caixa" co que deberían ser investimentos na poboación. Respecto á distribución destas axudas, Caballero resaltou que hai 15.200 receptores do fondo español malia levar só un ano en marcha fronte aos 13.600 da Risga "a pesar de levar décadas en funcionamento". Críticas á xestión económica Dáse a circunstancia de que esta mesma semana o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén acusou a Xunta de gañar "diñeiro coa pandemia". Neste caso aludiu ás subvencións que chegan do Estado para os sectores máis castigados pola crise sanitaria. Segundo o rexedor socialista, ademais de non destinar fondos das arcas galegas, "tampouco" está a investir "todo o diñeiro transferido polo Goberno" español.
NOS_3383
Están distribuídos en 186 centros educativos do país, segundo apuntou esta segunda feira o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Un total de 504 refuxiados e refuxiadas ucraínas están escolarizadas en 186 centros educativos galegos. Así o trasladou esta segunda feira a Consellaría de Educación, que detallou que 204 están en colexios e institutos da Coruña, 176 en Pontevedra, 83 en Ourense e 46 en Lugo. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, visitou o colexio CEIP Paradai, en Lugo, onde se atopan escolarizados tres dos máis de 500 refuxiados escolarizados na Galiza. Segundo trasladou o departamento de Educación nun comunicado, Rodríguez aproveitou esta visita para parabenizar o conxunto da comunidade educativa galega, e en especial o colexio Paradai, por ser "exemplo de acollida e de integración" destes alumnos por parte dos seus compañeiros, das familias e dos profesores. Lingua e arraigo, chaves na intregración do alumnado ucraíno nas aulas da Galiza Aliás, destacou "a parte positiva" deste proceso, "sen obviar as terríbeis circunstancias", pola solidariedade e "o enriquecemento mutuo en todos os sentidos", tamén a nivel educativo, do que, asegurou, cómpre sentirse "orgullosos" como cidadáns. Nesta mesma liña, sinalou o centro educativo lucense como "un referente en inclusión e atención á diversidade" do alumnado, xa que, precisou, 54% do total de 311 alumnos cos que conta o centro son de orixe estranxeira, con 21 nacionalidades distintas. Por outra parte, o conselleiro en funcións puxo en valor que o Goberno da Xunta traballou "desde o primeiro momento" para organizar unha acollida ordenada ás persoas desprazadas, especialmente no ámbito escolar. No que atinxe ao ensino destacou a habilitación dun procedemento extraordinario para a incorporación inmediata dos nenos e nenas ás aulas, á vez que se lles garantiron os servizos gratuítos de transporte, comedor e material escolar necesario.
NOS_55856
Xosé Manuel Beiras asegura, en declaracións á TVG, que hai que buscar outro espazo de unidade e exclúe a formación que lidera Luís Villares
Xosé Manuel Beiras, fundador de Anova, deu por liquidado o proxecto de En Marea e fixo un chamamento a crear outro de esquerdas e nacionalista de cara as vindeiras eleccións galegas. "Trátase de facer un proceso, de artellar ese espazo sen pensar en competir cos demais, simplemente ocupar o espazo baleiro, o espazo desnortado", asegurou en declaracións á TVG. Estas declaracións veñen días despois de que desde a propia Anova se afirmara que contaban con BNG e con En Marea de cara á vindeira cita electoral. Para Beiras o futuro de Anova está en buscar un espazo de unidade entre o nacionalismo e a esquerda excluíndo á formación que lidera Luís Villares.
NOS_47965
Un vento que pasa é "unha esaxeración propia dun vello consentido". Así resume Alfredo Conde (Allariz, 1945), veterano e premiado novelista, a súa última novela, peza escéptica sobre a senectude. É o seu regreso ás librarías tres anos despois da versión galega do Beato -publicada orixinalmente en castelán- e cinco despois do policial Chovida do ceo.
Un vento que pasa (Galaxia, 2019) relata a historia dun home enfermo que, nos intres finais da súa vida, "escoita os relatos que lle contan os seus compañeiros de doenza mentres lembra e debulla a súa propia peripecia". Desde a editorial Galaxia explican que a trama é "contada dende o cinismo e o sarcasmo": "[O protagonista] é un home atado así mesmo que soamente posúe unha certeza, a constancia dos seus erros". "Conde presenta un narrador escéptico e sagaz para quen a sabedoría é ao tempo condena e salvación", engade a nota de Galaxia, "ás veces obscena, outras con ironía clarividente, o ton confesional desta novela fai abrollar a farsa da vida". Alfredo Conde, cuxos inicios na literatura ocorreron no campo da poesía, é autor dunha extensa obra narrativa entre a que salientan títulos como Breixo (1981), Memoria de Noa (1982), Xa vai o griffón no vento (1984) -Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Cultura-, Romasanta (2004), Lukumí (2006) ou María das Batallas (2007).
QUEPASA_587
Continuamos da man da "Asociación Parroquial de Berdoias" e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias.
MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XX)CONSTRUCIÓNS DE RELIXIOSIDADE:IGREXA PARROQUIAL DE BERDOIAS E O CRUCEIRO DO ADRO (I) Fachada da Igrexa parroquial de Berdoias A construción de finalidade relixiosa máis emblemática é a igrexa de Berdoias que, a partir do século XVII, sustituíu á antiga igrexa parroquial, hoxe desaparecida, situada daquela no lugar de Grixoa. Consta esta igrexa de Berdoias dunha nave de planta de salón que comunica coa capela maior, cadrada, mediante un arco campanel sobre piares. Esta capela está cuberta por unha bóveda de cruzaría nervada e estrelada, con cinco claves. Precisamente na clave central figura o anagrama co nome de Alonso de Lema II, o fidalgo que mandou construír a capala maior en 1617, tal como aparece tamén nunha inscrición dun muro exterior. A fachada da igrexa, edificada a mediados do século XIX, está presidida, enriba da porta, por unha escultura pétrea de San Pedro, o patrón da parroquia, e sobre todo por unha esvelta torre-campanario, de tipoloxía barroca, rematada por un tambor octogonal e unha lanterna. Interior, capela maior igrexa de Berdoias (Foto: Xosé María Lema Suárez) Bóveda capela maior de Berdoias (Foto Xosé María Lema Suárez) Clave central bóveda capela maior igrexa Berdoias. Foto Xosé María Lema Suárez Inscrición no exterior capela maior (Foto. Xosé María Lema Suárez) O cruceiro procesional do Adro Cruceiro do adro de Berdoias Situado, fronte a fachada da igrexa, na zona oeste do adro. Ten unha plataforma cuadrangular de tres banzos, un pequeno pedestal e un pousadoiro a carón. No seu varal octogonal ten esculpida en relevo unha figura de S. Pedro. O cruceiro remata nunha cruz con figuras primitivistas: dun Cristo crucificado e dunha Piedade. O século XVIII é a posible datación do cruceiro. Anverso e reverso da cruz do cruceiro do adro de Berdoitas (Foto: Roberto Mouzo) Esculturas pétreas de San Pedro, no cruceiro e na fachada da igrexa Dos traballos de investigación de Xosé María Lema, presidente do Seminario de Estudos Comarcais, proceden datos deste texto, así como fotografías cedidas relativas a detalles da igrexa e cruceiro. TESOUROS DE BERDOIAS Tesouros de Berdoias (XIX): Fontes, Pozos, Lavadoiros, Vertedeiros…. Tesouros de Berdoias (XVIII): O Curro de Santa Cristiña. Tesouros de Berdoias (XVII): Os Pombais. Tesouros de Berdoias (XVI): Alvarizas. Tesouros de Berdoias (XV): As Lacenas de abellas (e II). Tesouros de Berdoias (XIV): As lacenas de abellas. Tesouros de Berdoias (XIII): Cabazos vellos, cabazos novos. Cabazos pequenos, cabazos longos…. Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I). Tesouros de Berdoias (XI): Dous fornos na propia casa-vivenda. Tesouros de Berdoias (X): Fornos Grandes - Fornos Pequenos. Tesouros de Berdoias (IX): Os Fornos: Tesouros de Berdoias (VIII): Os Muíños. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VII): Unha parroquia de 35 Eiras. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VI): A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (V): A Eira do Carmelo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña. Tesouros da Parroquia de Berdoias (III): A Eira de Rúa e a Eira da Gaia. Tesouros da Parroquia de Berdoias (II): A Eira do Sores, en Romar.. Tesouros da Parroquia de Berdoias (I): A Eira da Rata
NOS_45258
Poucos son os festivais de poesía que se celebran no rural. Case ningún os que teñen como espazo privilexiado unha casa. O Festival dos Eidos é singular, entre outras cousas, porque cumpre esas dúas condicións.A casa é a de Uxío Novoneyra e o lugar, Parada do Caurel.
Dos días 14 a 16 de Agosto terá lugar o Festival dos Eidos, un singular encontro cultural no Courel, nas terras de Uxío Novoneyra e coa súa casa e a aldea de Parada como eixo central. A casa, que en vida do autor de Os Eidos foi lugar de encontro de poetas, volver ser escenario nos seus distintos espazos dunha iniciativa cultural que ten no convívio, no goce do lugar e na celebración cultural as súas principais trabes. O xermolo do proxecto naceu hai tres anos, cando desde a Fundación Uxío Novoneyra se iniciou un programa de actividades de carácter cultural, o único que se desenvolvía no Courel, en principio arredor da Semana das Letras e tamén do 15 de agosto, data central das festas tradicionais das aldeas colindantes e xornada na que máis veciños e veciñas do courel regresan ás casas familiares. "Utilizamos o corredor central como curral de teatro e o souto como auditorio", explica Uxío Novoneyra Rei, promotor dun proxecto que procurou fondos públicos europeos dentro do programa Erasmus+ no que paticipan nunha iniciativa de creación dunha rede de festivais literarios en zonas isoladas en parcería coas fundación Alfonso Gatto de Italia, St. Clementin Litfest da Francia, e a ONG Catching Lives en representación do Festival británico de Canterbury. Música, teatro, patrimonio, natureza e, en especial, moita poesía é a oferta do programa do novo Festival dos Eidos que nace con vontade de permanecer como programación estábel do verán caurelán. O souto, a solaina, o corredor, os baixos da casa ou algúns espazos externos como o Bar Os Eidos na Ferrería ou a Estación Biolóxica da USC son os lugares que acollerán as distintas propostas dun programa que ten na casa de Parada o seu centro de actuacións. "Ao igual que naquela imaxe na que aparecen Uxío con Manuel María, Saleta Goi e Roberto Posse na solaina queremos recuperar o convivio literario e cultural que houbo na historia da casa", explica Uxío Novoneyra Rei. O regreso de Carlos Oroza Con esa mesma idea de facer valer a historia literaria do propio espazo, especial relevancia vai ter o regreso a Parada do poeta Carlos Oroza, que viviu unha década na casa e volve despois de 34 anos. Oroza dará un recital debaixo dos mesmos mazairos que recolleu nunha composición poética. Será un dos protagonistas do ámbito literario do programa canda Antón Lopo, con moita vinculación con Uxío Novoneyra, ou Celia Parra que preparou unha conversa entre o poeta do Courel, María Mariño e ela mesma que se desenvolverá nas portas a escola da coñecida como "dinamiteira da fala". Unha conferencia de Iván Gimeno sobre o micromecenado, outra impartida por Xosé Lois García que, entre outras cousas, relacionará a obra de Novoneyra con outros poetas do ámbito lusófono, en especial, dos países que padeceron o colonialismo e outra máis de Camilo Valdeorras sobre a dimensión performática do poeta serán os apartados máis formativos do programa que inclúe tamén oferta audiovisual coa proxección nos baixos da casa de "Uxío Novoneyra. Poeta alén" e "Se dice poeta". Tamén a obra teatral "O asombro" de Fantoches Baj volve de novo á casa de Parada. Henrik Rover, Uxía -que prepara un traballo discográfico con poemas de Uxío Novoneyra-, Linho do Cuco, Woyza e Enxeito poñen música ao primeiro festival cultural que se desenvolverá no Courel, que ten solainas como escenarios, soutos como audiotorios e a poesía como protagonista.
NOS_50538
O sindicato con maior representación na Galiza, ademais de convocar estas mobilizacións, propón unha batería de propostas e medidas para facer fronte á actual situación económica.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de anunciar a convocatoria de 16 manifestacións en vilas e cidades galegas, con motivo do Día Internacional da Clase Traballadora, que decorre cada 1 de maio. O principal sindicato galego subliña que este ano o Primeiro de Maio "ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa vivíamos, agravada polas consecuencias da guerra en Ucraína". Ademais de convocar estas mobilizacións, a CIG propón unha batería de propostas e medidas para facer fronte á actual situación económica. Electricidade A central sindical insiste, entre outras, na aposta pola creación dunha tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10€/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW. Outra das propostas é implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución de 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio na Galiza. A CIG exixe a Goberno español e Xunta a intervención pública do sector eléctrico e dos combustíbeis Aliás, exixe retirar do mercado maiorista as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para fixar o prezo da electricidade, co obxectivo de conseguir unha baixada xeneralizada na tarificación. Tamén pide controlar e marcar un límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas e a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade. Salarios En materia salarial, aposta por "incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado". A CIG exixe "cambios profundos" nas políticas económicas e fiscais O sindicato insta a aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan "medidas reais e eficaces" para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades. Por último, exixe fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, 60% do salario medio do Estado español, "tal como recomenda a Carta Social Europea". Emprego A central avoga pola prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc. Asemade, as empresas que queiran acollerse a un ERTE "estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas". Outras medidas A CIG tamén aposta pola fixación, por parte do Goberno español, dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha "solución fiscal xusta", tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022, antes do comezo da guerra en Ucraína. "Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos", detalla o sindicato. Por último, propón a conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.
NOS_39870
A Policía israelí volveu acceder á praza de Al Aqsa.
Horas despois da entrada en vigor da tregua entre Israel e as milicias da faixa de Gaza, a Policía israelí enfrontouse hoxe con fieis palestinos na praza de Al Aqsa, na Cidade Vella de Xerusalén, e que hai dúas semanas albergou os incidentes que desencadearon a recente escalada bélica. Segundo a axencia de noticias palestina WAFA, 15 palestinos resultaron feridos produto dos enfrontamentos, que se produciron tras a intervención das forzas de seguridade israelís cando os fieis celebraban a tregua entre Israel e as milicias en Gaza. Algúns dos feridos, que foron trasladados a hospitais próximos, sufriron impactos de balas de goma, mentres que outros foron vítimas de afogamento a causa do uso de gases lacrimóxenos por parte da Policía. As forzas israelís, pola súa banda, describiron estas celebracións como "disturbios", que incluíron o lanzamento de pedras e cócteis molotov contra as forzas de seguridade, que "procederon a dispersar aos alborotadores". Un portavoz policial salientou que en ningún momento entraran dentro da mesquita de Al Aqsa, o terceiro lugar máis sagrado para o Islam. Aínda que os incidentes de hoxe non foron de gran magnitude, especialmente comparados cos que tiveron lugar no mesmo lugar hai dúas semanas ─cando centos de persoas resultaron feridas─, a sensibilidade do lugar e o seu valor simbólico para os palestinos, tanto de Xerusalén Leste ocupado, como de Gaza, Cisxordania e daqueles con cidadanía israelí, fan que calquera episodio de violencia que alí se desenvolva poida provocar unha rápida escalada. Nove mortes máis Por outra banda, as autoridades de Gaza anunciaron esta sexta feira a recuperación de nove cadáveres, incluído o dunha nena, de entre os escombros de varias vivendas bombardeadas por Israel durante a súa ofensiva contra a Faixa, horas despois do inicio da tregua. Membros da Defensa Civil indicaron que o cadáver da nena, que non foi identificada, foi recuperado dos restos da casa da súa familia en Tal Al Haua, no sur do enclave, segundo WAFA. Tamén recuperaron os cadáveres doutros oito palestinos na área de Al Qarara, nos arredores da cidade de Jan Yunis, tamén no sur. Así, ascenden a máis de 240 os palestinos mortos nos bombardeos, entre eles 66 nenos. En Israel morreron 12 persoas, entre elas unha muller india e dous homes tailandeses, balance ao que hai que sumar a trintena de palestinos mortos a mans das forzas de seguridade israelís durante as últimas protestas en Cisxordania.
PRAZA_15845
É importante a estabilidade, mais se conduce a converter Galicia nunha gran residencia de vellos, iso si, moi tranquiliños, moita xente nos negamos a apoiar esta falsa estabilidade
Seguramente pola distancia e a veces pola información terxiversada descoñecemos a situación de Cataluña. Digo isto, porque non nos cansamos de ler, escoitar e ver en tódolos medios a enorme crise que padece esta nacionalidade e a mala xestión que esta a facer o seu goberno, agravada nestes derradeiros meses pola tardanza en formar un goberno definitivo. Pola contra si alguén mira para algúns datos reais non terxiversados, pode ver, por exemplo, que en decembro, nunha das autonomías de España onde máis descendeu o desemprego, -o problema máis grave que temos en España-, foi en Cataluña, pola contra, nunha autonomía como a galega, o desemprego foi un dos lugares onde máis se incrementou, e iso que os nosos gobernantes non paran de contarnos as marabillas que ten a estabilidade e que o noso goberno é un exemplo para toda España. Tamén se di que moitas empresas cataláns polo medo a inestabilidade se van de Cataluña, e deberíamos ter algunhas dúbidas sobre esta afirmación, pois moitos mozos e mozas galegas seguen a emigrar a Cataluña para buscar traballo, e non se produce a situación contraria, o que algo explica. Mentres aquí coa magnífica estabilidade pecharon once mil empresas nestes últimos anos, acabo de ler que preto de Barcelona, Amazón, unha enorme empresa multinacional, acaba de comprar un solar para instalar o maior almacén de distribución do sur de Europa, por poñer un exemplo. É importante a estabilidade, mais se conduce a converter Galicia nunha gran residencia de vellos, iso si, moi tranquiliños, moita xente nos negamos a apoiar esta falsa estabilidade E tampouco se produce en Cataluña un abandono do rural semellante o galego, onde o número de lugares e aldeas abandonadas aumenta día a día dunha maneira bestial, e sen que se poña ningún remedio para evitalo. Outra cousa que se critica é a creación de oficinas por parte da Generalitat no estranxeiro para promocionar o comercio catalán e as súas exportacións, dicindo que isto orixina moito gasto, máis algo tiñan que facer, ante a inoperancia e burocracia das embaixadas españolas, e así o entenderon comunidades como a madrileña ou a andaluza, entre outras, que non son nacionalistas, e que ata fai pouco tempo tiñan moitas oficinas deste tipo. E en canto o gasto destas oficinas, o que hai que mirar o seu rendemento, pois senón antes alguén tería que explicar o enorme gasto orixinado pola embaixada de España no estado Vaticano, que xunto con outras embaixadas, so serven para lucimento duns burócratas. En resume, é importante a estabilidade, mais se conduce a converter Galicia nunha gran residencia de vellos, iso si, moi tranquiliños, moita xente nos negamos a apoiar esta falsa estabilidade.
NOS_55417
Unha cadea humana o 12 de decembro en Malpica levará ás rúas as demandas das familias con crianzas doentes.
Ente o 20 e o 23 de novembro a Confederación de Anpas Galegas trasladou aos grupos parlamentares as súas reivindicacións arredor do dereito de atención educativa das crianzas con doenzas crónicas ou que, por diversas razóns, non poidan acudir a aulas durante un período de tempo prolongado. BNG, AGE, PSdeG e PP recibiron o colectivo. Na primeira das xuntanzas, nas que estiveron presentes as forzas da oposición e tamén Nives Vilar, a nai de Hadrián, un neno de Malpica con cancro, quen estivo a liderar nos últimos meses as demandas das familias que coma a dela non ven garantido o dereito d@s fill@s a aprender. Así as cousas, Nieves rexeitou acudir ao encontro co grupo popular após rexeitar o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reunirse con ela. En senllas xuntanzas reclamaron a fixación dun "mínimo de 12,5 horas" lectivas semanais "de atención na casa para os nenos ou nenas que se vexan na situación do non poder asistir ás clases ordinarias durante un período prolongado", explican nun comunicado de imprensa desde a Confederación de Anpas Galegas. Nieves Vilar, a nai de Hadrián, negouse a se reunir co PP após o conselleiro de Educación non acudir ao encontro que axendara con ela e a Confederación de ANPAS Visibilizar a diversidade Aliás, exixen o estabelecemento dun "procedemento que vincule a diagnose da enfermidade co inicio das actuacións educativas, sen que a familia teña que ter a máis mínima iniciativa", "dispor de escolas hospitalarias ben dotadas" e con capacidade para atender todos os casos que vaian xurdindo; a fixación dun corpo específico de profesorado "que dispoña da formación específica necesaria" para afrontar as necesidades específicas deste alumnado" ao tempo que a abertura dun "debate social" que xere conciencia "sobre toda a diversidade" estudantil e "a necesidade urxente que temos de atendela e incluíla", apuntan. As forzas da oposición comprometéronse a dar traslado por vías parlamentares a estas demandas a partir dunha poposta que elabore a Confederación de Anpas Galegas. Pola súa banda, o Partido Popular amosou a súa vontade por mellorar a regulación actual e garantir este dereito a todas as persoas que o precisen, porén, apelaron ao traballo que, din, está a desenvolver a Consellaría de Educación neste senso. Desde o colectivo avanzaron tamén que o vindeiro 12 de decembro desenvolverán unha cadea humana en Malpica para reclamar a atención educativa a domicilio. No número 173 do semanario en papel Sermos Galiza publicará unha reportaxe arredor das reclamacións das familias e das Anpas galegas abordando tamén o marco lexislativo actual que existe no país.
NOS_11778
A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de publicar unha nova análise que reflicte a contaminación que padecemos os galegos e galegas. Segundo este estudo, as cidades da Coruña, Compostela, Lugo e Vigo superan os límites máximos de concentración de pequenas partículas contaminantes. E como se trata dun problema real, aínda que silandeiro, no Sermos Galiza 217 achegamos luz sobre a polución. Aquí deixamos un avanzo.
Desde hai xa algunhas décadas, as autoridades sanitarias do Estado español, aguilloadas en parte por diferentes colectivos profesionais e sociosanitarios, veñen chamando a atención a respeito dos efectos que para a saúde pública pode ter, e de feito ten, a contaminación ambiental. Cun certo retraso, e empurrados polos prazos recomendados ou impostos pola normativa europea, aprobáronse textos lexislativos que, alén de recoñeceren finalmente o problema, estabelecían parámetros e metodoloxías para controlar a emisión dos principais axentes contaminantes que soporta o ar. Porén, as administracións públicas non adoitan ser moi proclives a informar con transparencia á cidadanía das consecuencias que ten a polución –a Axencia Europea do Medio Ambiente cifra en 25.000 o número de mortes prematuras no Estado español relacionadas coa contaminación do aire, quince veces máis que as rexistradas nas estradas- nin a pór os medios precisos xa non para tomar medidas que reduzan até límites razoábeis as emisións, senón para consolidar e acrecentar unha rede pública de medicións completa e sen dependencias das empresas privadas potencialmente contaminantes. Mais a realidade dos números pode ser variábel en función dos valores que se teñan en conta e da metodoloxía empregada. Así, e segundo indica a entidade Ecoloxistas en Acción no seu último informe, correspondente ao ano 2015, existen importantes diferenzas de criterio entre as normativas. Deste xeito, e atendendo aos valores de referencia fixados tanto pola directiva europea 2008/50 como polo real decreto 102/2011, a poboación que respira aire contaminado no Estado atinxe os 18,5 millóns de persoas, isto é, perto do 40%. De termos en conta as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, que estabelece uns criterios moito máis estritos e máis axeitados á nocividade das substancias máis perigosas, estas cifras soben até perto dos 46 millóns, é dicir, case o 99% da poboación. Precisamente nos mapas elaborados pola OMS inclúense dados relativos a Galiza. Son varios os puntos xeográficos nos que se tomaron rexistros. En concreto, 24. Focando só na concentración de partículas (PM) de diámetro A central de Endesa nas Pontes é, por potencia, a máis contaminante do Estado. As térmicas O último informe da Organización Mundial da Saúde, publicado no mes de setembro último, supón a adopción dun novo modelo de calidade do aire, cuxos dados globais apuntan que un 92% da poboación do planeta vive en lugares nos que se exceden os niveis tolerábeis. Ademais de incluír mapas de situación e seguimento, o estudo incorpora dados sanitarios, medicións vía satélite, modelos de transporte aéreo e monitores de estacións terrestres. A reportaxe completa, neste SG 217, que xa podes adquirir na nosa loxa
NOS_54267
Asasinato machista na Galiza. Un home de 46 anos matou a súa muller en Valga e posteriormente suicidouse.
Un home de 46 anos asasinou a súa parella, de 43 anos, na parroquia de Setecoros, no concello de Valga. Despois de matala, suicidouse, informa Europa Press. O asasinato tivo lugar na mañá deste domingo e saíu á luz pública despois de que a parella coa que quedaran para xantar descubrise os corpos sen vida no fogar familiar. A Garda Civil investiga os feitos como un caso de violencia de xénero. Infórmase de que o home, J.B.F, posuía licenza de armas para a caza e contaba con dúas armas, unha das cales sería empregada para asasinar a muller e para se suicidar. A segunda galega asasinada en 2019 M.A. é a segunda galega vítima de feminicidio en só tres días, após o asasinato dunha muller natural de Galiza en Madrid, cidade en que vivía. Nese caso, as forzas policiais tamén informaron de que o home, de 81 anos, mataría a muller, de 63, e que despois se quitaría a vida. Prevese a convocatoria de concentracións de repulsa por parte do movemento feminista galego na próxima terza feira. Aumentan as denuncias Os xulgados galegos recibiron no terceiro trimestre de 2018 un total de 1.784 denuncias por violencia de xénero, o que supón un incremento de 12,3 % a respecto do mesmo período do ano anterior (1.589). A falta de recursos e de formación no ámbito da xustiza dificultan a loita contra a violencia de xénero. Galiza só posúe dous xulgados especializados, un en Vigo e outra na Coruña, que atenden unha poboación de case 700.000 persoas e que acaparan a metade das denuncias do país. A outra metade corresponde a áreas onde viven dous millóns de habitantes. A fenda é obvia. A falta de medios materiais é a principal eiva coa que lida o tratamento xudicial da violencia machista. Implica a mencionada escaseza de xulgados especializados, mais tamén o incumprimento xeral do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, asinado en 2017 polos grupos parlamentarios do Congreso, os gobernos autónomos e a Federación Española de Municipios e Provincias.
PRAZA_6557
O equipo vigués pechou a súa particular semana fantástica cun triunfo no campo do Elxe 0-1 grazas a un gol de Nolito, de novo o mellor home dos célticos, no minuto 90.
O Celta pechou a súa particular semana fantástica cun triunfo no campo do Elxe 0-1 grazas a un gol de Nolito, de novo o mellor home dos célticos, no minuto 90. Despois do empatar no Vicente Calderón e de gañar o derbi contra ó Deportivo, o conxunto dirixido por Eduardo Berizzo sumou unha nova vitoria no partido que abriu a sexta xornada de liga onte venres en Elxe e se sitúa, con 12 puntos, en postos de Liga de Campións á espera do que ocorra no resto de partidos. O Celta, pouco recoñecible na primeira metade, mellorou notablemente tralo descanso e acabou atopando o gol da vitoria no minuto 90, cando Krohn-Delhi debuxou unha marabillosa vaselina que deixou a Nolito só contra o meta local para que o gaditano definira coa zurda á escuadra. O gol puxo fin a un segundo tempo moi aberto no que o partido puido caer para calquera dos dous lados e no que Elxe tivo o 1-0 nun remate que botou preto da liña de gol. A cara foi a vitoria; a cruz, a lesión do arxentino Augusto Sen dúbida, a cruz foi a lesión do arxentino Augusto Fernández, que acababa de reaparecer despois dunha rotura fibrilar e, segundo comunicou o Celta, sofre unha lesión muscular no xemelgo interno da súa perna dereita e, a falta de ser sometido ás pertinentes probas, podería estar seis semanas de baixa. Mancouse arredor do minuto 22 de partido despois dun mal xiro e foi retirado de inmediato con acenos de dor. O Celta afrontaba o seu terceiro partido en seis días visitando a un rival necesitado de sumar despois dun gris inicio de temporada. Ata cinco cambios introduciu o adestrador celeste no equipo inicial: o central Sergi Gómez por Hugo Mallo no lateral dereito, Jony por Planas no lateral zurdo, Pablo Hernández e Augusto por Krohn-Delhi e Álex López nos dous interiores e Charles por Larrivey na punta de ataque. A primeira metade foi moi pobre, sobre todo por parte do Celta. O Elxe presionou arriba e o conxunto céltico, con tantos trocos, non atopou a fluidez doutros partidos. Aínda que apenas inquietou ó meta Sergio, de feito non disparou a porta ata o minuto 42, o Elxe frecuentou a área viguesa. A potencia do dianteiro Jonathas, a velocidade Garry Rodrigues e algún disparo desviado de Víctor Rodríguez eran o máis perigoso. Iso si, Jonathas saltou varias veces cos brazos abertos e tocou na cara en máis dunha ocasión a Fontás. Viu o cartón marelo, mentres que o central catalán tivo que ser vendado na cabeza e lle aplicaron cinco puntos. Por parte celeste, só Nolito aparecía en ataque e xeraba algunha ocasión, como un disparo desviado de Pablo Hernández e algún intento do propio atacante gaditano. Cambiou lixeiramente o panorama a partir da primeira media hora, cando o Elxe diminuíu a presión e empezou a aparecer Krohn-Delhi, que entrara por Augusto, no centro do campo. O Celta, entón si, comezou a carburar. Participou máis Orellana e asociouse con Nolito, na conexión que tan bos resultados estalle dando ó Celta, e que volveu marear á defensa rival. Tívoa primeiro Orellana a centro de Nolito, despois Nolito non aproveitou un rexeite tras un disparo de Orellana e, xa na segunda metade, Orellana rematou fora un centro de Nolito. Abriuse o partido tralo descanso e, se ben o Celta era o claro dominador, o Elxe gozou de moi boas ocasións nas contras. Por exemplo, nun remate de Garry Rodrigues tras unha internada de Jonathas pola dereita que se marchou lixeiramente á esquerda da meta de Sergio, ou, sobre todo, nun remate de cabeza dunha falta lateral de Fontás en propia porta que tocou no longueiro e botou antes da liña de gol. O conxunto galego, que tamén chegaba a área rival, intentouno cun disparo de Pablo Hernández tras unha grande combinación entre Nolito e Charles, e despois volveu tela Orellana, pero o seu disparo foi demasiado cruzado. Preto da media hora da segunda metade Larrivey entrou polo desaparecido Charles, e xusto despois o Elxe gozou doutra ocasión clara nunha incursión de Coro pola dereita que desbotou Cabral. Jonathas intentou cazar o rexeite de tacón pero detivo Sergio. O Elxe, que se estaba sacudindo o dominio céltico, tivo outra boa ocasión nun disparo lonxano de Garry Rodrigues que se envelenou tras tocar nun defensa. Sergio parou en dous tempos. Nesas estabamos cando, no minuto 90, o Celta aproveitou unha contra para facer o gol da vitoria. Krohn-Delhi inventouse unha vaselina imposible que deixou só a Nolito, quen definiu coa zurda superando a Manu Herrera. Foi un erro do Elxe á hora de tirar a liña do fóra de xogo. Así pois, cunha dose de fortuna, o Celta logrou un importante triunfo que o afianza na zona alta e lle permite seguir co seu excepcional inicio de temporada.
PRAZA_4863
Veciños e veciñas de Mandaio, en Oza-Cesuras, denuncian os continuos cortes de subministro eléctrico e as curiosas solucións de Fenosa para palialos.
A sucesión de temporais das últimas semanas non so trouxo consigo auga, vento pólas e mais mobiliario urbano polos aires. Unha das consecuencias máis habituais no amplísimo rural galego ante fenómenos meteorolóxicos coma estes son os cortes de luz, que nas últimas cicloxéneses afectaron especialmente a comarcas como A Mariña de Lugo. Un dos puntos do país con problemas no subministro eléctrico é a parroquia de Mandaio, antes no Concello de Cesuras e agora, no de Oza-Cesuras. Os cortes de luz veñen de vello e agora a veciñanza sorpréndese, cunha mestura de indignación e retranca, da "tecnoloxía punta" aplicada por Unión Fenosa Distribución para amañar o problema. Paus, bridas e cruces de PVC apareceron en varios puntos do tendido eléctrico para, supostamente, evitar os cortes. "Aínda despois de utilizar tan importantes recursos procedentes do incremento constante do prezo do servizo e malia estarmos a falar dun concellos unificado para a modernidade a trinta quilómetros da Coruña, a realidade é terrulana e seguimos a ter constantes cortes de luz", din representantes veciñais, que constantan que "os carabullos e as cruces de pvc non solucionan o problema". A compañía instalou paus e cruces de pvc no tendido eléctrico para, supostamente, paliar os cortes Xa no ano 2008 Unión Fenosa admitía que entre xaneiro e agosto se produciran "22 cortes de diferentes duracións polos que debían descontar parte do recibo". En maio de 2010 a Consellería de Industria remitiulle un escrito a Biblos Clube de Lectores, que se atopa na parroquia, respondendo ás súas reclamacións polos problemas co subministro. A resposta da Xunta, afirman, era "unha nota de esperanza", porque "recollía de Unión Fenosa Distribución" a afirmación de que xa realizara "a limpeza e a poda" no entorno das liñas eléctricas, "polo que os cortes destas situacións se reducirán". Pero o problema "non estaba nin está" solucionado. "Nas últimas semanas son moitas as horas sen abastecemento eléctrico" que acumula a veciñanza. Isto acontece en Mandaio mentres "outros moitos núcleos" da zona "non sofren estas carencias". A "tecnoloxía punta", polo momento, semella non dar resultado.
NOS_50630
Declara "complexa" a causa contra os independentistas detidos na 'Operación Jaro' (outubro 2015), que tamén se alarga aos tres militantes de Ceivar detidos en xuño de 2017.
A Audiencia Nacional vén de declarar "complexa" a causa que o tribunal español ten aberta contra 12 militantes independentistas e prorroga 18 meses as investigacións, que poderán continuar así até xuño de 2020. A nova prórroga a este sumario afecta os 9 militantes de Causa Galiza detidos no marco da 'Operación Jaro I', desenvolvida en outubro de 2015; e os 3 de Ceivar detidos a 'Operación Jaro II' en xuño de 2017. A Audiencia Nacional decidiu no seu día fusionar ambas as dúas causas nun único proceso, o que as persoas imputadas denunciaron xa daquela que podería abrir as portas a "un macrosumario contra o independentismo organizado". Desde o entorno de persoas imputadas nesta causa consideran que esta "enésima" prórroga do sumario vai ter unha dupla consecuencia. Por unha banda, manter as 12 persoas procesadas en "·inestabilidade penal e vital". Algunha delas levan nesta situación máis de tres anos. Outro efecto, apuntan, é que o sumario e a investigación continúan abertas, polo que poderían, hipoteticamente, producirse novas detencións. Nunha entrevista en Sermos Galiza, imputadas nesta causa afirmaban que ""a Operación Jaro é pura política, unha coartada para satanizar o independentismo galego".
NOS_43473
Os novos contaxios volven subir e alcanzan os 378, así como a taxa de positividade, en 6,62%.
Galiza xa supera a barreira dos 3.000 casos activos de Covid-19, 3.168 concretamente, o que supón 297 infeccións máis nas últimas 24 horas. Os novos contaxios soben até os 378, 141 máis que a última xornada, e os hospitalizados tamén se incrementan, con 98 persoas ingresadas por coronavirus -15 mái--. Pola súa banda, a taxa de positividade, ascende lixeiramente e alcanza 6,62%, tras comezar a semana con case 8%. Segundo os datos publicados na mañá desta cuarta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros ata as 18 horas desta terza feira, Galiza continúa con 12 pacientes ingresados en UCI pola Covid mais increméntanse a 86 os hospitalizados noutras unidades -15 máis-, mentres que 3.070 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente en cinco das sete: Ourense, Lugo, Santiago-Barbanza, Ferrol e Vigo; mentres que se mantén nas da Coruña e Cee Pontevedra-O Salnés. Galiza acumula 24 xornadas consecutivas de ascenso dos casos activos, que se sitúan en 3.168, o que implica 297 máis que o día pasado ao haber de novo máis contaxios (378) que altas (80). A cuarta feira pasada, 17 de novembro, situábanse en 1.540, polo que rexistra agora 1.628 infeccións máis. Segundo os último datos actualizados na tarde desta terza feira polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 108,11 casos por 100.000 habitantes -o día 19 estaba en 73,58- En concreto, as infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+105), seguida da de Ourense (+85), Lugo (+34), Santiago e Barbanza (+25), Pontevedra e O Salnés (+24), A Coruña e Cee (+15) e Ferrol (+9). Segundo os último datos actualizados na tarde desta terza feira polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 108,11 casos por 100.000 habitantes -o día 19 estaba en 73,58-, mentres que a media do estado ascende a 139,10. Os novos contaxios de Covid-19 volven ascender e sitúanse en 378, que constitúen 142 máis que os rexistrados hai 24 horas. A cuarta anterior -17 de novembro- houbo 214 e a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14. As infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+105), seguida da de Ourense (+85), Lugo (+34), Santiago e Barbanza (+25), Pontevedra e O Salnés (+24), A Coruña e Cee (+15) e Ferrol (+9) En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, ascende lixeiramente ata 6,62. Por iso, continúa por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia mantéñense en 2.663, ao notificar a Consellería de Sanidade unha vítima esta terza feira.
NOS_18929
"O cobro da dedicación co informe negativo da secretaría de Intervención pode ser constitutivo de delito, de prevaricación ou de apropiación indebida", advirte o BNG.
O BNG afirma que Abelardo Carballo, alcalde de Viana do Bolo após a moción de censura de setembro, segue a cobrar a dedicación "a pesar da ilegalidade que indica o informe da secretaría de intervención do Concello". Cómpre lembrar que a sentenza 1401/2020, da Sala Terceira do Contencioso Administrativo do Tribunal Supremo deixa pouca marxe para a interpretación. Neste sentido, no informe referido afírmase que "o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto transfuguismo" impide "que se asuman cargos ou se perciban retribucións que antes non se recibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas". A moción de censura de Viana saiu adiante grazas ao apoio de concelleiros tránsfugas do PSOE. "A actuación de Abelardo Carballo demostra unha gran prepotencia e un total menosprezo a lei", consideran os nacionalistas. "O alcalde tránsfuga levantou o reparo de legalidade que emitiu a secretaria intervención para poder cobrar. Cobrar el mesmo con informe desfavorábel da secretaria intervención é moi grave, pode ser constitutivo de delito, de prevaricación ou de apropiación indebida". BNG piden a dimisión "destes concelleiros tránsfugas que traizoaron a vontade das veciñas e veciños de Viana do Bolo".
NOS_8547
Unha acción reivindicativa de Galiza Nova -entrar no edificio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta para protestar por non ser un axente positivo na normalización do idioma- derivou na identificación por parte da policía de 11 militantes nacionalistas, entre eles a deputada do BNG Noa Presas.
Esta sexta feira, as militantes de Galiza Nova despregaron perante a sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística unha faixa en que se lía a lenda "fronte á hipocresía, defensa real da lingua". En twitter, a organización xuvenil do BNG afirmaba que o sentido deste acto era denunciar "as políticas galegofóbicas do goberno do PPdeG e o falso plano de dinamización lingüística presentado pola Xunta de Galiza". A parlamentar Noa Presas -que acompañou a acción- cargou contra o PP, do que dixo que "non quer dialogar en materia de lingua". "Case 10 anos despois do decreto do plurilingüismo, o idioma galego é a única lingua do estado que perde falantes. Demandamos actuacións reais e non só propaganda", afirmou nun vídeo gravado ao pé da sede do organismo gubernamental. .@noaourense "O @ppdegalicia non quere dialogar en materia de lingua, despois de romperen todos os consensos. Case 10 anos despois do decreto do plurilingüismo, o idioma galego é a única lingua do estado que perde falantes. Demandamos actuacións reais e non só propaganda" pic.twitter.com/hRfhk6Cvju— Galiza Nova (@galizanova) 4 de maio de 2018 Por súa parte, Alexandre Louzao, integrante da dirección de Galiza Nova, denunciou o que cualificou de ausencia de "medidas que dinamicen a lingua galega na xente nova", ao tempo que reclamou a "retirada inmediata do decreto 2009" -texto legal impulsado por Feixóo nada máis chegar ao goberno galego- por considerar que na práctica supón a "prohibición do galego no ensino". "Denunciamos a falta de medidas que dinamicen a lingua galega na xente nova e demandamos a retirada inmedianta do Decreto 2009, cuxa aplicación práctica é a prohibición do galego no ensino" apunta Alexandre Louzao, integrante da Dirección Nacional de @galizanova. #QueremosGalego pic.twitter.com/nynikBPQgh— Galiza Nova (@galizanova) 4 de maio de 2018 A policía impediu ás militantes de Galiza Nova acceder á sede de Normalización Lingüística para continuar o protesto no seu interior. As mozas nacionalistas alegaron o seu dereito a facelo ao tratarse dun acto pacífico nun "edificio público", aduciu Noa Presas. Os axentes acabaron identificando once persoas. Presas denunciou que a policía actuou após receber unha "orde política".
NOS_54387
Concentracións en varias cidades e vilas contra a aplicación do artigo 155 e en apoio e solidariedade para cos consellers presos.
Centos de persoas tomaron parte na noitiña desta sexta feira nas concentracións convocadas nas sete cidades galegas e tamén en localidades como Vilagarcía ou Redondela para pedir a liberdade dos membros do Govern catalá encarcerados por orde da Audiencia Nacional. A consigna de "llibertat presos politics" tamén foi recollida en Galiza, nunhas concentracións nas que se rexeitou o 155 e se defendeu o dereito do pobo catalán a decidir o seu futuro. 'Democracia e liberdade' era un dos lemas das convocatorias, nas que tomaron parte representantes de diferentes organizacións políticas, como BNG, En Marea, Causa Galiza ou Agora Galiza, así como de forzas sindicais como CIG e CUT. "Liberdade presos políticos", "Chámanlle xustiza e non o é", "Estado español, estado policial" ou "Non temos medo" foron algunhas das consignas coreadas nas diferentes concentracións. As concentracións máis concorridas foron as da Coruña e Compostela, con máis de 400 e 200 persoas en cada unha delas, segundo participantes nas mesmas. Ao final das concentracións procedeuse a ler un manifesto no que se defendeu o proceso impulsado polo pobo catalán e demandouse a liberdade dos dirixentes cataláns encarcerados.
NOS_13587
Os efectos da política de recortes en sanidade que deteriora e precariza áreas como Atención Primaria, Pediatría, Urxencias ou Psiquiatría non afecta aos servizos relixiosos nos hospitais públicos e concertados de Galiza. A partida para capeláns aumenta en 4,5% a respecto de 2019: 58.400 euros cada mes para pagar salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa en centros sanitarios públicos.
O Sergas ten orzamentada para 2020 unha partida de 701.006 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra superior á que destinou á mesma finalidade en 2019 (670.185 euros). Neste 2019 son 52 as prazas de relixiosos orzamentadas: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Ao que engadir un creo como persoal laboral. Unha partida que ten a súa orixe no convenio que en 1995 asinara o Sergas coas dióceses galegas e polo cal o sistema público de sanidade sufraga salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados de Galiza. Son gastos que figuran como "atención especializada". Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses miles de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos. As EOXI (estrutura de xestión integrada: en Galiza hai 7 que se encargan da xestión das 11 áreas sanitarias) con maior dotación 'relixiosa' son as de Compostela e Vigo: en cada unha, 9 capeláns: 7 a tempo completo e 2 a tempo parcial. 117.753 euros orzamentados para cada unha delas para cubiri eses servizos relixiosos. A seguir, a zona sanitaria que abrangue o que eran as áreas sanitarias de Ourense, Verín e O Barco; e máis a EOXI de Pontevedra e O Salnés, con 8 capeláns cada unha. Na de Ourense, aliás, hai un capelán como 'persoal laboral' que supón 16.751 euros anuais. A EOXI da Coruña ten 7 prazas para relixiosos (95.671 euros), o mesmo número que a de Cervo, Lugo e Monforte (outros 95.670 euros). Por último, e con 4 capeláns -2 a xornada completa e outros tantos a tempo parcial-, a área de Ferrol, cunha partida de case 44.157 euros. En só tres anos (de 2017 a 2020) o orzamento do Sergas destinado a pagar o persoal relixioso na sanidade pública supera osos 2,5 millóns de euros Rexeitamento Manuel G. Moreira, médico de familia e un dos voceiros da plataforma SOS Sanidade Pública, incidía nunha conversa con Sermos Galiza na contradición de que se destinen eses cartos a contratar servizos relixiosos para a sanidade pública "mentres desde o Sergas se xustifica o recorte de persoal en cuestións económicas. Na mesma liña expresábase Xosé Dios, médico especialista en Atención Primaria e implicado en plataformas de defensa da sanidade pública. "É anacrónico e incomprensíbel", consideraba. "Dinnos que non hai diñeiro para médicos nin para enfermería mais si que hai para pagar sacerdotes", Contratación en función do número de camas A contratación de capeláns, tal e como explicaba a xornalista Beti Vázquez, no nº32 do semanario Sermos Galiza (xaneiro de 2013), faise en función do número de camas. Así, por menos de 100 camas, un capelán a tempo parcial. De 101 a 250, un relixioso a tempo completo e outro a media xornada. De 251 a 500, corresponderíalle 2 capeláns a tempo completo e 1 a tempo parcial. Entre 501 e 800 camas, 3 capeláns a tempo completo. De pasar das 800 camas, entre 3 e 5 relixiosos.
NOS_31387
Así o define a asociación Músicos ao Vivo, que organiza estes galardóns: "Corral representa un fito na historia da música popular galega, tanto polo incansable traballo de investigación nas melloras construtivas dos instrumentos, como polo labor de dignificación e difusión do folclore, así como por ter formado a músicos e artesáns como Anxo Pintos ou Carlos Núñez, entre outros".
A directiva de Músicos ao Vivo fixo pública hoxe a súa decisión de conceder o Premio Honorífico desta terceira edición a Antón Corral polos seguintes motivos: "A historia musical de Galiza ten nomes que resoan por teren provocado saltos evolutivos cruciais para as xeracións posteriores. Nomes se cadra non coñecidos para o gran público pero si admirados e respectados por todos os que dun ou doutro xeito coñecen a transcendencia do seu labor, directa ou indirectamente. Un deses nomes é Antón Corral. Artesán, gaiteiro, mestre de grandes gaiteiros e sobre todo referente e traballador incansable pola mellora técnica e estilística dos instumentos populares galegos. Antón Corral supón un paso de xigante na música galega, desde a case marxinalidade até o recoñecemento internacional que hoxe ten, e todo feito desde unha humildade, xenerosidade e cariño que o fan dobremente admirable". O nome de Antón Corral forma parte xa da historia musical de Galiza. Trátase dunha das persoas máis sobranceiras no eido da experimentación instrumental da música tradicional galega. Un traballador incansable que foi o pai do "Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo", onde desenvolveu un labor titánico como mestre artesán até o ano 2000. Creador da banda de gaitas Xarabal en 1984, da que foi director ata o ano 2008. Agora, xa retirado, aínda segue a desenvolver a súa paixón de artesán no seu obradoiro de Tui. Nado na Coruña o 11 de xullo de 1936, Antón Corral entrou en contacto coa música no colexio tocando a bandurra e interesouse polos instrumentos tradicionais a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os Amigos de Lug'. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar, e logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos de Lugo e Os Montes de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores. Autodidacta "Na miña familia non había músicos nin artesáns. Aprendín o meu oficio de maneira totalmente autodidacta porque me gustaba facer palletas e frautas". A este oficio chegou debido aos seus problemas de saúde. As viaxes constantes por España como axente comercial estaban a danar seriamente a súa saúde, ante iso, o médico recomendoulle que buscara un traballo máis relaxado. "Así que montei un taller de artesanía na miña casa", explica. En 1982 realizou una exposición en Vigo coa súa colección particular de zanfonas e gaitas. A mostra tivo tanto éxito que lle ofreceron desenvolver o seu labor como mestre artesán na Universidade Popular, a que hoxe recuperou o nome de Escola de Artes e Oficios de Vigo. "Aceptei a proposta e instaleime na cidade xunto con outros compañeiros que tamén traballaron nese centro". De Antón Corral e os seus colaboradores naceu a idea de crear un Grupo Didáctico Musical en 1983, coa intención de divulgar os instrumentos musicais populares galegos, levados polo grande descoñecemento que deles existía, tanto no que se refería ás súas características musicais, como no concernente a aspectos relativos á súa construción e outras peculiaridades. O traballo do grupo que viña centrándose nunha proposta didáctico-musical dirixida ás escolas e ás asociación culturais, transmitía nas súas actuacións en directo as actividades desenvolvidas no taller de construción de gaitas da "Universidade Popular de Vigo". No transcorrer das súas actuacións demostraban a grande riqueza e versatilidade da música tradicional galega. O público podía gozar dos sons da zanfona, requinta, pito pastoril, unha grande variedade de instrumentos de percusión, gaitas con afinacións diferentes, combinación de gaita e piano, concertos de cámara...Entre os seus compoñentes destacan nomes como: Carlos Corral, Carlos Núñez, Ramón Casal, Tiano Labraña, Xosé Carlos Villar "Bouza", Francisco Estévez "Chuco" ou Anxo Pintos, sempre apoiados polo seu padriño de luxo, o histórico gaiteiro Ricardo Portela. Paralelamente, en 1984 nace baixo a súa dirección, a banda de gaitas Xarabal, como unha actividade máis do "Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos" da Universidade Popular de Vigo, coa intención, non só de potenciar e expandir a música popular galega, senón de realizar un traballo serio sobre a técnica de gaita e percusión, procurando forxar futuros profesionais que coñeceran e dominasen o instrumento. "Xarabal nace cunha idea moi concreta, centrarse na técnica de gaita e na percusión, non na iniciación". Isto traducíase en que todos os integrantes da banda xa viñan cunha traxectoria e uns coñecementos previos que ían perfeccionando dentro do conxunto. "Naqueles tempos era necesario incidir máis no aspecto técnico, que en ensinar nocións básicas de música. Diso xa se encargaban outros grupos".
QUEPASA_623
Camariñas acolle o Día da Inclusión
Desde Aloumiños e Íntegro inician esta nova actividade inclusiva e solidaria na que todos os axentes sociais poidan coñecer e sinalar os puntos ou zonas sensibles de ser melloradas ou aquelas accións necesarias por desenvolver. "PONTE NO MEU SITIO" será unha actividade participativa, aqueles que queiran poderán facer parte do percorrido en cadeiras de rodas, cos ollos tapados ou simplemente acompañándonos e compartindo as nosas impresións e emocións. A primeira cita será percorrido no Concello de Laxe, este domingo 22 de setembro a partir das 11:30, partindo do peirao novo, indo polo Paseo marítimo cara a Rúa Atalaia, Avda. Cesáreo Pondal e rematando na Praza dos Voluntarios.Poden perdir máis información en asociació[email protected] - 604 028 730; ou en [email protected] - 981 734 985 · 650 961 649. Día da Inclusión en Camariñas A asociación Íntegro celebrará este venres 20 o Día da Inclusión cunha andaina accesible, aberta á participación de toda a cidadanía, que partirá ás 12:00 horas do Club Náutico de Camariñas en dirección á Praza do Concello. Será un percorrido de 750 metros ata chegar á Casa Consistorial, onde se procederá á lectura dun manifesto reivindicativo en prol da inclusión das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. No acto está previsto que participen, ademais de usuarios, traballadores e membros da directiva da nosa entidade, varios representantes da administración local, que tamén colabora activamente na organización desta xornada de sensibilización.
PRAZA_3603
Os pacientes están a ser maioritariamente atendidos na casa, un total de 148, e só 8 están a precisar asistencia na UCI. Este domingo a Xunta introducirá algunhas mudanzas nas medidas contra o virus en eidos como o ensino ou os centros sociais
Os casos positivos confirmados de infección por coronavirus volveron incrementarse, aínda que a un ritmo inferior que na xornada anterior. Os datos actualizados pola Xunta no mediodía deste domingo, 15 de marzo, indican que xa foron rexistrados 189 casos. As altas por recuperación seguen sendo catro e produciuse un segundo falecemento, dun home octoxenario que permanecía ingresado no hospital Montecelo de PontevedraOs pacientes están a ser maioritariamente atendidos na casa, un total de 148, e só 8 están a precisar asistencia na UCISegundo a información fornecida polo Servizo galego de Saúde, a área sanitaria con maior número de casos en Galicia segue a ser a da Coruña, con 72. En Vigo rexístranse 36, 27 están en Santiago, 22 en Ourense, 18 en Pontevedra, 9 en Lugo e 5, en Ferrol. Polo momento, o número de pacientes que precisan atención na UCI é só un máis que o sábado, un total de 8.Os restantes pacientes, informa o Sergas, están maioritariamente recibindo asistencia domiciliaria. Están na casa un total de 148 e os restantes 33, en unidades hospitalarias ordinarias. Sanidade confirma que xa foron realizadas un total de 1.390 probas en toda Galicia.No que atinxe ao segundo falecemento, trátase dun home de 81 anos que padecía "varias patoloxías" previas. Como a primeira falecida, unha nonaxenaria que fora ingresada no hospital Povisa de Vigo, trátase dun caso "importado" de fóra de Galicia.Videoconferencia con Sánchez e as demais autonomíasOs datos actualizados foron divulgados mentres Feijóo mantiña unha videoconferencia con Pedro Sánchez e mais coas presidencias das demais autonomías. Posteriormente, o presidente galego realizou unha nova comparecencia pública na que asegurou que "a unidade, lealdade e coordinación de Galicia co Goberno de España está absolutamente garantida" e que "non é o momento de ver que se podería ter feito e non se fixo senón que podemos facer xuntos". Feijóo asegurou que Sánchez lles transmitiu a todos os presidentes autonómicos que eles, e non as delegacións do Goberno central, "seguen sendo a máxima autoridade en cada comunidade, dependendo e coordinándonos cos catro ministros [considerados como autoridades principais do estado de alarma] e co propio presidente do Goberno".Cambios nas medidas da Xunta en ensino ou centros sociaisFeijóo debullou o falado con Sánchez mentres o Goberno galego ultima outro DOG extraordinario no que concretará varios cambios nas medidas xa vixentes para frear os contaxios do virus. Algunhas desas mudanzas veñen dadas pola adaptación ao estado de alarma decretado polo Goberno de España e outras, por cambio de criterio da propia Xunta.Feijóo confirma que o Goberno galego se dispón a introducir mudanzas nas instrucións para o ensino ou servizos sociaisSegundo avanzou o propio Feijóo na súa intervención do serán do sábado, entre esas mudanzas estará unha segunda variación nas medidas estipuladas para o ensino. Así, tras unha primeira instrución que ordenaba o profesorado acudiren aos colexios e institutos durante o período sen clase e unha segunda que deixaba esa asistencia baixo criterio das direccións, agora "soamente o equipo directivo necesitará permanecer nos centros docentes: xefe de estudos, secretario e director", segundo Feijóo, que este domingo matizou que se tratará de quendas rotatorias entre estes tres postos.Vinculado con isto, o Executivo galego prevé xeneralizar a instrución de teletraballo para o seu persoal agás no caso dos servizos sanitarios e sociais. Nestes segundos, segundo avanzou, hai tamén cambios en centros que atenden a persoas sen fogar tanto públicos como de entidades sen ánimo de lucro, algúns dos cales recibiran orde de peche o pasado venres. Así e todo, remitiuse tamén a esa nova edición do DOG.
NOS_44973
Adega e Ecoloxistas en Acción piden máis protección para os espazos de riqueza ambiental, aínda sen catalogar.
A protección das zonas húmidas na Galiza preocupa ás organizacións ecoloxistas. Desde a aprobación pola Xunta durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG (2005-2009) do Decreto 127/2008, que incorporaba cinco zonas húmidas declaradas polo Estado español na Galiza, só se introduciu unha máis: o Parque Nacional das Illas Atlánticas. A mesma norma, creaba tamén o Inventario de Zonas Húmidas da Galiza (IHG) que, en base ao traballo realizado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), sinala que existen algo máis de 1.100 zonas húmidas no país. Adega quere que se incorpore todo o catálogo Para a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) a actual situación é unha "anomalía administrativa". Indican que mentres non se aumentou a protección destes espazos "todo tipo de infraestruturas e intervencións sobre o territorio, incluídas ducias de parques eólicos e centos de plantacións de eucaliptos, ocuparon e degradaron numerosas zonas húmidas, aproveitando este intencionado baleiro legal". Roi Cuba: "Debemos defender nós o noso" Desde o seu punto de vista, a Administración galega "debería de incorporar como zonas protexidas o conxunto das zonas húmidas inventariados no catálogo do Ibader desde o 2003". Esta organización conclúe que "toda zona húmida é un tesouro que hai que protexer, porque literalmente nela vainos a vida". Campaña de Ecoloxistas en Acción Ecoloxistas en Acción vén de presentar unha campaña coa que pretende concienciar sobre a importancia das zonas húmidas e as agresións ambientais que sofren estas zonas de tan alto valor ecosistémico. A campaña da organización ecoloxista consiste na avaliación e catalogación de diversas zonas húmidas en toda a Galiza para solicitar a súa inclusión no IGH como paso previo a unha declaración de zona protexida. O voceiro de Ecoloxistas en Acción, Roberto Vilela, explica que decidiron ampliar ese inventario para iniciar a súa protección. "Decidimos buscar outros espazos destas características, sabemos que na Galiza hai moitos que están en risco pola proximidade de prospeccións mineiras, plantacións de eucaliptos e mesmo en zonas que figuran en proxectos eólicos", sinala a Nós Diario. Vilela engade o problema "do cambio climático, cada vez máis presente e que afecta a estes espazos". As organizacións ecoloxistas abandonan o Consello Galego de Medio Ambiente pola "censura" da Xunta Por este motivo comezou a realización dun catálogo que constará de catro fases, cada unha delas enmarcada dentro da súa situación provincial. Agora presentan a da Coruña na que sitúan como espazos a protexer as Brañas do Ceo (Aranga, Curtis e Oza Cesuras), as Brañas de Valadares e Banzas (Outes), as Brañas da Serra (Santa Comba e Coristanco), as Brañas do Monte Inxerio (Ordes), as Brañas da Calzada (Zas), as Brañas do Espindro (Laracha), e as Brañas do Torreiro (Culleredo e Cerceda). "É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas", conclúe o voceiro de Ecoloxistas en Acción.
NOS_275
Xa se poden escoiar adiantos do derradeiro traballo da banda, como 'Franco Resurrection' e 'Adeus e grazas'.
O 20 de novembro Nao publica o seu derradeiro disco, que se presentará para fans e medios nun local compostelá: 'Ata que o lume se apague'. O traballo (13 temas) que vai fechar os 13 anos de historia desta banda presentarase ao vivo o 5 de decembro nun concerto na compostelá sala Capitol. Para facer máis levadeira a espera dos fans, Nao vén de publicar en aberto e a través das redes sociais dous temas incluídos no seu derradeiro disco: 'Franco Resurrection' e 'Adeus e grazas'. A respecto de de 'Franco Resurrection' eles propios explican no seu FB: "Que escolleramos o 20N para presentar o que será o noso último e derradeiro disco non é unha casualidade. Esta canción adicámoslla con moito amor a toda a piara de nostálxicos, dementes e fascistas. Negacionistas da barbarie aquí vos deixamos a nosa visión da historia, do voso papel e a definición que nos merecedes en forma de canción". E no que atinxe a 'Adeus e grazas': "Este é o derradeiro corte do disco. Quixemos agradecer o voso compromiso e afecto continuo ó longo destes 13 anos. Aquí vos deixamos a nosa herdanza. Manteñamos a loita viva sempre porque máis cedo que tarde #VenceremosNós Querémosvos. Foi tan especial e marabillosa esta aventura!".
NOS_41048
O presidente do Parlamento galego principiou esta segunda feira a rolda de consultas coas tres formacións representadas na Cámara.
O Parlamento da Galiza vén de convocar para a terza feira 10 de maio e a quinta día 12 o pleno de investidura de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta en substitución de Alberto Núñez Feixoo, que presentou a súa dimisión na pasada sexta feira. Así o ratificou o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quen compareceu ante os medios na mañá desta segunda feira logo de reunirse co xefe da Cámara galega, Miguel Santalices, no marco da rolda de consultas que organiza cos grupos parlamentarios co gallo de definir un candidato á Presidencia do Goberno galego. O BNG avanza o seu "non" a Rueda: "É un dos responsábeis de deixar unha Galiza peor que a de 2009" Santalices reúnese nestes intres con representantes de BNG e PPdeG para proseguir unha rolda de consultas que fechará o propio Rueda, candidato a substituír Núñez Feixoo, contra as 12.30 horas. O seguinte paso será a celebración esta quinta feira, 5 de maio, dunha reunión da Mesa do Parlamento e da xunta de portavoces para estabelecer oficialmente o calendario que elevará Alfonso Rueda como novo titular da Xunta. Deste modo, o debate de investidura arrincará o día 10, nunha xornada na que unicamente intervirá o candidato. A sesión retomarase ás 48 horas, o día 12, coa intervención dos portavoces do tres grupos con representación na Cámara —PPdeG, BNG e PSdeG—. Dous días máis tarde, o sábado 14, será o acto de toma de posesión. Feixoo dimite na Galiza para ir a Madrid Alberto Núñez Feixoo foi o quinto presidente da Xunta da Galiza desde a aprobación do Estatuto e o primeiro en presentar a súa dimisión. Fíxoo despois de ser proclamado líder do PP estatal en substitución de Pablo Casado. Anteriormente só Xerardo Fernández Albor non rematou o mandato, xa que unha moción de censura precipitou a súa saída en 1987. Os demais mandatarios galegos marcharon tras perder nas urnas.
PRAZA_320
A investigación do caso Pokémon ve confirmadas acusacións do ex xerente dos populares ourensáns e a maxistrada atopa facturas que, cre, sustenta o "sistema" artellado para ocultar gastos electorais por riba do "límite legal". De Lara emite un auto no que reclama novos datos de facturación a nome de dirixentes populares.
O pasado decembro a xuíza instrutora do caso Pokémon, Pilar de Lara, estendía a 24 membros do PP ourensán a súa investigación sobre presunto financiamento irregular do partido, iniciada a raíz das declaracións do seu ex xente, Emilio Pascual. Como informou este diario, a maxistrada e os investigadores do caso sospeitaban que, "para non superar o límite legal establecido", os populares de Ourense promoverían a facturación de gastos electorais "ao nome de diversas persoas xurídicas" e "de diferentes persoas que ostentan cargos dentro do PP". Parte dos cartos, acrecentaba, procedían supostamente de doazóns ao partido realizadas á marxe das canles legais. Apenas dous meses despois De Lara ve "referendadas" as súas sospeitas e amplía un chisco máis a investigación. Segundo consta nun auto ditado o pasado martes e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública as "afirmacións realizadas" polo ex xerente a respecto deste "procedemento de recadación de cartos e de emisión de facturas falsas" víronse "refrendadas pola documentación" achegada polas diferentes empresas investigadas, a cal xa foi "analizada" polo Servizo de Vixilancia Aduaneira. Deses documentos, di a xuíza, "desprenderíase que, tal e como sinalou o señor Pascual [o ex xerente] os gastos electorais do PP (fundamentalmente aqueles relacionados coa publicidade), a fin de non superar o límite legal", foron facturadas a nomes diferentes do propio partido. "A través deste procedemento se podería estar burlando a lexislación electoral", sinala a maxistrada Ese procedemento, di De Lara, ten que ser "investigado", porque "a través deste procedemento se podería estar burlando a lexislación electoral e de financiamento de partidos políticos, ademais de implicar un presunto delito de falsidade documental". "Segundo afirmou a testemuña", quen realmente pagaba era "o propio partido, xeralmente en efectivo" e eses pagamentos "non se reflectían na contabilidade oficial, porque o diñeiro procedía de doazóns ilicitamente recibidas". "Facturación correlativa" ao nome dos candidatos As primeiras facturas das que De Lara sospeita están datadas no ano 2005, cando "se efectúa unha facturación correlativa" dende a empresa de publicidade Pla&Nos ao nome de varios dirixentes do PP, tales como Amparo González, actual directora xeral de Familia, "por 4.176 euros", José Manuel Baltar, "por importe de 4.060 euros", Miguel Santalices, agora vicepresidente do Parlamento, "por importe de 4.292 euros", o subdelegado do Goberno central en Ourense, Roberto Castro, "por importe de 3.944 euros", o ex deputado e actual secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, "por 4.408 euros" e María Luis Valladares, por 4.120,32 euros. "Esta facturación realízase o mesmo día", o 28 de decembro de 2005, e o pago "prodúcese igualmente o mesmo día", o 2 de febreiro de 2006, "sen que conste a forma de pago", o que "parece indicar un pago en efectivo". De Lara sospeita das facturas emitidas a nome de dirixentes como Baltar, Castro ou Rodríguez Miranda En 2007, no marco das eleccións municipais a investigación detecta unha nova "facturación correlativa", neste caso ao nome de ata catorce dirixentes e candidatos do PP, entre os que se atopa Jose Luís Baltar, o ex alcalde de Ourense e deputado Enrique Novoa, a actual deputada Marta Rodríguez-Vispo ou a agora xerente do hospital ourensán, Eloína Núñez, e varios edís, entre outros. Todas a facturación "está emitida na mesma data, 28 de maio de 2007, e por idéntico importe". Como no anterior caso, "a facturación emitida ao nome de persoas físcias, todos eles candidatos do PP, foi abonada en efectivo na mesma data". "É significativo -engade- que o importe das facturas (...) non supere os 3.000 euros, cantidade a partir da cal se estaría obrigado" a presentar documentación adicional en Facenda. "Idéntico sistema" a partir de 2011 Como no auto de decembro a maxistrada considera, á luz dos datos achegados no informe de Aduanas, que "a partir do ano 2011 se puido seguir con idéntico sistema", aínda que "utilizando outras empresas para encubrir supostos gastos do PP". Neste caso, "as informacións recibidas sinalan que no ano 2011" outra empresa Nacher Publicidad, "emitiu facturas presumiblemente por gastos de publicidade en campaña electoral" ao nome do deputado no Congreso Guillermo Collarte "por importe de 12.443,10 euros" e do secretario xeral do partido na provincia e actual voceiro municipal, Rosendo Fernández, "por 9.584,55 euros". Neste sentido, o xerent da empresa "manifesta que os traballos realizados eran encargados polo propio candidato, a cuxo nome se emitía a factura, de forma verbal, e os pagos eran realizados polos mesmos". Igual que nos outros casos, "as facturas foron emitidas na mesa data", o 31 de decembro de 2011, "pero en ambos casos constan pagadas mediante entregas a conta dende o mes de febreiro", no caso de Fernández, "ou dende o mes de abril, en relación a Collarte". A investigación detecta "diverxencias" entre a facturación das axencias e a do partido Neste contexto, a documentación entregada pola axencia publicitaria aos investigadores inclúe "facturación ao nome do PP", se ben ao contrastala coa "información obtida na Axencia Tributaria", consta "máis facturación emitida ao PP e, o que é máis importante, existen diverxencias", toda vez que "en 2010 o PP non declara a relación comercial con Nacher Publicidad" pero a empresa "si a declara, en importe de 8.129,57 euros". En 2011 "mentres Nacher Publicidad declara unha facturación de 25.210,97 euros, o PP incrementa esta cantidade ata os 41.115 euros". A xuíza pide máis facturas ao nome do PP ourensán, que nega as acusacións e reitera que demandará o ex xerente Mentres o propio partido mantén que demandará o seu ex xerente porque, asegura, o seu testemuño non se corresponde coa verdade, a xuíza coida que a documentación que xa manexa apunta á "autenticidade das facturas e documentos facilitados por Emilio Pascual, que segundo afirma se obtiveron da propia sede do PP ourensán". Así, e dadas as sospeitas polas incoherencias detectadas nas contabilidades do partido e das empresas investigadas, De Lara disponse a "proseguir coas investigacións presuntos delitos de falseamento de contas, apropiación indebida e, no seu caso, suborno e tráfico de influencias". Por este motivo reclama que dous medios de comunicación da capital da provincia e a devandita Nacher informen das facturas emitidas ao nome do PP, de empresas do grupo Véndex e dos membros do PP Jackeline Elizabeth Fernandez, Carmen Leyte, Francisco José Fernández e mais Ana Belén Vázquez, todos eles membros do PP ourensán.
NOS_38955
A Xunta xa manifestara estes días a súa intención de agardar a este ditame, que asegura que é "perfectamente viábel" abscribir os terreos de Ence ao porto de Marín. Ante esta nova, representantes da compañía quixeron agradecer o apoio da Xunta en todo o proceso. Hai escasos días a Audiencia Nacional volveu emitir un fallo que impulsaba o traslado da factoría da ría de Pontevedra.
Coa Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e o Concello de Pontevedra aínda celebrando -ou case- o último fallo da Audiencia Nacional en contra da permanencia de Ence na ría de Pontevedra por máis tempo, o ditame do Consello Consultivo dado a coñecer esta sexta feira obriga a recuar ese paso adiante que se dera hai escasos días. O Consultivo, cuxa opinión fora requerida pola Xunta da Galiza coa intención de garantir o futuro da factoría en Lourizán, vén de asegurar que é "perfectamente viábel" adscribir os terreos de Ence ao dominio da Autoridade Portuaria de Marín tal e como propuxera o Goberno de Alberto Núñez Feixoo. No seu ditame concretou que é posíbel sempre que sexan "necesarios" para a actividade da celulosa. O texto indica que é unha opción "sempre que estes terreos sexan necesarios para o desenvolvemento dos usos portuarios" contemplados nas leis e que se teñan en conta "os trámites legalmente estabelecidos para a devandita modificación". Así o conclúe o órgano consultivo ao que a Xunta remitiu unha pregunta sobre esta posibilidade, exposta polo cadro de persoal, nunha parte final de informe, á que tivo acceso Europa Press, na que o Consello non se pronuncia sobre o cumprimento das tres sentencias da Audiencia Nacional nas que anula a prórroga da concesión neses terreos. Sobre este fallo cabe recurso.Para o Consultivo, segundo recolle o informe, o feito de que a sentenza da Audiencia Nacional non estea en fase de execución aínda permite que "non obrigue ao seu cumprimento actual", polo que, sostén, "no momento presente non cabe manter que a incorporación (de terreos) supoña un incumprimento, directo ou indirecto".Por tanto a mudanza, depende do Goberno español e a respecto diso Feixoo afirmou tras reunirse coa ministra Ribeira que saíu "máis tranquilo" e asegurou saír co compromiso do Executivo para que Ence quede na Galiza. O argumento do Porto O Consello Consultivo sostén, ademais, que a xustificación ofrecida polo Porto de Marín sobre a ampliación dos terreos responde "a criterios obxectivos e acordes cos que han de presidir a xestión do sistema portuario estatal" e a "determinación da zona de servizo do porto, sen que se presente como unha alternativa arbitraria ou manifestamente irrazoábel". Neste contexto, Ence emitiu un comunicado agradecendo que o Goberno galego estea a apoiar a súa permanencia en Lourizán, malia a gran oposición cidadá.
NOS_5273
A mostra do fotógrafo ferrolán que leva por título Ventá ao insólito poderá visitarse até o vindeiro domingo 3 de setembro na Sede Afundación de Santiago de Compostela.
Ventá ao insólito constitúe unha retrospectiva sobre a obra do fotógrafo ferrolán Vari Caramés. A exposición está conformada por 67 obras a través das cales Caramés enlaza a fotografía coa literatura de Julio Cortázar e o seu relato Ventanas a lo insólito, en Papeles inesperados. En palabras do fotógrafo, "a regra do xogo é a espontaneidade". A comisaria da exposición, Asunta Rodríguez ve na exposición "un conxunto de pinceladas" que constitúen unha viaxe do fotógrafo ferrolán cara ao interior e convidan a imaxinar historias e a sentilas como propias. Vari Caramés, nado en Ferrol en 1953, é un dos artistas galegos con maior proxección e recoñecemento a nivel nacional e internacional. A súa obra posúe un estilo moi definido e fácil de identificar. No ano 2016 recebeu o Premio Pilar Citoler pola súa traxectoria profesional.
NOS_35496
O clube poderá cobrar de Mediapro. A empresa que levará a administración concursal traballou en procedementos polémicos como Afinsa e Fórum Filatélico.
A xuíza titular do Mercantil número 2 da Coruña, Zulema Gento, levantou o embargo do Deportivo da Coruña e admite o concurso de acredores do clube. O Depor poderá cobrar case 10 millóns de euros de Mediapro polos seus dereitos televisivos, até hoxe embargados por Facenda. O clube coruñés solicitara o pasado 8 de novembro o preconcurso de acredores. outra das decisións da xuíza foi nomear a AD Cryex coma a empresa que leve a administración concursal. A empresa coruñesa ten un amplo historial neste tipo de casos. Un dos seus administradores, Francisco Prada, participou no proceso concursal do Celta de Vigo. AD Cryex, aliás, traballou moito con Josep Piqué cando era ministro no goberno de Aznar. Nesa etapa levou temas tan polémicos como a quebra de Ercros, Afinsa e Fórum Filatélico.
NOS_41819
O concello da Coruña rompe a colaboración coa marcha a prol do galego, que mesmo contou antes coa axuda de cortesía do alcalde máis galegófobo.
Só lle pediron a cesión dun simple palco municipal para diversas actuacións, mais o goberno municipal da Coruña levou até o extremo a posición do PP contraria ao galego e decidiu negar á organización do Correlingua o máis mínimo apoio loxístico, algo que como apunta a CIG-Ensino, non ocorría desde 1999, cando se comezou a celebrar a marcha escolar en favor do idioma propio. Con esta simbólica medida, o actual alcalde coruñés, Carlos Negreira, suxire unha galegofobia maior mesmo ca do ex rexedor Francisco Vázquez, que durante cinco anos mantivo unha mínima colaboración de cortesía co Correlingua malia a súa coñecida e agresiva posición contraria á normalización do galego. Na comunicación do concello aos organizadores -AS-PG, Mesa e CIG-Ensino- o o Director da Área de Educación, Deportes e Mocidade, Juan Carlos Varela Vázquez, non especifica ningunha razón para a negativa. "Como se ve, para o goberno municipal do PP é máis importante para a nosa cultura e progreso subvencionar touradas que actos lúdicos en favor da nosa lingua", apuntan desde a CIG. En Compostela, o concello que antes comandaba o dimitido Conde Roa, decidiuse catalogar ao Correlingua como "manifestación", polo que semella clara a decisión do PP de boicotar este popular evento anual, que coincide co institucionalizado Día das Letras Galegas. Porén, a organización manterá o programa previsto en todo o país e tamén na Coruña para o 4 de maio, para o que xa recibiu, como todos os anos, os permisos pertinentes. Por outra parte, tanto BNG como PSOE denunciaron no Parlamento "o incumprimento da Xunta dos compromisos alcanzados sobre o uso institucional do galego".
NOS_5300
Villares foi eleito portavoz de En Marea cos votos de correntes distintas a aquela pola que se apresentou como candidato ás primarias e após a esgazadura de Máis Alá. Nunha entrevista en Radio Galicia-Cadena SER, Villares considerou lexítima a súa política de alianzas interna.
"Todas as persoas que están no Consello das Mareas son persoas inscritas, son persoas leais ao espazo de confluencia, por tanto ningunha traizón pode haber aí", respondeu Villares á cuestión de por que apostou no pacto coas correntes Somos Quen e Queremos Participar no canto de preservar a cohesión da candidatura, Máis Alá, coa que concorreu ás primarias de xaneiro da confluencia. A candidatura de Villares á portavocía orgánica rachou Máis Alá -non foi respaldada pola dirección de Anova, os sectores críticos de Podemos con Carmen Santos e a Marea Atlántica- e configurou unha nova maioría no seo da Coordenadora (executiva) composta polos villaristas, Somos Quen e Queremos Participar. Na entrevista, Villares considerou lexítimo o pacto con todas as persoas integrantes da Coordenadora, incluíndo Consuelo Martínez (Cerna), persoa fortemente cuestionada por amplos sectores de Anova e Esquerda Unida á que se atribúe a esgazadura do grupo parlamentar de AGE a pasada lexislatura. En todo caso, o líder da confluencia advoga por deixar atrás "o tempo do ruído" e defende que "desde xa a mensaxe nidia ten de ser que o que propomos, non o que nós somos internamente". Villares tamén tivo palabras de agradecimento para o seu principal soporte interno, o líder histórico Xosé Manuel Beiras. "Se Beiras tivese querido asumir a portavocía eu non tiña inconveniente, mais Beiras quería que fose eu. Sempre dixen que non ía desautorizar Beiras, e nunca me ía posicionar contra el, porque foi o primeiro en dar pasos valentes cara á confluencia. Para min continúa a ser a referencia, sentinme arroupado por el en todo momento". E sobre os reproches formulados contra o proceso por Xulio Ferreiro, Villares considerou que "todas as críticas son lexítimas se se fan con respeito, como foi o caso". "Polotanto, non hai ningún problema. Unha crítica nunca pode supor a perda de lexitimidade, teñen que ser ben saudadas e pouco máis que dicer".
NOS_42719
Convocadas e convocados polos respectivos alcaldes, veciñas e veciños do Morrazo concentráronse na mañá do domingo en Domaio (Moaña) para protestaren polos reiterados colapsos de tráfico que están a ter lugar acotío polas obras da Ponte de Rande.
Pasaban as 11.30h cando veciñas e veciños de Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa se congregaban no aparcadoiro situado ante a igrexa de Domaio para protestaren contra o "desprezo" do Ministerio de Fomento e contra os constantes colapsos de tráfico provocados polas obras da Ponte de Rande. Participaron da mobilización a alcaldesa de Moaña, Ledicia Santos (BNG); o de Cangas, Xosé Manuel Pazos (EU-SON); o de Vilaboa, José Luis Poceiro (PSOE) e o concelleiro de Bueu Fidel Castro (BNG), quen denunciaron os prexuízos que "a nefasta xestión das obras de ampliación" de Rande están a provocar ás veciñas e veciños. Entre as reclamacións a Fomento atópase a supresión da peaxe mentres duren as obras, pois o convenio permite o levantamento das peaxes polos incumprimentos da concesionaria. Aliás, os alcaldes e a alcaldesa criticaron a falta de explicacións de Fomento após a inauguración ficticia da ampliación da ponte e a consecuente suba da tarifa de peaxe. Na mesma liña, Santos, Pazos, Poceiro e Castro instaron a Fomento a acabar coa discriminación da veciñanza do Morrazo, "obriga a circular en dirección a Vigo por un único carril" e a pedir desculpas polo trato dado a estes concellos afectados. Ademais, explicaron que no inicio o proxecto discriminaba a comarca, ao obrigala a transitar polos carrís exteriores, cuestión que se mudou logo da presión exercida polos concellos e polo tecido veciñal. Após a inauguración das actuacións en Rande, os alcaldes tiveron coñecemento, a través dos medios de comunicación, de que as obras se retomaban. O 22 deses mesmo mes, os responsábeis das obras confirmábanlle ao Concello de Moaña que as obras non concluíran. A partir de entón, solicitaron unha reunión urxente con Fomento, que ía ter lugar a pasada sexta feira, día 18. Malia confirmar a súa asistencia, o Ministerio non enviou responsábel ningún á xuntanza. A alcaldesa e os alcaldes advirten de que, en caso de non haber máis respostas, intensificarán as protestas.
NOS_3888
Medio cento de persoas reúnense en Santiago para solidarizarse con Hassana Aalia, ao que Marrocos condenou a cadea perpetua por facer parte dunha protesta pacífica. Na concentración estiveron representantes de BNG, AGE e CxG.
Decenas de persoas concentráronse este sábado en Compostela convocadas por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a Delegación Saharauí para Galiza para esixir ao Goberno central que conceda asilo político ao activista daquel país Hassana Aalia, condenado por un tribunal militar de Rabat a cadea perpetua "con acusacións falsas". Á mobilización acudiron representantes do BNG -como a deputada estatal Rosana Pérez e a galega Montse Prado ou o portavoz municipal Rubén Cela, que lembrou que Aalia foi condenado "por defender os dereitos humanos"- de Compromiso por Galicia -o seu líder Xoán Bascuas- ou de AGE, como o deputado Xavier Ron, que cualificou a Marrocos de "potencia colonial". Hassana Aalia, que mora na actualidade en Euskal Herria, foi condenado en 2013 por un tribunal militar a cadea perpetua por participar no campamento Gdeim Izik, unha acción non-violenta coa que demandaban dereitos humanos e a autodeterminación para o Sáhara. Durante o proceso foron denunciadas en reiteradas ocasións a falta de garantías procesuais.
PRAZA_14929
Considera "unha desfeita" o anteproxecto de lei presentado polo PP e advirte de que o Sergas" será incapaz de cumprir os prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días nas consultas" e que dará maior participación á privada.
CIG-Saúde denuncia nun comunicado que desde a Consellería de Sanidade preténdese "vender o anteproxecto de Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias como unha norma dirixida a facilitar ás persoas usuarias do sistema sanitario unha maior calidade na prestación e un uso máis democrático do mesmo", cando, segundo a central, "o que se esconde detrás é o fracaso das políticas sanitarias levadas a cabo nestes catro anos". "Está ateigado de vaguidades e falsas verdades e pon en cuestión o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade", asegura o sindicato. "O anteproxecto de lei pon en cuestión o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade" Considera que a nova regulación consolida o Porh (Plan de Ordenación de Recursos Humanos) que só pretende eliminar emprego público e desregularizar a normativa vixente de dereitos e obrigas do persoal. "A taxa de reposición do 10%, de cada 10 prazas vacantes só se cubrirá unha, pon en risco a prestación sanitaria, facendo inviable o mantemento do servizo público". "O que se pretende é dar unha maior participación á sanidade privada para privatizar a pública pola vía indirecta" Ademais, a CIG advirte que co desmantelamento do servizo público pola falla de profesionais a Consellería de Sanidade "será incapaz de cumprir os prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días nas consultas". Por iso, denuncia que o que se pretende "é dar unha maior participación á sanidade privada para privatizar a pública pola vía indirecta". CIG-Saúde cuestiónase así por que non inviste logo os orzamentos que vai destinar a pagar á sanidade privada á concertación dos prazos máximos de espera. Isto, alén de preguntarse "con que criterios, e que comisión técnico-científica, decidirá as prioridades das persoas doentes para recorrer á sanidade privada". "Se estes criterios se deixan en mans da sanidade privada, esta como empresa, atenderá patoloxías por orde de rendibilidade económica e haberá patoloxías que polo seu custo non serán atendidas nin na pública e menos na privada", asegura. Para a CIG, o" anteproxecto tampouco explica como vai ser a libre elección de profesionais; se será ou non dentro do seu centro de saúde, porque se é fora deste, non se aclara como se vai garantir a prestación sanitaria domiciliaria", asegura. Tampouco se explica que pasará co número máximo de tarxetas sanitarias por profesional e se será ilimitado ou non. "Nin sequera se aclara se se está a falar de calidade e excelencia profesional ou só de cantidade", engade. Ademais, denuncia que o anteproxecto tampouco contempla o que ocorrerá cos programas de Saúde Da túa contorna, nin como se vai materializar a libre elección de hospital. De feito, ante isto a CIG-Saúde pregúntase "se non será que a Administración, a través desta fórmula, pretende seguir impulsando o desmantelamento dos hospitais comarcais e das súas áreas sanitarias". A CIG teme "un efecto disuasorio, rompendo a equidade e limitando a prestación sanitaria ás persoas con menos recursos sociais, ou ás que vivan en zonas rurais". Fronte a isto, o sindicato propón a modificación do actual Porh, para "convertelo nunha ferramenta útil que aliñe as necesidades dos profesionais co sistema sanitario, dándolle participación real aos profesionais para deseñar os programas de necesidades dos servizos; que se elabore un orzamento real que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario; que se revise e actualice o Plan Mellora de Atención Primaria; que os hospitais funcionen con xornada ordinaria en quenda de mañá e tarde; que se elimine a taxa de reposición e que se cubran todas as ausencias producidas nos últimos anos".
NOS_37322
Denuncian ante a Axencia Pública de Legalidade Urbanística e o Concello de Mos que a obra actual "excede en demasía o que pode considerarse un pequeno almacén e uns imprescindíbeis vestiarios".
As obras que o Real Club Celta de Vigo S.A.D está a levar a cabo no concello de Mos, e que formarán parte da súa cidade deportiva, semellan "excesivas" a ollos de Ecoloxistas en Acción Galiza. A entidade denuncia que o edificio en construción "baixo a única cobertura legal das licenzas directas excede en demasía o que pode considerarse un pequeno almacén e uns imprescindíbeis vestiarios". A edificación á que fan referencia aséntase en solo rústico de especial valor forestal. E ditas actuacións "só contan coa licencia directa outorgada polo Concello de Mos", segundo lembra Ecoloxistas en Acción. Nin a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal nin o Plan especial deportivo express cos que o consistorio local busca dar cobertura ás obras foron aprobados. A entidade puxo en coñecemento do Concello de Mos e mais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) as súas observacións. Reclama a ambos os dous que estuden se ditas actuacións se corresponden coas licenzas directas adxudicadas. En caso contrario, solicita "a paralización das obras, e o inicio dos oportunos expedientes de disciplina urbanística, en función da natureza das infraccións hipoteticamente cometidas".
NOS_16484
"Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias" é o título da primeira xornada. Seguiranlle outras dúas no Teatro Colón sobre mulleres e música e artes escénicas
"Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias" é o título da primeira xornada do programa "A Cultura é un Dereito" que a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar o vindeiro 25 de abril no Pazo de Mariñán, organizada en Colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). O asociacionismo que dinamizou a cultura galega e o dereito a participar na cultura son os principais protagonistas da xornada. En distintas mesas de debate máis de vinte especialistas e representantes de diferentes proxectos culturais animarán a reflexión sobre os cambios experimentados e a situación actual desde o punto de vista da condición de dereito da cultura. A xornada iniciarase coa presentación da súa responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei e o presidente da asociación Alberto García para dar paso á mesa que abordará as experiencias do asociacionismo e activismo cultural coa participación do historiador Ricardo Gurriarán, gran coñecedor da historia das asociacións culturais, o fundador da Asociación Cultural Xermolos e o Festival de Pardiñas, Alfonso Blanco, o integrante da compañía Chévere, Xesús Ron e a presidenta da A.C. Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo. A seguir, tres novas experiencias responderán ao título "O pobo (é quen máis ordena) na cultura" con Almudena Vega Hermida, presidenta da Asociación O Castelo de Narahío do Río Castro (Festival do Río Castro), o investigador en cultura e participación social, Fran Quiroga, e a música e coordinadora do Coro da Mariña, Ugia Pedreira. A xornada servirá tamén para avaliar o estado da xestión cultural nun encontro que se desenvolve arredor do décimo aniversario da AGPXC. O Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural será o protagonista da sesión de tarde con representantes de proxectos recoñecidos como "Fálame de San Sadurniño", a Feira Histórica 1900 de Arteixo, as "Fotos para as mil historias" de Carral, Muros Mira o mar" ou o FIOT" de Carballo. "Queremos que neste encontro se produza un debate que analice de maneira crítica a situación da cultura", no camiño de pular pola " democratización da cultura que, como repetimos, é un dereito de todos e todas", sinalou Goretti Sanmartín Rei. Pola súa parte, o presidente da AGPXC, Alberto García, destaca que esta xornada "quere recoñecer todo o moito e bo que fai este país tanto de cultura cidadá como pública", A esta primeira xornada seguirán dúas no Teatro Colón sobre mulleres e música e artes escénicas
PRAZA_11103
Sería recomendable que antes de nada se implicase activamente na liberación de Puerto Rico da bota imperial dos USA, e vaia deixando que as galegas e galegos vaiamos gobernando os nosos asuntos
Celso Emilio Ferreiro: "nunca virá de fóra remedio ou espranza". De Puerto Rico ou de California, tampouco. Foi neste 1 de outubro recente, a dous anos cumpridos da maior mostra de coraxe e dignidade colectiva e popular que se deu na Europa Occidental nos últimos lustros por volta do referendo de autodeterminación de Catalunya, cando caeu nas miñas mans vía whatsapp, a través de dúas amigas (Ola Vero! Ola Chus!) unha das maiores deposicións intelectuais feitas artigo que tiven a mala sorte de ler en moito tempo. Non me sorprendería se o que vin o elaborase un estudante de primeiro de carreira ao chegar un xoves á casa logo da súa primeira asemblea e, inmediatamente despois, lle chimpara unha botella e media de likor do neghro café. Xa se sabe que as primeiras semanas do curso préstanse a iso. Será por curso...Pensei bastante nesa tarde se, realmente, merecía a pena perder o tempo fiando unhas anotacións breves sobre a cantidade de simplezas propias dun hooligan -e non dun prestixioso profesor da Universidade de California de Berkeley- que o sociólogo puertorriqueño Ramón Grosfoguel viña de publicar no portal GalizaLivre.com baixo o título "Anova e En Marea no 10N, Espanha non paga a traidores", posteriormente recauchutado a "Anova e En Marea no 10N, Espanha non paga a colonizados". Pois aquí estou nesa mesma noite, xa día dous de outubro, perdendo o tempo. A cuestión é que Ramón Grosfoguel ten certo renome no mundo da investigación e da produción científica nas áreas de socioloxía, antropoloxía e filosofía política, e considérase nalgúns ámetos un referente do pensamento decolonial e as políticas migratorias e económicas no sistema mundial. Ten bastantes libros publicados sobre a mesma temática. Da conferencias, entrevistas e publica artigos, e gáñase a vida con iso. E fai ben, claro. Nalgúns sectores da esquerda alter-mundista é ben considerado. Ten traballado, obviamente, sobre o pensamento de Franz Fannon ("Retrato do colonizado", obra e autor que influenciaron xunto con outros especialistas da temática noutras latitudes como Robert Lafont, precisamente, a Xosé Manuel Beiras para o artellamento de "O atraso económico da Galiza" publicado na súa primeira edición alá polo ano 1972 pola editorial Galaxia, cando o ínclito Ramón era tan só un rapaciño) ou sobre a obra e pensamento de Boaventura de Sousa Santos (amigo persoal de Beiras, entre outras e outros que van del mesmo ao finado Eduardo Galeano, por poñer outro exemplo ilustrativo). Digamos pois que Grosfoguel é unha desas persoas que "hai que ler e escoitar" se es unha militante-tipo de esquerdas ou, simplemente, alguén con inquedanzas e un mínimo pensamento crítico. Ten interese todo para a cidadanía neste turbocapitalismo autoritario, aínda que a unha boa parte da cidadanía d´hoxe lle interese máis ben pouco, por desgraza. E menos lle interesará se non é capaz de aportar algún tipo de coñecemento ou valor engadido, alén dunha aborrecible e manida colección de clixés e falacias ad hominem. Ben é certo que hoxendía lese moita merda na rede, e xa case non se distinguen as novas reais das inventadas ou a opinión cualificada dunha recua de lugares comúns de consumo rápido para mentes estreitas, que serven para reafirmar posicións. Neste caso concreto mediante, tamén, falacia ad verecundiam ou auctoritatem. Como ten "autoridade" na materia, xa ten toda a razón. Posverdade, lle chaman. Vaites, unha figura propia destes tempos escuros de propaganda en vea do poder. Paradoxo: o estranxeiro puertorriqueño decolonizador…¡colonizado!, cualificando de colonizados aos que levan unha vida enteira de combate decolonizador. Ten o seu aquel o conto!Xa dicía eu que era perder o tempo…e xa se lle dicía tamén como carta-réplica a Carlos Casares na altura de 1988, respondendo a aquel mítico artigo no que, ¡vaia!, tamén se referenciaba ao Beiras: "¿Colonia o champú?". Pois, máis ben: desodorante! Daquela, precisábao, entre outros, Casares. Hoxe, precísao urxentemente o querido Ramón. Porque o que publicou, cheira. E vou dar algún que outro argumento (tamén lixeiro) sen ánimo de polemizar con ninguén (cousa imposíbel na nosa polémica, complexa e enrevesada "cuestión nacional") intentando, no posible, evitar caer nas simplezas vertidas por este señor de Puerto Rico na deposición infame á que nos referimos:Grosfoguel ten analizado a realidade política catalana no conflito que aquel pobo mantén cun estado español que mostrou a súa faciana máis represora, especialmente desde o momentum que marcou un antes e un despois na consciencia colectiva e desnúa ao réxime monárquico coma unha continuación do franquismo sen Franco. Simpatiza co proceso soberanista pero, ademáis e non chegándolle, permítese o luxo de dar recomendacións aos seus líderes desde a súa posición observadora: sobre cales teñen que ser os posicionamentos e as estratexias de desobediencia civil (coma se non houbese distintas visións sobre todo iso e o que significan o exilio ou o cárcere, obviando que as cousas son máis complexas e a realidade catalana pouco ten que ver coa do pobo quechua, ou coa de Hong Kong. Ou coa realidade sociopolítica galega), ou sobre o papel que deben xogar Junqueras e Puigdemont, ou calquera outro actor relevante. Vén de ser entrevistado recentemente en TV3 e levantou algunha suspicacia alí por isto mesmo. Autoerexirse en gurú de todos os procesos de liberación nacional pasados, presentes e futuros ten os seus riscos. Sobre todo se non vives en carnes o risco do exilio ou da privación de liberdade.Antes de nada, sobra dicir que é perfectamente lexítimo discrepar da estratexia politica seguida por parte do nacionalismo galego emancipador e, máis concretamente, por Anova desde a súa fundacion na altura de 2012 a raíz da proposta de Fronte Ampla trala ruptura do BNG en Amio. Faltaría máis. Naquel momento considerouse que a situación de emerxencia social e nacional empurraba a procurar acordos e colaboracións máis extensos que sobardasen os marcos do nacionalismo organizado realmente existente na súa proxección electoral, no combate contra o neoliberalismo e na procura da creba democrática, e entendíase que o BNG non estaba sintonizando ben a ese nivel co cambio social e con novos sectores activos da sociedade galega que operaban xa noutras claves e viñan de experiencias mobilizadoras (LOU, Non á Guerra, Nunca Máis, 15-M) nas que se crearon novas subxectividades e antes as cais diminuira o seu papel protagónico. Pero...ai, amijo Grosfoguel!, ténche maior mérito discrepar de todo isto desde o comezo...como moita outra xente, lexitimamente, fixo. Mais eu lembro unha palestra alá polo 2016, organizada por Lidia Senra e AGEenEuropa, onde participabas ti, Boaventura de Sousa Santos, Anna Gabriel, Quim Arrufat e algúns máis. Daquela loubabas a estratexia e vías con moi bos ollos o papel xogado por Anova. Dis que "o beirismo da vergoña allea" e "non ten dignidade". Tampouco sei se é moi digno mudar tan radicalmente de opinión desde aquela, en función de quen te convide a falar. Por aquí dicimos que polo pan baila o can! Iso si, todo o mundo ten dereito a mudar de opinión.Todos o facemos ao longo das nosas vidas.Por non mentar que, a tal punto, un especialista en movementos sociais emancipadores coma el debera ter claro e diferenciar o rol desempeñado pola pluralidade do movemento popular e as súas expresións culturais, sindicais ou políticas do papel que xoga esta ou aquela marca electoral como prolongación deste/s na globalidade do proceso político. Un sociólogo do seu prestixio fía todo un proceso histórico de liberación nacional a unha simple convocatoria electoral? Alguén coa súa erudición e que mete na mesma saca (de esquerda españolista) á "nova esquerda española" e ao PSOE non é capaz de ver que unha parte dese nacionalismo galego pactou sempre (historicamente en situación de subordinación) en concellos, deputacións e na Xunta de Galicia co PSOE, quizáis porque a correlación de forzas non permitía facer outra cousa viable para mudar cousas? Ou é que o PSOE é menos españolista que Unidas Podemos? Ou é que é infinitamente máis efectivo para a nosa liberación social e nacional que teñamos un representante ou dous do nacionalismo galego no Grupo Mixto en Madrid atendendo directamente os problemas autonómicos ca un ou dous representantes nacionalistas galegos nun conxunto de 5 ou 6 representates da cidadanía galega en (ideal, hipotética) colaboración e coordinacion cos demáis pobos peninsulares na procura da ruptura democrática cara (alomenos declarativamente) a(s) republica(s)? Ou é que é máis "indigno" e "dependente" aliarse politicamente nun momento de oportunidade conxuntural concreto con forzas da esquerda estatal que, por exemplo, manter créditos millonarios coa banca española? Pero vostede, desde a súa erudición decolonial inda non descubriu que a posición colonial galega en nada se pode comparar co potencial decolonial de nacións como Catalunya ou Euskadi ou coa realidade valenciá ou canaria, por aquí na chamada Pell de Brau?Será o querido Ramón Grosfoguel suficientemente coñecedor do proceso sociopolítico e estritamente endóxeno galego iniciado en Galiza desde o 2012? (como por exemplo cando as candidaturas de unidade popular e mareas construíronse e estendéronse ao longo do país coas nosas mans por boa parte da cidadanía galega máis activa, desalienada e vencellada a traxectorias de loitas sociais -feminismo, ecoloxismo, sindicalismo, cultura...- e tradicións politicas que van do independentismo ao comunismo, ou do republicanismo galego ao federalismo). Cómo ten o valor de suxerir Grosfoguel que centos e milleiros de activistas que se mobilizaron desde o sindicalismo agrario ou en distintas loitas (pola terra, pola lingua, pola auga, contra a megaminería...) están"colonizados" por sentírense representados nos últimos anos por esta/s expresión/s electoral/is do movemento popular galego? Terá algún tipo de complexo de inferioridade intelectual respecto de persoas e traxectorias políticas de combate social, cultural e político desde e para o país galego como son Xosé Manuel Beiras, Xose Luis Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana ou Anxo Angueira por poñer algúns exemplos (moi masculinos, por certo)? No seu imaxinario pensará que as e os da estirpe de Uxío Novoneyra son tamén uns "colonizados" españolistas? Pensa Grosfoguel que o tempo que Ferrín, co-fundador da primeira Unión do Povo Galego alá polo 1964 (cando Ramón tiña 8 anos), estivo no cárcere pola súa actividade política baixo a ditadura, e baixo a "democracia", foi pouco sacrificio e demostración de compromiso e amor polas liberdades de Galiza? Parecerálle que as máis de 400.000 mulleres e homes traballadoras galegas que apostaron no seu día (no electoral) pola primeira En Marea son todos e todas unha banda de "traidores" e "colonizados"? Entón deducimos que todos aqueles que respaldaron outras opcións non-nacionalistas serán pouco menos que infraseres na traición premeditada e consciente ao seu propio país. Non será todo un pouco máis complexo neste recuncho da península ibérica como para ventilalo en dúas ducias de liñas? A ver se foi que lle contaron a misa a medias, e non se preocupou por afondar...na historia, na socioloxía ou no sistema político galego e español.A recente decisión tomada por Anova respecto á non-participación nesta repetición de eleccións ás Cortes Xerais, meditada e tomada democraticamente, forma parte dunha reflexión colectiva como organización soberana que é expresión (unha máis) da soberanía do pobo galego. Esa decisión vén marcada por moitas máis consideracións cas que afectan simplemente ao que ten que ver cos postos nas listas electorais, como sostén Ramón. Un sociólogo da súa categoría debera intuír que así é inevitablemente, a non ser que estea convencido de que a cabeza dunha persoa de Puerto Rico pensa mellor que moitas cabezas galegas, ou que todo o mundo se mova unicamente por intereses pecuniarios. Isa decisión, acertada ou non, ten a ver (por exemplo) coa reflexión encaixada na fin do ciclo dos gobernos das mareas municipalistas nalgunhas das principais cidades do país, que se enfrentaron no institucional como poucas veces antes aos maiores poderes fácticos en Galiza...ou co tránsito do momento de repolitización colectiva que supuxo o escenario post-15 ao momento antipolitico (inducido desde o poder) que vivimos co fracaso das negociacións para un goberno progresista promovido desde o goberno español xa desde 2015 en reiteradas ocasións e, polo tanto, da imposibilidade manifesta de levar a cabo a vontade popular nesta deriva de autoritarismo explícito e derrube democrático baixo o reinado de Felipe VI. Entre outras moitas, dese teor e calado. Cuestións que se resolverán en Galiza, non en Puerto Rico. Coma se o soberanismo galego de esquerdas, en toda a súa estensión e pluralidade, non tivera abondo traballo por diante no futuro...para que veñan de fóra a contaminar máis o ambente!A deposición de Ramón, como xa se dixo, foi feita un 1 de outubro. No mesmo día hai dous anos había en Barcelona arredor de 25 militantes de Anova que puxeron os seus corpos diante das forzas policiais españolas ao pé dos colexios electorais para defender o dereito a votar do pobo catalán nun exercicio de solidariedade internacionalista. Descoñezo se Ramón se atopaba tamén alí. Sería recomendable que antes de nada se implicase activamente na liberación de Puerto Rico da bota imperial dos USA, e vaia deixando que as galegas e galegos vaiamos gobernando os nosos asuntos. Sobre a nosa cuestión nacional, xa decidimos nós. Sempre que non teña nada máis intelixente que dicir. Tamén lle sería positivo afondar algo máis especificamente na historia do nacionalismo galego para que vira, cun pouquiño máis de perspectiva, as cousas. Porque é así, publicando o que vén de publicar, como se rebaixa da categoría de intelectual a propagandista barato. Non precisamos dos segundos, pois somos un pobo en vías de asimilación mais que resiste e resistirá como o leva facendo ao longo dos séculos! En Compostela, 2 de outubro de 2019
NOS_46578
Do 19 ao 23 de outubro, Santiago acollerá a XXII edición do Womex, a feira internacional que fará da cidade a capital mundial da música. Entre os máis de 300 músicos de 40 países destaca a presenza dos galegos Xabier Díaz, Radio Cos e Narf.
O Womex 16 aterra a vindeira semana en Compostela, cidade que acollerá 2.500 participantes de máis de 100 países e máis de 300 artistas internacionais entre os que se atopan os galegos Xabier Díaz, Narf e Radio Cos. Faada Fredy, NY Gypsy All Stars, Dudu Tassa & The Kuwaitis, Bixiga 70 ou Oligarkh son algunhas das propostas musicais desta vixésimo segunda edición. A Cidade da Cultura, a Quintana, o Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro e a Sala Capitol acollerán os concertos Os concertos que terán lugar no marco do Womex divídense na Selección Oficial, que acolle músicos e músicas de todo o mundo elixidos por un xurado internacional e que se poderán ver na praza da Quintana e no Auditorio Abanca; no Atlantic Connections, que lle dá abeiro a propostas da Península e de América Latina no Teatro Principal; e no escenario offWomex, con iniciativas alternativas que se desenvolverán no Salón Teatro. Aliás, a Sala Capitol será o espazo en que teñan lugar as actuacións de DJ a sexta feira 21 e o sábado 22. Existen á venda bonos de 55 euros, amais das entradas individuais para os 18 concertos da Quintana por 20 euros (venda anticipada). Sección e apertura e premios O Auditorio de Galiza acollerá a cuarta feira 19 o Opening, a sección de apertura do Womex en que se lles dará a benvida ás e aos profesionais que participarán no evento. O Opening estará dirixido polo galego Pedro Pascual e reunirá artistas da talla de Kepa Junkera, María Arnal & Marcel Bagés, Carmen París, o cuarteto Caramuxo e Talabarte. Calypso Rose, unha das voces fundamentais das Antillas, é a premiada no Womex 16 A respeito dos premios que o Womex concede de maneira anual para recoñecer o traballo de significados intérpretes das músicas do mundo, é Calypso Rose (Tobago, 1940), unha das voces fundamentais das Antillas, a protagonista desta edición. Womex Film Nights Amais de música, o Womex acolle por vez primeira un festival de documentarios sobre música que terá lugar no Museo das Peregrinacións entre os días 20 e 22. Nove filmes, dous dos cales se estrearán en Compostela, integran o cartel con títulos que repasan a situación da música no mundo. As cifras A feira durante o día inclúe 270 casetas con máis de 700 empresas, ademais de 22 conferencias e 95 relatores de 35 países en 50 sesións, entre outras actividades. O Womex leva xa 21 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica, Cardiff ou Budapest. A deste ano é tamén a segunda edición que acolle Compostela. Nestes anos de historia, só dous artistas galegos foron escollidos na selección oficial (Mercedes Peón no 2010 e Davide Salvado en 2014). Dos 2.500 participantes profesionais no Womex 16, uns 800 son organizadores de concertos e eventos musicais, 450 representan selos e distribuidoras musicais, outros 500 son axentes individuais, 400 managers e 250 produtores. Segundo as cifras fornecidas, un 80% do custo da produción revertería directamente nas empresas galegas e suporía a creación de 150 postos de traballo directos e outros 250 indirectos Estas cifras poñen de relevo a importancia deste evento cultural, que representa unha grande oportunidade para a música galega e para a proxección da nosa cultura. Aliás, a organización salienta o "extraordinario efecto económico e de imaxe". E é que, segundo as cifras fornecidas, un 80% do custo da produción revertería directamente nas empresas galegas e suporía a creación de 150 postos de traballo directos e outros 250 indirectos. Organización Organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín, o Womex ten como socio local Nordesía Producións, en parcería co Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza, amais de contar co patrocinio de Mahou. Na presentación da programación do Womex 16, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, sinalou que con Womex, Compostela pasa a ser "a capital das músicas que son as bandas sonoras dos distintos pobos, que transmiten a súa identidade e que son a carta de presentación dos países de orixe". Reparou Sanmartín nas tres propostas galegas para destacar a forza da música de noso que se transmite a través das xeracións de Radio Cos e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre e destacou moi especialmente o encontro Narf con Timbila Muzimba que pode ser "a metáfora do que Womex significa, un proxecto en que a música galega e mozambicana se dan a man, en igualdade de condicións". O alcalde de Compostela, Martiño Noriega, salientou que "Santiago volve amosar nesta ocasión como unha cidade pequena no cuantitativo pode ser un referente turístico e cultural no cualitativo. Acoller a maior feira de músicas do mundo, como é o Womex, significa apostar nun turismo de eventos que vai máis alá do feito até o de agora e que consigue que Santiago sexa atractiva en calquera momento do ano pola súa oferta cultural". Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou Womex 16 como un "importante esforzo colectivo de empresas e administracións" para converter a Santiago e a Galiza "en capitais mundiais, por uns días, da música tradicional e de raíz".
NOS_16804
Os problemas essenciais de Portugal não virão a ter solução com a atual União Europeia, esse foi a principal mensagem que lançou esta sexta feira no seu discurso de abertura do XX Congresso do PCP o seu secretário geral Jerónimo de Sousa
De Sousa -que vai continuar no cargo após este XX Congreso do PCP- vincou que "a experiência recente demonstra que a UE constitui uma matriz política e ideológica impossível de ser democratizada, humanizada ou reformada. É a sua natureza de classe -capitalista- que determina as suas políticas e opções". O PCP realiza esta fim de semana o seu XX Congresso em Almada, cidade do distrito de Setúbal que pertence à região de Lisboa. Nele há presença galega, a da delegação do Bloque Nacionalista Galego, na pessoa de Montse Prado, membro da Executiva Nacional e parlamentar no Hórreo. A UPG enviou também uma saúda ao Congresso. "Como a situação na Grécia demonstra, é uma perigosa ilusão pensar-se, ou proclamar-se, que se podem encontrar reais soluções para as questões do desenvolvimento económico e do progresso social" no seio do euro, realçou o secretário geral. Face uma União Europeia "neoliberal, federalista e militarista" o PCP opõe o projeto duma "outra Europa dos trabalhadores e dos povos". Jerónimo de Sousa faz um balanço positivo do acordo com o PS, embora não tem reparos em admitir as suas "insuficiências" O internacionalismo do PCP -um dos seus principais princípios ideológicos, vincou Jerónimo de Sousa- expressou-se esta sexta feira com toda intensidade ao se apresentarem as delegações internacionais presentes no Congresso. Foi o momento em que as delegadas e delegados tributaram uma emocionada homenagem a Cuba, após o falecimento do seu líder, Fidel Castro. Uma multidão de partidos comunistas -entre eles o chinês, o vietnamita e o norte-coreano- enviaram representantes à cimeira do PCP. Este é o primeiro congresso que realiza o partido após o seu acordo parlamentar com o PS, a entente que viabilizou a nomeação de António Costa como primeiro ministro. O secretário geral esclareceu que o PCP está por chegar a compromissos, sim, "mas para traficar com princípios não fazemos". O balanço deste acordo é positivo, embora De Sousa não tem reparos em admitir as suas "insuficiências". Entre as luzes assinalou o compromisso para reverter os cortes nos direitos e rendimentos feitos pelos sucessivos governos da direita em matérias como os salários, os feriados, os horários comerciais de trabalho, a privatização e concessão de empresas públicas… "Sim, somos o partido que tem por objetivos supremos a construção do socialismo e do comunismo, de uma sociedade liberta da exploração e da opressão capitalistas" Aliás, De Sousa pôs em destaque que Portugal não tem neste momento um "governo de esquerda" e que o único que houve foi "uma solução que permitiu a formação e entrada em funções de um governo minoritário do PS com o seu próprio programa". Ou seja, o PCP deu os seus votos não tanto para um governo de esquerda como para afastar a direita do poder executivo. O PCP tem neste momento 54.280 membros, segundo informou a própria organização aos meios presentes no Congresso. A todas elas e a todos eles dirigiu-se De Sousa para reafirmar o projeto estratégico do PCP: "Sim, somos o partido que tem por objetivos supremos a construção do socialismo e do comunismo, de uma sociedade liberta da exploração e da opressão capitalistas". E nesse mesmo sentido ainda acrescentou que "sim, somos o partido que tem como base teórica o marxismo-leninismo, concepção materialista e dialéctica do mundo, instrumento de análise, guia para a ação, ideologia crítica e transformadora", afirmou o secretário geral, cujo discurso de uma hora e vinte minutos de duração foi o pórtico deste 20 congresso do PCP.
NOS_5306
O Debate do Estado da Nación será este mes, setembro. Así o anunciou este sábado a Vicepresidencia da Xunta, quen rexistrou a petición no Parlamento galego para o pleno extraordinario co único punto da comparecencia de Alberto Núñez Feixoo para "informar e debater respecto da situación política" da Galiza.
Será o terceiro debate da lexislatura e o noveno de Feixoo como presidente. Dura tres xornadas, con réplicas dos agora catro grupos da oposición -PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e grupo mixto- e o debate e votación dun ditame. Será agora a Mesa da Cámara e a xunta de portavoces da mesma a que fixen a data concreta. O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, xa valorou a convocatoria e asegurou que o obxectivo é "falar de Galiza e falar menos de España". "O que lle interesa aos galegos é que falemos de Galiza, sen interferencias do que suceda no conxunto do Estado", dixo en declaracións aos medio na Coruña este sábado, antes de criticar a "inestabilidade" do Goberno en funcións a causa de Pedro Sánchez. Tamén o líder do grupo mixto Luís Villares falou do asunto e cargou contra Feixoo por "comezar a precampaña das eleccións xerais" co Debate de Estado da Nación.
NOS_23642
A taxa de positividade mantense nun 2%.
A presión hospitalaria mantén a tendencia descendente na Galiza tras reducirse a 173 os pacientes Covid ingresados -15 menos-, aínda que hai un máis en UCI, e, despois de tres xornadas de aumento paulatino, os novos contaxios caeron a 132, así como os casos activos, que baixaron a 2.185. Segundo os rexistros actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con datos até as 18:00 horas desta cuarta feira, hai 28 pacientes Covid en UCI, o que supón un máis que a xornada anterior, pero baixan a 145 os hospitalizados noutras unidades -16 menos-. Nesta xornada descenden os hospitalizados nas sete áreas sanitarias galegas. En canto aos casos activos, tras a tendencia ascendente rexistrada desde o inicio da semana, descenderon lixeiramente a 2.185 (ao haber máis altas que contaxios), o que supón 48 menos. Por áreas, os casos activos soben lixeiramente en dúas: Ourense (+1) e Pontevedra e O Salnés (+17); mentres que descenden nas da Coruña e Cee (-33); Vigo (-23); Ferrol (-5), Lugo (-3) e Santiago e Barbanza (-2). Tamén se freou a tendencia ascendente dos novos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba, que baixan a 132; tras iniciarse a semana con 112, subir a 139 o martes e ascender a 181 este mércores. Do total de positivos, 139 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas -catro menos que a xornada anterior-, deles 40 corresponden á área de Vigo; 30, á da Coruña e Cee; 28, á de Pontevedra e O Salnés; 20, á de Santiago e Barbanza; 10, á de Ourense; seis, á de Ferrol; e cinco, á de Lugo. Pola súa banda, a taxa de positividade, tras subir a un catro por cento no inicio da semana, mantense como a xornada pasada nun 2%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. Até o momento a pandemia deixa 2.363 persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 despois de notificar a Consellería de Sanidade esta cuarta feira a morte doutras tres.
NOS_58448
A nova lei tamén permite que as parellas homosexuais poidan adoptar.
As parellas homosexuais poderán casar en Suíza desde esta sexta feira, ao entrar en vigor a aprobación do matrimonio homosexual que foi votada en referendo o 26 de setembro de 2021. O Executivo suízo anunciara nun comunicado publicado en novembro do pasado ano que "a partir do 1 de xullo de 2022, as parellas do mesmo sexo poderán casar ou converter a súa parella rexistrada en matrimonio". Lazos migratorios que nunca rompen O escrito sinalaba que, despois de que "a clara maioría de votantes aceptaron" a proposta do matrimonio igualitario, o Parlamento de Suíza ía pór en marcha o proxecto de aprobación desta proposta en dúas fases. A primeira fase comezou o 1 de xaneiro deste ano, coa entrada en vigor dunha disposición sobre o "balance das persoas do mesmo sexo que casaron no estranxeiro". Esta lei precisaba que pasase un período de de seis meses para ser vixente, até esta sexta feira, 1 de xullo, mais todas aquelas persoas que queren casar xa o puideron facer nestes últimos meses. As parellas homosexuais tamén poderán adoptar Xunto coa aprobación do matrimonio igualitario, a nova lei tamén recolle que as parellas homosexuais poderán adoptar a partir de agora. Aliás, a normativa permite que mulleres solteiras ou parellas de lesbianas poidan ter acceso garantido a técnicas de reprodución asistida. Irlanda legaliza en referendo o matrimonio homosexual Por outra parte, cando un dos membros destas parellas homosexuais sexa estranxeiro, a nova lei facilitará que se beneficie dun procedemento de naturalización máis curto e menos custoso. En Suíza posicionáronse en contra destas medidas que entran en vigor hoxe tanto a formación de extrema dereita Partido Popular Suízo (SVP nas siglas en alemán) como algúns grupos relixiosos radicais.
NOS_24508
Os sindicatos piden que a Xunta convoque a mesa do naval para atallar os problemas que atravesa o sector.
Máis dun milleiro de traballadores de estaleiros e industrias auxiliares do naval manifestáronse esta terza feira polas rúas de Vigo, en varias marchas que confluíron diante da delegación territorial da Xunta da Galiza, para denunciar a "precarización" do sector e a falla de control sobre as empresas, todo iso horas despois do falecemento dun operario que estaba a traballar nun barco e que foi esmagado por un portón metálico. Á primeira hora da mañá os operarios partiron desde os diferentes centros de traballo e concluíron a súa marcha perante a delegación da Xunta, onde gardaron un minuto de silencio en memoria do seu compañeiro. En declaracións aos medios, o responsábel do naval da CIG na comarca, César Rodríguez, subliñou que "todos os días" hai incidencias nas empresas, "unhas máis graves e outras menos graves", e que son resultado da precarización dun sector sobre o que apenas se exerce o control por parte das Administracións. A ese respecto, puxo o foco nas pequenas empresas auxiliares multiservicios que, na súa opinión, convertéronse en "tratantes de carne humana", e reclamou que se convoque, tal e como demanda o sector desde hai anos, a mesa do naval. Así mesmo, incidiu en que "é primordial que a Administración e a Inspección" cumpran as súas funcións. A Administración "mira para outro lado" Pola súa banda, o responsábel de Industria de UXT, Rubén Pérez, proclamou que "a administración debe deixar de mirar para outro lado" nun sector atomizado, no que o tamaño das empresas dificulta o cumprimento das medidas de prevención e saúde laboral. "No subsector da reparación agrávase máis a exposición aos accidentes, ao non facerse no interior de estaleiros cunhas mínimas condicións", engadiu. "Non pode ser que un traballador saia da súa casa e non saiba se vai volver por unhas condicións moi complicadas", recalcou, e urxiu a convocatoria das mesas de diálogo, porque "a competitividade non se pode gañar a base de precarización". Mentres, o titular de Industria en CCOO Galiza, Víctor Ledo, criticou o "incumprimento" da Xunta, que hai un ano "comprometeuse a convocar unha mesa" para defender a industrialización e acabar coa precariedade. Na mesma liña, o portavoz de Industria deste sindicato en Vigo, Celso Carnero, lamentou que "a política industrial da Xunta é cero", e cada día o traballo é "máis precario, con máis presión". "A Xunta non quere á industria do naval, prefire apostar polo Xacobeo", ironizou Carnero, e advertiu de que o Goberno galego que saia das eleccións do 12 de xullo "terá que sentarse a falar" con este sector.
NOS_14348
O suplemento de Nós Diario sobre historia, memoria, patrimonio e arte volve este sábado con reportaxes, análises e entrevistas.
A editorial Chan da Pólvora vén de publicar unha emotiva xoia de entendemento entre John Berger e Anne Michaels, na que, páxina a páxina e lembranza a lembranza, debullan un relato sentido das súas impresións arredor dos ferrocarrís. Trocando miradas, ideas e voces, andando polas beiravías das estacións ou subindo aos vagóns, ambos os dous escritores amorean como un tesouro os sons e as cores da memoria. Neste intercambio, Berger, aberto sempre ao decorrer dos tempos, refírese a esa escrita "que medrou a carón das vías férreas" construída con "palabras dun bote de spray", a mesma que ás veces nace como graffitis políticos ou berros de amores e desamores, e outras moitas, desgraciadamente, como borranchos sen mensaxe, que só feren o patrimonio. Un tema que Mercedes Rozas debulla en 'Imaxes dun bote de spray'. Cen anos de 'El Emigrado'. El Emigrado bota a andar o 15 de setembro de 1920 a un prezo de dez céntimos desde que os irmáns Albino e Maximino Matalobos Loureiro, amparados pola Sociedade de Fillos da Estrada en Cuba, sacan do prelo este xornal de clara posición anticaciquil para contribuír no exercicio xornalístico da prensa estradense e que posteriormente adoptaría novas fronteiras ideolóxicas segundo se foron desenvolvendo as diversas circunstancias políticas dos primeiros 40 anos do século XX. Marcos Borrajeros debulla este proxecto xornalístico. Os sucesos da estación de Cornes. Eliseo Fernández cóntanos as orixes do movemento obreiro na capital galega. A antiga estación de Cornes, que en 1873 fora partida e chegada da primeira liña ferroviaria da Galiza, foi escenario en 1898 dun grave enfrontamento entre a patronal e a clase traballadora de Santiago. A orixe do conflito foi a folga que se tiña declarado entre os traballadores do contratista Juan Bouzón Figueroa a mediados do mes de febreiro; o transfundo era a crecente implantación do movemento obreiro na cidade do apóstolo e as iniciativas dos patróns santiagueses para combatela, en alianza co aparello de poder da igrexa local. Lugo, o bastión galego de Ordoño II. Alexandre Peres lévanos pola historia de Lugo ao longo da Idade Media, nomeadamente durante o reinado de Afonso III (866-910), quen conseguira non só reunificar Gallaecia baixo un único soberano mais tamén ampliar o seu territorio. Mais catro séculos despois da caída de Roma, os acontecementos políticos mudaran a organización dunha Gallaecia que vivira o ascenso e caída das monarquías sueva e visigoda como tamén, e moi especialmente, a chegada dunha novidosa relixión, o Islam, ás veciñas terras de Hispania. Hai tamén os artigos e achegas de Paula V. Verao e Montse Fajardo. Tamén de Xosé Álvarez Castro, Silvia Fiallega Lorenzo e Lois Diéguez. Unha entrevista ao historiador Manuel Pazos Gómez pon o ramo a este número do suplemento.
NOS_12542
O semanario inclúe unha entrevista coa escritora Rebeca Baceiredo e unha reportaxe sobre as obras literarias que xurdiron na Galiza a partir da pandemia. Aliás, atoparás diversas recomendacións para o tempo de lecer. Procura o teu exemplar, xunto co 'Nós Diario', este sábado nos quiosques e puntos de venda habituais!
Despois dun número especial co gallo do Día da Patria Galega, Sermos Galiza recupera os seus contidos habituais situando na actualidade ao pintor mugardés Felipe Bello Piñeiro, ao que descobre como un persoeiro do galeguismo pouco coñecido por esta faceta. A través das verbas do historiador Bernando Máiz Vázquez, en 'O galeguista pintor, o pintor galeguista' analízase cunha visión diferente do artista do Seixo (Mugardos) que tanto pintou a paisaxe galega, con especial agarimo pola súa aldea e o campo da festa de Beiramar, do que vas atopar algunhas obras no semanario. No texto, o autor explica que Bello Piñeiro tivo unha "personalidade polifacética" que estivo marcada polo "activismo e sentimento galeguista" que amosou, por exemplo, na súa obra artística. De aldeas, filosofía e coronavirus como inspiración Neste número, en 'Rebeca Baceiredo. Literatura e filosofía' Montse Dopico entrevista a escritora pola publicación do seu último traballo na narrativa: Éxodo. A charla serve para abordar asuntos como a recuperación da memoria das aldeas, a mestura de xéneros, os estilos literarios ou a filosofía na escrita, entre outras cuestións. Pola súa banda, Tensi Xesteira fornece un amplo repaso polos 'Libros en tempos de Covid'. Na reportaxe alude a numerosas obras que viron a luz en paralelo á pandemia e que analizan a realidade desde os máis diversos puntos de vista. Atoparás desde a estrea literaria de Jamas, de Dios ke te crew, até o diario pandémico dun mestre. Propostas para o lecer Mais a cultura tamén continúa saíndo á rúa e seguindo os pasos do Colectivo Xea -que forman Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- 'De Teixido á praia das Cortes'. Aló podes acudir cun libro para descansar na natureza. Por exemplo, Mario Regueira propón ler 'Fillos do Sol' de Cándido Pazó no artigo 'A obra inconclusa' e Susana Sánches Arins reflexiona sobre a 'Vampira de biblioteca' de Ledicia Costas en 'Chucha-livros'. No apartado de música, que tamén pode acompañarte no paseo, Belém Tajes aposta por 'Peixe' de Xisco Feijoo nun artigo que titula 'Aire fresco de verán', mentres que César Morán fornece a peza 'Xerardo Moscoso. Soio de saxofón'. No capítulo de cinema, Andrés Castro profundiza no filme 'Richard Jewel' dirixido por Clint Eastwood. Atoparás a súa visión co titular 'Telelixo, corrupción e inxustiza'. Manuel Xestoso repasa a escena teatral en 'Virán as iguanas vivas a morder os homes que non soñan'. Fechan o caderno os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Estás desexando ter todos estes contidos nas túas mans? O único que tes que facer é acudir ao teu quiosque de confianza este sábado e mercar Sermos Galiza, que atoparás xunto a un novo Nós Diario. Tamén podes acceder a eles a través da nosa tenda en liña. En todo caso, non irá sendo hora de que fagas a subscrición?
NOS_40241
Non fai falta elaborar un sofisticado falso documental para contar as cousas que acontecen e para achegarse á verdade de certos episodios históricos. Ás veces abonda con non censurar e con investigar en serio acontecementos fulcrais para a evolución do actual réxime político. Os medios hexemónicos continúan sen recoller a confesión realizada días atrás polo tenente coronel golpista Antonio Tejero, a figura icónica do 23F, en que incriminaba directamente o naquela altura monarca español, Juan Carlos I. "Tomamos o Congreso ás ordes do Rei", afirma.
A sexta feira 22 de febreiro o dixital El Correo de Madrid achegaba un valioso material manuscrito de Antonio Tejero, o tenente coronel da Garda Civil que entrou nos libros de historia ao irromper pistola en man no Congreso dos Deputados durante a sesión de investidura de Leopoldo Calvo Sotelo como presidente do Goberno. O seu bigote decimonónico e o seu esperpéntico histrionismo —"quieto todo el mundo, se sienten, coño", berrou desde a tribuna— ficaron como as imaxes de marca dun lance aínda non suficientemente esclarecido da recente historia do estado español. O material en cuestión é unha tarxetón enviado por Tejero para escusar a súa non asistencia a unha conferencia que ía pronunciar o xornalista Luis Fernández Villamea, o último director da revista de extrema dereita Fuerza Nueva. O texto manuscrito do garda civil golpista rezaba literalmente así: "Querido amigo Villamea: Nesta conferencia que vas dar quero que poñas de relevo que tomamos o Congreso, os Gardas Civís ás ordes do Rei, para que se puxese un goberno militar, pero que ao ver que se convertía a cousa nunha traicionesca borbonada para meter marxistas nun Goberno do que non se me dixo nada, non o aceptamos. Por iso o noso foi un contragolpe do que se beneficiou Leopoldo Calvo Sotelo que nunca nos deu as grazas". Esta confesión viralizouse nas redes, mais non deu rachado o muro da censura imposto polos medios hexemónicos. Nin esta directa imputación ao naquela altura monarca español nin declaracións realizadas polo político vasco Iñaki Anasagasti ao programa Salvados para ser insertadas no seu falso documental e que finalmente foron desbotadas na montaxe final. Nelas o ex portavoz do PNV no Congreso afirmaba que antes do golpe de estado Gregorio Peces Barba, dirixente do PSOE, se puxera en contacto coa formación nacionalista para a sondexar sobre a súa disponibilidade a apoiar un goberno de concentración presidido por un militar. "Por un militar? E por que non por un bispo?", contestáralle con sorna Xabier Arzallus, o líder jeltzale, segundo a versión de Anasagasti que non pasou o filtro final de Salvados. Antonio Tejero foi condenado por rebelión militar en 1983 a 30 anos de reclusión. Cumpriu condena até decembro de 1996, cando obtivo a liberdade condicional. Nunca abxurou das súas ideas ultradereitistas e mesmo desde a cadea probou fortuna coa política ao lanzar o partido Solidaridad Española, de efémera existencia.
NOS_6180
José Luís Abarca foi detido esta terza feira xunto coa súa compañeira, María de los Ángeles Pineda, acusad@s de ordenar a desaparición e asasinato de estudantes normalistas en Mexico o 26 de setembro.
Após máis de dúas semanas fuxid@s da xustiza, o ex-rexedor de Iguala, José Luís Abarca, e a súa compañeira, María de los Ángeles Pineda, foron detid@s pola Policía federal mexicana nunha vivenda no distrito de Iztapalapa, cidade de Mexico. Sobre amb@s caía unha orde de búsqueda e captura pol@s consideraren responsábeis da desaparición e morte de ducias de estudantes, d@s que aínda permanecen en paradoiro descoñecido 43. Segundo informa a imprensa local a detención produciuse por volta das 01.00 a.m (hora local) e tanto Abarca como Pineda xa foron trasladad@s perante a Procuradoría Xeral da República. A Fiscalía mexicana acúsa@s de estaren ao servizo do grupo criminal Guerreros Unidos, vinculado ao narco, quen pagaba á parella a cambio de controlar a policía municipal.
NOS_35067
O aumento da partida provén da redución das achegas ás academias vasca e catalá
A comisión de orzamentos do Estado aprobou finalmente destinar 682.000 euros á RAG, ampliando así en 300.000 euros as previsións de dotación inicial. Un incremento que se produce tras a presentación polo PP dunha enmenda, que foi aceptada ao ser o partido maioritario. Deste xeito, a RAG recibirá 682.000 euros, a mesma cantidade que se vai destinar a Euskaltzaindia e ao Institut d´Estudis Catalás. De feito, @s populares aceptaron aumentar a achega económica á RAG, mais sen que isto implicar un aumento do total destinado ás academias destes países. Moi ao contrario, a opción elixida foi a de pasar a tesoira nas institucións vasca e catalá. BNG e PSOE pedían unha maior aposta económica pola Real Academia Galega, tanto polo traballo que desenvolve como por historia ou xestión. Os dous coindicían en que unha achega económica xusta para a entidade debería rondar o millón de euros. Ferrín: "É de xustiza recoñecer o amparo que nos deu o presidente da Xunta" O presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, satisfeito e agradecido perante a solución que se lle deu ao problema, sinala que "saíu da mellor maneira posíbel". Ferrín quixo expresar o agradecemento da Academia a todas as persoas que "colaboraron na solución desta inxustiza" e considerou que era xusto agradecer o traballo dos deputados e deputadas galegas en Madrid pois "defenderon o seu País". E engadiu que "é de xustiza recoñecer o amparo que nos deu o presidente da Xunta, que se impuxo para corrixir o agravio, o que di moito da súa galeguidade".
NOS_17193
O sector crítico estaría a piques de forzar a saída de Sánchez da Executiva Nacional. O secretario xeral terá de abandonar o cargo inmediatamente se a metade máis un dos membros da dirección apresentan a súa demisión. El País, moi próximo aos críticos, afirma que os detractores de Sánchez están a un paso de darlle o golpe definitivo.
Un secretario xeral eleito directamente pola militancia podería ser descabalgado esta mesma cuarta feira por un golpe de man do sector crítico, que utilizaría a tal efeito unha previsión estatutaria nunca utilizada na historia moderna do Partido Socialista. Con efeito, segundo prescrebren os estatutos, a demisión do 51 por cento dos membros da Executiva Federal supón inmediatamente a disolución deste órgao e tamén da secretaría xeral, co cal o control do partido pasaría directamente a maos dunha comisión xestora. Segundo El País, o sector crítico -favorábel a negociar co PP unha abstención que investiría Rajoy como presidente- tería xa o apoio de no mínimo 17 membros da Executiva Federal. Mais 17 non é suficiente. A Executiva ten 35 membros. Os críticos precisarían dun apoio máis para consumar o golpe. En realidade, a dirección socialista eleita no Congreso tiña 38 integrantes. Dous deles -o galego Besteiro e Javier Adreu- demitiron no seu día, por motivos previos aos desta crise. O terceiro, Pedro Zerolo, faleceu. A maioría sobre os 38 sería 20, número que os críticos non suman (as 17 demisións de agora máis as dúas anteriores dan 19). En todo caso, de ter suceso esta demisión en bloco ficaría sen efeito a proposta de convocatoria dun congreso extraordinario con primarias para este 23 de outubro anunciada esta mesma semana por Pedro Sánchez. Reacción desde a Galiza A presidenta da Comisión xestora do PSdeG, partidaria de Sánchez, non dubidou en cualificar de "suicidio" e "despropósito" a demisión en bloco dos 17 membros da Executiva federal. "É un suicidio, unha loucura e un despropósito. Pensei que había máis cordura", afirmou aos meios Pilar Cancela. A dirixente galega enfatiza que os críticos non reúnen a maioría, a metade máis un, dos membros da Executiva para forzar con efeito a súa disolución. A súa referencia son os 38 integrantes eleitos polo congreso e, portanto, o listón para provocar a queda de Sánchez sería a demisión de 20 membros, non de 19. César Luena O secretario de Organización, César Luena, compareceu durante a tarde en Ferraz para afirmar que "o líder do PSOE continúa a ser o que elixiron os militantes, Pedro Sánchez". Luena afirma que se "instigou estas demisións" para así "evitar un Congreso e que os militantes falen, seguramente para que o PSOE o dirixa unha xestora, sen explicar con que apoios ou alianzas de fóra do partido. É moi grave". O secretario de Organización dixo que a Executiva vaise centrar en convocar un Congreso extraordinario e a esa executiva están convocados "os que continúan a ser membros".
NOS_14374
A participación nos comicios galegos sobe 0,46 puntos ás 17 horas, tendo xa votado a esa hora da tarde 42,95% do censo electoral, unha cifra similar á das eleccións galegas de 2016.
A participación nas eleccións ao Parlamento da Galiza deste domingo 12 de xullo ascendeu a 42,95% até as 17, unha porcentaxe que se sitúa en niveis similares aos dos comicios galegos de 2016, cando era de 42,49% á mesma hora. Nesta ocasión está 0,46 puntos por encima de hai catro anos. Así o indicou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, nunha comparecencia ante á prensa ás 17.30 horas para dar conta da evolución da xornada electoral. Hai unha lixeira suba de participación nas circunscricións da Coruña e Pontevedra, mentres que baixa nas de Ourense e Lugo, onde precisamente o PP adoita sacar mellores resultados. Por circunscricións: na Coruña compútase 42,84% de participación (aumenta 0,82 puntos) e na de Pontevedra votou 43,60% do censo (sobe 1,31 puntos). Na circunscrición de Ourense votou 42,69% (descende 1,80) e na de Lugo a participación acada 41,89% (cae 0,84 puntos). Na comarca da Mariña Central, epicentro do rebrote do coronavirus, a participación descende 1,25 puntos, con 41,01% de participación fronte ao 42,26% rexistrado en 2016. Baixa, aínda que menos, na Mariña Oriental, con 0,90 puntos de caída, pasando de 45,09% rexistrado en 2016 a 44,19%. Pola contra, sobe na Mariña Occidental 2,5 puntos (pasando de 45,2 a 47,52%). Até as 12 horas a participación alcanzaba 19,42%, cifra que se situaba 4,41 puntos por encima da rexistrada a esa hora na convocatoria electoral de 2016.
NOS_22094
"É un dos países con maior traxectoria en diplomacia científica e médica da rexión, baseada nunha avanzada industria biotecnolóxica e un robusto sistema de Saúde", indica a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.
Un recente informe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) aplaude a Cuba polo seu liderado en cooperación científica. A integración do sistema cubano de Saúde Pública co desenvolvemento das investigacións e producións biotecnolóxicas na Isla, "non só para dar resposta aos problemas nacionais, senón cun enfoque proactivamente colaborativo cara á rexión e o mundo" é destacado neste documento, titulado Diplomacia Científica en América Latina y el Caribe: Estrategias, Mecanismos y Perspectivas. "Cuba é un dos países con maior traxectoria en diplomacia científica e médica da rexión, baseada nunha avanzada industria biotecnolóxica e un robusto sistema de Saúde", subliña o informe presentado no marco das celebracións polo Día Mundial da Ciencia para o Desenvolvemento, segundo informan medios cubanos. Desde 1963 enviou máis de 400 000 profesionais médicos en 164 misións a países de África, América, Oriente Medio e Asia, ademais de prestar axuda humanitaria en casos de catástrofes, emerxencias e epidemias como o ébola e máis recentemente a COVID-19 Argumenta a Unesco que "desde 1963 o país enviou máis de 400 000 profesionais médicos en 164 misións a países de África, América, Oriente Medio e Asia, ademais de prestar axuda humanitaria en casos de catástrofes, emerxencias e epidemias como o ébola e máis recentemente a COVID-19". O informe tamén menciona a participación de Cuba en proxectos de cooperación Sur-Sur en campos como a Saúde, a Educación e a Agricultura, e contribúe a formar recursos humanos en América Latina e o Caribe, a través de escolas internacionais en diversas disciplinas, desde a Saúde Pública ata a resiliencia climática. O informe foi dado a coñecer durante o Foro Aberto de Ciencias de América Latina e o Caribe, concibido como un espazo vivo de reflexión e interacción coas problemáticas propias da xestión da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que contribúa á implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible na rexión. A Unesco emprega o exemplo de Cuba como referente para fortalecer a diplomacia científica como unha oportunidade que permita adoptar estratexias innovadoras na colaboración entre os países. Neste ano, Cuba enviou unhas 50 brigadas médicas, integradas por máis de 3.000 sanitarios, a combater a Covid-19 en nacións de Europa, África, Medio Oriente, América Latina e o Caribe. Por este labor, diversas organizacións internacionais apoiaron publicamente a candidatura do Continxente Internacional 'Henry Reeve' ao premio Nobel da Paz.
PRAZA_532
Non me atrevería a cualificala de "apoloxía da guerra e da violencia" pero case. Nas breves descricións que acompañan a cada vehículo, tanque, automóbil, moto con sidecar... pouco máis que as características técnicas e o lugar onde ubicalo, ás veces mesmo con tratamentos frívolos como: "Un poderoso caballito de batalla"
Hai moitas maneiras de achegarse á guerra, a calquera delas, particularmente, á II Guerra Mundial, da que estamos a lembrar o 70 aniversario do seu remate. Podemos facelo como Gervasio Sánchez, o fotoxornalista que é capaz de amosar os rostros das vítimas de tódalas guerras, o espanto; ou como Francis Ford Coppola, o horror, o horror, que di o Coronel Walt Kurtz no final da película Apocalypse Now e toda a produción cinematográfica antibelicista ou a mesma tradición na pintura, por exemplo. Existen outras maneiras de mirar a guerra e a violencia, máis ou menos apoloxéticas, no cinema, nas artes, onde tamén temos unha extraordinaria colección de exemplos, Boinas Verdes ou Rambo, para non ir máis lonxe. E mesmo un pode poñer as gafas de non ver, aqueles enfoques que ocultan a realidade das vítimas, o sufrimento, a desesperación, a morte, e fixarse só no espectáculo, nos obxectos de época, unha sorte de ollar con nostalxia, para ver simplemente vehículos, tanques, avións, uniformes, garitas, armas, miniaturas, xoguetes... atrezzo e decorados. As fazañas bélicas sempre tiveron moitos seguidores, especialmente no xénero masculino, a fascinación pola guerra, as correaxes, a música militar, os desfiles... Dicía Píndaro, nada menos que cincocentos anos antes de Cristo, que "A guerra é doce para quen non a sufriu, pero quen a coñece sinte un horror extremo tan só con achegarse a ela". Todo este preámbulo ven a conto dunha Exposición no Centro Comercial As Cancelas en Santiago de Compostela organizada coa colaboración da Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets, con sede en "La Coruña", tal e como figura na súa propia imaxe. O nome desta entidade alude a algún dos rexementos da infantería británica máis coñecidos, os chaquetas verdes, fusileiros e a brigada do rifle. Sei ben que o obxectivo da exposición, que sorprende os clientes do Carrefour e demais tendas das Cancelas, non é educativo, non busca máis que incrementar os visitantes, mellorar as ventas e, de paso, a conta de resultados. Non ten propósito pedagóxico, e si o tivera, desde logo, non sería "Desaprender a guerra" tal e como reivindicaba a profesora Anna Bastida no seu coñecido libro de Educación para a Paz. Non me atrevería a cualificala de "apoloxía da guerra e da violencia" pero case. Nas breves descricións que acompañan a cada vehículo, tanque, automóbil, moto con sidecar... pouco máis que as características técnicas e o lugar onde ubicalo, ás veces mesmo con tratamentos frívolos como: "Un poderoso caballito de batalla". Sempre que falamos das violencias, da guerra, ou das outras formas de violencia, facemos fincapé nas vítimas. Nada sen as vítimas. Pois ben, as vítimas da II Guerra Mundial, están ausentes desta Exposición. Parecera como que a memoria das vítimas fose ocultada deliberadamente, como se aqueles vehículos non fosen deseñados para matar, un simple decorado, atrezzo sen máis, obxectos. Tamén podemos ver un documental nun espazo máis reservado, un dos moitos documentais sobre a IIGM que reproducen as televisións reiteradamente, non caracterizados, en xeral, polo seu rigor histórico. Arredor da pequena sala, cartaces de cinema sobre o citado conflito bélico, unha serie de películas, a maioría delas claramente apoloxéticas e ningunha da corrente cinematográfica antibelicista, que tamén existe, mesmo no cinema máis comercial. Seguro que atraerán clientes. Moitas persoas, en especial homes, afeccionados ás Fazañas Bélicas, ás coleccións militares e ás miniaturas de época aproveitarán para facerse selfies, pero perderemos unha magnífica oportunidade para achegar a auténtica IIGM á cidadanía, as súas causas, as consecuencias, que chegan ate hoxe, e coas vítimas sempre presentes. Non sei o que custa esta Exposición, sería bo sabelo, e os recursos destinados a familiarizarnos co belicismo, a banalizar sobre a guerra e a violencia, a ignorar o holocausto..., fronte ó que dedicamos a difundir os valores da cultura da paz e os dereitos humanos. Creo que unha exposición destas características sería impensable, por exemplo, durante a guerra de Iraq, coa sociedade en pe berrando "Non á guerra". Hoxe, coa dereita conservadora e cuartelera abusando da súa maioría absoluta, proliferan estas aproximacións. Non sorprende que o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, estea tan identificado cos seus promotores. Unha mágoa.
NOS_6616
A plataforma Mina de Touro Non apresentou un informe elaborado polo doutor Steven Emerman sobre o impacto do proxecto mineiro nesta zona. Emerman alertou do perigo que entraña a construción dunha balsa a menos de 200 metros da poboación, algo que sería ilegal en moitos países do mundo.
O doutor Steven Emerman apresentou en Compostela un estudo sobre os perigos que entraña para o medio e a poboación o proxecto mineiro en Touro. O reputado profesor da universidade estadounidense de Utah Valley foi convidado pola plataforma Mina de Touro Non para alertar dos impactos da construción dunha balsa como a proxectada nesta zona, augas arriba, gardando menos de 200 metros de distancia respecto da poboación máis achegada, algo que sería ilegal en moitos países do mundo. A presa en Touro é para Emerman "unha loucura" porque supón a construción dunha balsa augas arriba respecto dunha poboación situada a tan só 200 metros de distancia Emerman, con 31 anos de experiencia no ensino universitario en Xeofísica, ten elaborados informes técnico-ambientais como consultor independente centrándose en hidroloxía e especialmente en minaría, augas subterráneas e superficiais. Ten, así mesmo, traballado para empresas mineiras e institucións públicas. A presa en Touro é para Emerman "unha loucura" porque supón a construción dunha balsa augas arriba respecto dunha poboación situada a tan só 200 metros de distancia. Esta pequena separación entre ambas significa que de producirse unha falla na presa sería imposíbel realizar ningún rescate, non se chegaría a tempo. A respecto disto, Emerman puxo o exemplo acontecido no mes de xaneiro no Brasil onde após un desastre mineiro debido a unha fenda nunha presa augas arriba, xurdiu un novo concepto coñecido como "zona de propio salvamento". Con isto refírese a que ningún rescate é posíbel nunha poboación que está augas abaixo a menos de 10 quilómetros respecto dunha presa que rompa e, por tanto, cada persoa tería que tentar salvarse por si mesma. A zona de seguranza entre a presa dunha mina e unha poboación augas abaixo é por tanto de 10 quilómetros. Emerman matizou "seguranza" xa que a destrución produciríase igual, mais si habería posibilidade de efectuar un rescate da xente. A construción de minas e balsas augas arriba cerca de poboacións ilegalizouse no Brasil logo dunha catástrofe en xaneiro A construción de minas e balsas augas arriba cerca de poboacións ilegalizouse no Brasil logo dunha catástrofe en xaneiro, mais tamén está prohibida en moitos outros países como Chile (desde o ano 1970). Pola contra, no estado Español as leis non son estritas e de feito prímase a construción augas arriba porque é a mais barata (aínda que de igual forma é a máis perigosa). Este modelo de construción é o que tamén formula o mesmo entramado empresarial da Mina de Touro, Atalaya Mining, segundo denunciou Emermar. A empresa está facendo na mina de Río Tinto, en Andalucía, unha balsa augas arriba dunha poboación. O colmo está, segundo sinalou o experto, en que este deseño está realizado por unha empresa chilena, consciente de que este modelo é ilegal no seu país mais legal no estado Español. "Son métodos ilegais e extremadamente perigosos noutros países que no estado Español véndense de minaría do século XXI e modelo sostíbel", denunciaron os membros que acompañaron a Emerman na apresentación do informe e que representaban a plataforma Mina de Touro Non e Contraminacción. O investigador sinalou que a presa non foi deseñada baixo a contemplación dos conceptos "inundación máxima posíbel" e "terremoto máximo posíbel" O investigador tamén sinalou que a presa de Touro non foi deseñada baixo a contemplación dos conceptos de "inundación máxima posíbel" e "terremoto máximo posíbel", polo que denunciou que "nas 6000 páxinas do estudo de impacto ambiental que se realizou sobre a mina de Touro non hai ningún deseño sobre criterios de seguridade sobre estes dous conceptos. Ao fallar esta consideración ningún deseño de seguridade e impacto é posíbel". O informe de Steven tamén contempla varios erros na mina de San Fins, en Lousame O informe de Steven tamén contempla varios erros na mina de San Fins, en Lousame, e aludiu a existencia de altos niveis de contaminantes nesta área. "Cando recibín os informes oficiais estaba confundido, non sabía se eran reais ou simplemente unha burla", afirmou Emerman, quen contradi así o informe oficial realizado polo profesor Felipe Macías e a USC nos que se xustifica a presenza de cadmio nas augas de maneira natural "a pesar de que están 35 veces por encima do nivel permitido", denunciou Emerman.
NOS_51280
Un "Día das Galegas nas Letras" . As da plataforma A Sega collen o seu foucín, arrefuzan as mangas e propoñen celebrar o "Día das Galegas nas Letras" que nesta primeira edición renderá homenaxe a Dorothé Schubarth, a compiladora do Cancioneiro Popular Galego.
Será o 15 de agosto, o día "Da Nosa Señora" (das nosas letras), cando se desenvolva a festa coa que as promotoras da plataforma de crítica feminista A Sega conmemoren a primeira edición do "Día das Galegas nas Letras" que, desta volta, homenaxeará á suíza Dorothé Schubarth. Natural de Basilea, Dorothé Schubarth chegou a Galiza en 1978 para coñecer a nosa música popular que recolle a través de toda a nosa xeografía e publica no 1984 no "Cancioneiro Popular Galego, unha obra en sete volumes. No "Aturuxo", o manifesto da plataforma de crítica feminista A Sega para a celebración do Día das Galegas nas Letras, falan de Dorothé Schubart como a "primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións". "E haberá quen diga que a tradición é un "ben común", mais este non pode sosterse mantendo de xeonllos ás mulleres, unha vez máis. Porque para nosoutras, as que cantamos e escribimos hoxe, saber que foron outras as que antes cantaron e escribiron non é un feito menor", defenden no manifesto. "Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da "comunidade" nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos", rematan, para recoñecer o labor desenvolvido pola homenaxeada.
NOS_51729
Despois das alertas da Europol sobre a posibilidade de que o armamento enviado a Ucraína acabase no mercado negro, Finlandia confirma a presenza destas armas no país, entre dúbidas sobre o volume de tráfico ilegal en Ucraína, que recibiu 35.000 millóns de euros en armamento desde a invasión rusa.
"Ucraína recibiu un gran volume de armas e iso é bo, pero imos tratar con esas armas durante décadas e pagar aquí o prezo", sostivo Christer Ahlgren, inspector xefe da Oficina Nacional de Investigación de Finlandia. Esta entidade fixo público que foron detectadas no país armas enviadas a Ucraína no marco da guerra contra Rusia, do mesmo xeito que en Suecia, Dinamarca e Países Baixos. Ahlgren debullou que detrás do tráfico de armas están "tres das bandas de motociclistas máis grandes do mundo, unha delas é Bandidos MC, que ten unha unidade en todas as grandes cidades ucraínas". Estes grupos criminais utilizan os portos comerciais para introducir rifles de asalto, pistolas, granadas ou drons de combate, aproveitándose de que os controis de seguridade obrigatorios en instalacións como os aeroportos non se aplican aos traballadores portuarios. En xuño, Europol xa advertira de que a situación en Ucraína podería impulsar un aumento do tráfico de armas. Mentres, un documental da CBS incidiu en que apenas 30% do armamento enviado acaba por chegar á fronte de combate. Desde finais de febreiro Kíiv recibiu máis de 35.000 millóns de euros en armas, principalmente dos Estados Unidos. Aínda que o Goberno que dirixe Volodimir Zelenski reitera que as acusacións sobre tráfico de armas forman parte dunha campaña de desinformación de Moscova, Washington recoñeceu que só é quen de controlar o destino de 10% das armas cualificadas de alto risco enviadas a Ucraína. Este tráfico non é novo no país, pois o informe de 2021 do Índice Global sobre Crime Organizado xa desvelara que tiña un dos maiores mercados ilegais de armas do continente europeo. Combates en Khersón No plano militar, o Estado Maior das Forzas Armadas ucraínas comunicou que o epicentro dos combates está na cidade de Kajova, na rexión de Khersón, onde Kíiv acadou os principais avances nas últimas xornadas. Un día antes, Rusia denunciou un ataque ao encoro da urbe por parte das forzas ucraínas. Amais, as autoridades rusas informaron de ataques con mísiles contra o centro de Donetsk. Entrementres, Ukrenergo, a operadora ucraína do sistema eléctrico, sinalou que por terceiro día consecutivo tivo que organizar apagadas en sete rexións do país, entre elas Kíiv, por mor dos danos na rede causados polos bombardeos rusos. Pola súa parte, a Unión Europea apuntou que a finais de 2022 a asistencia financeira entregada ao Goberno de Zelenski ascenderá a 7.200 millóns de euros.
NOS_27365
O condutor do comboio sinistrado en Angrois negouse a prestar declaración perante a policía, segundo informan fontes policiais
O maquinista do tren descarrilado na curva da Grandeira --no lugar de Angrois-- acolleuse esta sexta feira ao seu dereito a non prestar declaración perante as autoridades policiais. O condutor do comboio atópase imputado de maneira provisoria á espera de declarar perante o xuíz e está sendo custodiado por axentes da policía española no hospital. A policía xudicial xa lle tomou declaración a pasada quinta feira após o sinistro á fin de redixir o atestado do accidente co que o Ministerio Fiscal elaborará a imputación. Neste senso, a caixa negra do ferrocarril podería ser determinante para esclarecer o acontecido. Esta, que se atopa baixo custodia policial, contén as gravacións de audio do acontecido. As autoridades policiais aseguran que decidirán nos vindeiros días após sexan identificad@s todas as vítimas.
NOS_21856
A autocita poderá realizarse a través da web do Sergas ou por medio da aplicación Sergas Mobil.
A Xunta abrirá a partir do 14 de xullo a autocita para a vacinación da Covid-19 das primeiras doses de adultos e de nenos, así como as doses de recordo para a poboación maior de 18 anos. Segundo trasladou a Consellería de Sanidade, a autocita poderá realizarse a través da web do Sergas ou por medio da aplicación Sergas Mobil. Tamén se poderá realizar no número de teléfono 881 54 00 45. Comesaña insiste: cuarta dose da vacina da Covid-19 para maiores de 80 anos a partir de outono Así mesmo, a administración autonómica detallou que, no momento no que unha persona cumpra os criterios e entre en campaña, a Xunta enviaralle un SMS para indicarlle que xa pode pedir cita. Ademais, as sete áreas sanitarias tamén as poderán citar activamente. En todo caso, a Xunta lembrou que continúa en funcionamento a entrada libre para vacinación da Covid-19 nos diferentes hospitais da comunidade. Haberá cuarta dose da vacina contra a Covid para "toda a poboación": así o anunciou Darias
NOS_8109
Convocadas polo feminismo galego
Ana Belén Varela Ordóñez, de 50 anos de idade, foi asasinada a tiros este domingo en Cabana de Bergantiños diante dos seus fillos. Está detido o seu marido, como presunto responsábel do asasinato. Son tres mulleres asasinadas en Galiza no que vai de ano a mans dos seus compañeiros. O feminismo convocou para esta terza feira, 21 de marzo, concentracións en diferentes cidades e vilas de Galiza. "O machismo mata!" e "Basta de feminicidios" son dúas das palabras de orde das convocatorias que están a realizar diferentes colectivos e plataformas de mulleres. Lugar e hora: A Coruña, 20 horas, Obelisco Compostela, 20 horas, Praza 8 de Marzo Lugo, 20 horas, diante do Concello Vigo, 20 horas, no Marco Ourense, 20:30 horas, na Castañeira Ferrol, 20 horas, diante do Concello Betanzos, 20 horas, diante do Concello As Pontes, 20:30 horas, na Praza do Hospital Ponteareas, 20:30 horas, diante dos Xulgados Val Miñor, 20 horas, rotonda da Ramallosa Carballo, 20 horas, na Praza do Concello A Guarda, 20:30 horas, na Praza do Reló Redondela, 21:30, na Praza da Torre Melide, 20 horas, na Praza do Convento. Burela, 21 horas na Praza da Mariña Miño, 21 horas, Praza do Parchís Ponteceso, 12:00 horas, Praza do Recheo Monforte, 20:30 horas, Praza de España Viveiro, 20:30 horas, Praza da Fontemova Rianxo, 20:00 horas, Praza de Castelao Vilagarcía, 20:00 horas, Praza de Galiza O Carballiño, 20 horas, Praza do Concello Ribadavia, 20 horas, Praza Maior Chantada, 20:00 horas, Praza de Galiza (Está aberta a novas convocatorias)
NOS_50102
O blogue creado pola organización frontista co gallo da súa XIV Asemblea nacional recolle desde hoxe a traxectoria política e profesional de Xavier Vence.
Co obxectivo de dar a coñecer o seu candidato á portavocía nacional, o BNG vén de publicar na web #contigo17M un perfil de Xavier Vence en que recollen a súa traxectoria política e profesional. Vence encetou a súa andaina no nacionalismo en 1977 e desde aquela participou no eido sindical e na elaboración das liñas económicas da organización política que aspira a liderar. Aliás, a publicación repasa a traxectoria académica do catedrático en Economía aplicada e a súa bagaxe en numerosos organismos nacionais e internacionais xunto cos artigos e libros publicados. Após concluír o prazo de presentación das candidaturas (rematou esta segunda feira, ás 19 horas), e tal e como se presumía, a listaxe encabezada por Xavier Vence será a única candidatura que se submeta á consideración da militancia no conclave deste domingo 17 de marzo. Neste senso, cumpre lembrar que o colectivo Abrente --dirixido polo parlamentar Carlos Aymerich-- anunciara días atrás que non ía concorrer cunha listaxe propia á Asemblea nacional.
NOS_36575
Fan parte dela colectivos e entidades galegas como Adega ou Amigos da Terra.
"A incineración é unha estafa, contribúe ao quecemento global e ao cambio climático e é unha ameaza seria para a saúde pública", sosteñen as máis de cincuenta plataformas asinantes do manifesto que artella a unidade de acción do movemento anti-incineración estatal e que vén de se aglutinar na "Declaración de Ponferrada contra a incineración e polo Residuo Cero". "Esiximos ás administracións -afirma a Declaración de Ponferrada- que non concedan máis licenzas de incineración ou co-incineración e desenvolvan alternativas para a redución de residuos baseadas na reutilización, reciclaxe e na prohibición do non-reciclábel, para que non convirtan a cementeiras ou centrais térmicas en incineradoras de residuos encobertas". A Declaración de Ponferrada rexeita eufemismos como "valorizar" ou que a enerxía xerada por (co) incineración poida considerarse neutra e moito menos limpa: "Trátase de electricidade negra que se disfraza de enerxía verde ou renovábel. Este branqueamento ou "greenwashing" é inaceptábel polo que nos opomos firmemente que a futura lei de cambio climático branquee a biomasa para o uso enerxético e esiximos que a estratexia de transición de enerxía exclúa a biomasa. Estaremos atentos á elaboración da Lei de cambio climático para demandar ao Reino de España perante a Unión Europea no caso de que se inclúan practicas como a incineración de biomasa que baixo o pretexto do cambio climático, conleven riscos para a saúde" . Para os asinantes da declaración, a incineración é unha farsa da que se lucran as industrias cementeiras, térmicas e demais incineradoras que reciben grandes subvencións por dereitos de emisión de CO2: "Baixo o pretexto de combater o cambio climático, en realidade as administracións están a pagar para desfacerse como sexa das súas toneladas de lixo, que non saben como xestionar".
NOS_50862
O presidente rexeita, iso si, outras reivindicacións do goberno nacionalista, como a cooficialidade do corso ou o estatuto de residente.
Emmanuel Macron está disposto a que a singularidade de Córsega teña cabida na constitución francesa, no marco da reforma do texto que o executivo galo ten en marcha. Pero nada máis alá. O presidente francés aterrou en Córsega para unha visita oficial de dous días a esta illa na que desde decembro de 2015 goberna o nacionalismo (e desde decembro de 2017 cunha máis que ampla maioría absoluta) cunha mensaxe clara: Francia,nación única. Así, e asentándose no centralismo xacobino que a clase gobernante francesa leva no ADN, negou ao goberno corso reivindicacións como a da cooficialidade do idioma corso ("o francés é a única lingua oficial") ou o estatuto de residente (limitar acceso a vivenda de non residentes para acabar coa especulación inmobiliaria). Mais Macron si aceptou estudar outra das reivindicacións, a de que a singularidade de Córsega sexa recoñecida na constitución francesa. Os soberanistas gostarían dun recoñecemento en chave 'nacional', mais iso non vai ser. O presidente galo propón que para a illa se busque un punto intermedio entre os territorios de ultramar (Por exemplo, Nova Caledonia) e os continentais. Afirmou na súa visita que Córsega é o territorio francés con máis autonomía e chamou a deixar de lado o debate territorial ou nacionalista para se centrar, dixo, nos problemas reais dos cidadáns. Porén, os cidadáns corsos votaron hai pouco máis dun mes maioritariamente polo soberanismo (57% dos votos), polo que decidiron situar no eixo do debate a cuestión nacional, optando por apoiar aqueles proxectos que defenden maior autogoberno e soberanía coa resolución de problemas económicos e sociais. A visita de Macron non estivo exenta de tensión. O primeiro acto do presidente francés foi unha homenaxe ao prefecto (especie de delegado do goberno) tiroteado nunha acción a comezos dos 90 dunha das faccións armadas do independentismo corso que operaban naquela altura. O actual presidente corso, Gilles Simeoni, foi avogado defensor dos membros do comando armado. Emmanuel Macron nese acto fixo un duro discurso contra o independentismo e negou calquera posibilidade de amnistía para os presos independentistas corsos, unha das reivindicacións do executivo da illa. Idea da tensión que pairou na visita foi a'guerra das bandeiras', que o xornalista Enric González contou en El Mundo. O séquito francés exixiu que a bandeira gala estivese presente en todos os actos públicos que o presidente realizase na illa, algo ao que se opuñan desde o gobernó corso, partidario de que só ondease a corsa ou, en todo caso, ningunha. Finalmente, o executivo de Simeoni cedeu e a bandeira francesa exhibiuse nos actos."Tamén teriamos posto a bandeira de calquera outro xefe del estado estranxeiro en visita oficial a Córsega" comentaron os soberanistas.
NOS_27263
A cidade portuguesa acollerá a presentación de investigacións de ciencias sociais, cultura ou historia sobre un fenómeno que sobrepasou o estritamente musical.
Máis de 160 investigadores de 30 países van tomar parte no congreso 'Keep It Simple, Make It Fast – Underground Music Scenes and DIY Cultures' que vai decorrer en Porto do 8 ao 11 de xuño. Será na Casa da Música, na Faculdade de Letras da Universidade do Porto e em outros espaços da cidade como a "Matéria Prima", a "Dama Aflita" e o "Plano B" . Un encontro interdisciplinar no que serán presentados estudos e análises coma o do investigador australiano Andy Benett, do canadiano Will Straw ou do sociólogo Augusto Santos Silva, entre outros. "Apesar da idade, fica sempre qualquer coisa de se ter sido punk e essa alguma coisa, se calhar, é o conceito 'Do It Yourself' (DIY, Faino Ti Mesmo). Mas também as coisas que se fazem coletivamente: a questão da luta e da resistência, a participação social e política, alheada de partidos mas participativa. Pessoas que querem fazer a diferença e não querem ser uma ovelha no rebanho", disse Paula Guerra subliñando as características orixinais do punk, nunhas declaracións recollidas en Esquerda.net Esta socióloga da Universidade do Porto entrevistou perto de 200 persoas para un traballo sobre o punk en Portugal onde asume importancia o envellecimento e igualmente, entre outros pontos, o papel das mulleres nos movimentos alternativos en Portugal a partir dos anos 1980.
NOS_9737
Persoal dependente da Consellaría de Política Social denuncia perante a secretaría xeral de Política Lingüística que profesionais da compañía Cualtis rexeitaron facer o recoñecemento médico na lingua do país porque non a sabían falar.
A empresa madrileña Cualtis presta o servizo de recoñecemento médico e prevención de riscos ao persoal dependente da Xunta da Galiza. Porén, e malia que a lexislación vixente garante o dereito a usar o a lingua galega en todas as súas relacións coa Administración, ese dereito non sempre está garantido. Persoal da Consellaría de Política Social presentou nas últimas datas senllas queixas formais perante a secretaría xeral de Política Lingüística a respecto do emprego do galego por parte de Cualtis. "Acudín a facer o recoñecemento médico no meu centro de traballo. Cando foi atenderme a médica díxome que non me podía atender en galego porque non o sabe falar", expón unha das queixas, á que tivo acceso Nós Diario. "Expreseille a ela e á enfermeira presente —prosegue— que se non me podía atender en galego non facía o recoñecemento, xa que dubido que me entendese expresións como dor de gorxa, xeonllo mancado ou dor de riles". Agora Política Lingüística, nun escrito ao que tamén accedeu este xornal, deu resposta a estas queixas afirmando que o pasado 8 de marzo xa contactou Cualtis para "informala da situación e solicitarlle a plena incorporación da lingua galega á súa oferta de servizos". Expulsan un doente do Cunqueiro por pedir unha documentación en galego Como resposta, indica, a empresa de prevención de riscos laborais solicitou unha xuntanza para "analizar as posíbeis melloras a introducir no servizo", un encontro no que asegurou estar xa a realizar "melloras tecnolóxicas" nos seus programas informáticos "para que os informes médicos que emiten os facultativos se poidan facer en galego". Desde Cualtis solicitaron apoio á Administración galega "para solucionar certas dificultades na tradución automática dos comentarios e notas específicas que elabora o persoal médico de orixe non galega no programa informático para a edición dos informes médicos". En consecuencia, Política Social púxose en contacto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) "co fin de facilitarlle a Cualtis as ferramentas informáticas precisas e abrir así unha liña permanente de colaboración entre a Administración pública galega e a empresa que contribúa a eliminar definitivamente calquera traba que poida dificultar no futuro a comunicación en lingua galega entre Cualtis e as súas persoas usuarias". Está garantido o uso do galego na Xustiza?
PRAZA_16573
Fomento licita aínda agora as probas dos inventos contra a nubosidade que lle ofreceron empresas e particulares, cuxos prazos de contratación e períodos en que se deben testar condicionan o proceso Os 26 inventos de Fomento
Os 26 inventos de Fomento A Autovía do Cantábrico (A-8) non terá unha solución para os reiterados cortes de tráfico pola néboa que rexistra nos meses centrais do ano ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, ata polo menos 2020, seis anos despois da inauguración do que foi o último treito en rematarse en Galicia desa infraestrutura. O Ministerio de Fomento vén de licitar aínda agora, no Boletín Oficial del Estado (BOE) deste xoves e por 7,2 millóns de euros, as probas dos diversos inventos que lle ofreceron empresas e particulares para desviar ou paliar os efectos da néboa. Pero os prazos de adxudicación do contrato e os períodos en que se debe probar a efectividade dos inventos na propia zona afectada impedirán que a solución definitiva que se escolla poida estar operativa ata polo menos dentro de dous anos. Fomento licita aínda agora as probas dos inventos contra a nubosidade que lle ofreceron empresas e particulares, cuxos prazos de contratación e períodos en que se deben testar condicionan o proceso O último treito en rematarse da A-8 en Galicia, o que discorre polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín, inaugurouse en febreiro de 2014 e en xullo dese mesmo ano, nunha xornada de forte néboa, produciuse nel un accidente múltiple cunha falecida e ducias de vehículos afectados. Desde entón, e malia o reforzo progresivo da sinalización luminosa da estrada que se foi implantando, a DGT, nunha decisión que non foi ben acollida no máis alto nivel de Fomento, obriga a pechar ese treito ao tráfico e desviar os vehículos pola vella estrada nacional en canto aparecen problemas de visibilidade. Uns problemas de visibilidade que son máis habituais, como saben os habitantes da zona e ratifican os meteorólogos, nos meses centrais do ano, na primavera e o verán, cando as altas presións fan que sopre vento do nordés que chega a esta zona logo de cargarse de humidade no Cantábrico. Ao chocar contra as montañas, esa humidade convértese nas nubes ou néboas que obrigan a pechar ao tráfico o treito en cuestión. Hai dous anos que Fomento deu por rematado o proceso de preselección dos inventos pero non adxudicará as súas probas ata polo menos o próximo verán Tras o accidente de 2014 o ministerio de Fomento decidiu aplicar ao problema da A-8 un novidoso procedemento de contratación consistente en pedir a calquera empresa ou particular que lle ofrecesen ideas ou inventos para evitar a néboa ou paliar os seus problemas de visibilidade. Esa consulta preliminar do mercado desenvolveuse entre xullo de 2015 e abril de 2016, e produto dela Fomento recibiu 26 propostas. Porén, nos dous anos que pasaron desde aquel momento o Goberno pouco máis avances deu que asinar un convenio entre os ministerios de Fomento e Economía para financiar as probas dos prototipos deses inventos con cargo a fondos europeos e comprobar cal funciona mellor. E é aínda agora cando saca a concurso esas probas. Segundo os prazos indicados no BOE deste xoves, as ofertas económicas das empresas candidatas non se abrirán ata o 11 de xullo, e despois aínda haberá que adxudicar e formalizar o contrato e demostrar a viabilidade técnica e económica dos prototipos. Isto impedirá que os inventos que pasen á seguinte fase, de instalación in situ, poidan ser probados xunto á A-8 no período de máis néboa dos meses centrais deste ano. Ao ter que analizarse o seu funcionamento durante 2019, o invento ou os inventos que finalmente resulten elixidos, que despois aínda deberán ser contratados e despregados de xeito xeral no treito, non poderán estar dispoñibles ata, polo menos, o período de máxima intensidade de néboas de 2020.
NOS_51017
Os servizos de emerxencia desactivaron esta tarde o máximo nivel de alerta após comezar a orballar. O movemento ecoloxista e o Concello de Carnota insisten na urxencia de declarar a zona como catastrófica para iniciar a recuperación do Monte Pindo
As cifras oficiais apuntan a 2.200 hectáreas ardidas após desactivaren o nivel 1 de alerta no lume que arestora permanece activo no Ézaro. O orballo iniciouse a mediodía como unha beizón para o Monte Pindo e os concellos aledaños de Mazaricos e Dumbría a onde se espallaron as lapas após catro xornadas de loita infatigábel contra o lume. "Está todo arrasado" asegura Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural en conversa con Sermos Galiza. "Non queda nin un só anaco de monte por arder". Embora a choiva sexa leve e os partes meteorolóxicos non apunten cara á unha tormenta, a preocupación cérnese agora perante as consecuencias que podería ocasionar unha grande tromba de auga. "Non hai previsión", sinala Mario Maceiras mais coa lóxica preocupación de que a choiva poida arrastrar as cinzas dun monte sen árbores e producir "riadas e lodos" altamente contaminantes. O PP rexeita apoiar o Concello de Carnota como "zona catastrófica"Neste senso, desde a Asociación Monte Pindo mais tamén desde o movemento ecoloxista urxen a catalogación da zona como catastrófica, unha iniciativa que xa foi levada ao Pleno municipal --polo propio alcalde de Carnota-- á fin de "aliviar o sufrimento" após os danos causados polo lume e iniciar o proceso de dotación de fondos e contra-prestacións económicas para aquelas moradas e familias que se viron atinxidas polo incendio. "Reconstruír vivendas, arranxar tellados, pintar casas", salienta Mario, mais tamén planexar xa a recuperación e re-poboamento do monte que ficou completamente devastado polas lapas. En definitiva, sinala Maceiras, "pór en marcha iniciativas para rexenerar e minimizar os estragos" causados. No entanto, o pleno extra-ordinario convocado polo alcalde Ramón Noceda (BNG), non contou coa presenza dos edís do Partido Popular --5 d@s 11 que compoñen a corporación municipal-- que argüíron a súa ausencia acusando ao rexedor nacionalista de querer politizar a catástrofe. "Non se presentaron no Pleno", denuncian desde a Asociación Monte Pindo o seu secretario, "non entenden nada" afirma con carraxe quen leva "alertando disto máis de 3 anos", asegura. "Advertimos que isto podía pasar e non nos fixeron caso, tiñan que teren en conta as nosas demandas". En troca, salienta, "agora falan de que hai un home moi malo que anda polo monte cun chisqueiro". Mobilizacións contra a política forestal da Xunta e na defensa dos espazos naturais Desde a Xunta de Galiza apuntan co dedo acusador cara posíbeis piróman@s @s que culpabiliza da vaga de incendios que asolagan o país. Neste senso, Alberto Núñez Feijóo insistiu na súa intervención na apertura do curso político en Ames (A Coruña)na importancia de "combater aos que atentan contra o noso patrimonio natural" e desvinculou catástrofes ecolóxicas como as de Monte Pindo e O Ézaro da política forestal da Xunta ou dos recortes nos servizos de prevención e extinción de incendios. Desde a Asociación Monte Pindo salientan que ter recoñecido como Parque Natural o Monte Pindo tería evitado ou minimizado os danos e reiteran que continuarán adiante nas súas reivindicacións para catalogar esta reserva natural pertencente á Rede Natura 2000 como Parque. Aliás, lanzan un chamamento "a todo o país" a se sumar ás accións reivindicativas convocadas para os vindeiros meses coas que pretenden denunciar o desleixo da Xunta de Galiza co Pindo mais tamén "mobilizar e reaxir" salientou Maceiras, na defensa dos espazos naturais. Así o vindeiro 28 de setembro a Asociación convoc un roteiro polo Monte Pindo ao que animan a participar con prendas verdes que devolvan a cor ao Olimpo celta. Tamén así, lanzan un chamado a todo o pobo galego a tomar parte da manifestación nacional convocada para o vindeiro día 6 de outubro en Compostela coa que queren denunciar a inacción da Xunta de Galiza na prevención dos lumes mais tamén urxir unha outra política forestal para os nosos montes.
PRAZA_4555
O Colexio Médico de Ourense alerta dos riscos para mulleres e profesionais da contrarreforma de Rajoy e Ruiz-Gallardón, que vai "aumentar o risco de abortos innecesariamente tardíos ou, peor aínda, clandestinos"
Múltiples colectivos feministas, a oposición en pleno, grupos cristiáns de base... e agora, tamén, colectivos médicos. O anteproxecto de contrarreforma da lei do aborto que impulsa o Goberno de España co ministro Ruiz-Gallardón como abandeirado segue colleitando rexeitamentos, os últimos chegados dende un ámbito tan sensible e preciso como o médico. Poucos días despois de que a Asociación Española de Neuropsiquiatría acusase gabinete de Rajoy de "consagrar a minoría de idade da muller" e condenala a un "sufrimento innecesario" coa súa "mal chamada" lei de "dereitos da muller embarazada", agora é o Colexio Médico de Ourense o que alza a voz para, dende un punto de vista "estritamente profesional", censurar un proxecto que fará "case imposible" interromper un embarazo na sanidade pública. O texto da contrarreforma, explica este colectivo profesional, carga sobre mulleres e profesionais da medicina unha enorme "complexidade burocrática" que, nun "procedemento médico de por si limitado nos seus tempos", "dificulta en extremo" poder concluír correctamente, ata o punto de chegar a imposibilitalo aínda cumprindo os supostos. Estas "dificultades administrativas", xunto ás "implicacións económicas que poidan supoñer", "aumentan o risco de abortos innecesariamente tardíos ou, peor aínda, clandestinos, co serio problema para a saúde individual e mesmo pública que isto supón", alertan. O colexio médico de Ourense alerta de que o proxecto "aumenta o risco de abortos tardíos ou, peor aínda, clandestinos" A xuízo do colexio ourensán os criterios seguidos polo Executivo do PP non son médicos. Só así, veñen dicir, é posible explicar que non tivese en conta "as opinións e informes expresados por expertos en diagnóstico prenatal sobre os tempos e condicións para unha correcta información sobre as diversas malformacións fetais e as consecuencias clínicas que estas poidan producir". "Non é aceptable, en todo caso -afirman- excluír nin poñer trabaas á despenalización do aborto no suposto" de que o feto teña estas malformacións. Un proxecto coma este, "de grande impacto sobre os aspectos sanitarios, tería necesitado un proceso debate e consenso previo cos médicos e as sociedades científicas". E este, lamentan, "non existiu en absoluto". "Non podemos nin queremos ser xuíces" O médico debe limitarse a "apoiar" a decisión da muller, "sexa cal sexa", subliñan Xunto aos riscos para as mulleres, o colexio médico detecta tamén múltiples problemas profesionais, toda vez que o anteproxecto de Ruiz-Gallardón "carga sobre os médicos decisións que non son sanitarias, como a valoración do hipotético dano psíquico á nai cunha anomalía fetal incompatible coa vida". "Os médicos -aseveran- non podemos nin queremos converternos en xuíces que autoricen ou deneguen un aborto". "O noso labor -abondan- é informar a muller dende o punto de vista sanitario" e é a propia muller quen ten que poder "tomar a decisión que considere oportuna". O persoal médico debe limitarse a "apoiala medicamente, sexa cal sexa a devandita decisión". Na mesma liña, o colexio alerta de que os e as profesionais da medicina fican colocadas polo Goberno "nunha situación de grave inseguridade xurídica" e "expostos a denuncias legais de todas as partes implicadas na solicitude, aprobación ou denegación do aborto". Coa redacción da lei, cuxos "graves problemas" esperan que sexan "corrixidos" no trámite parlamentario, mesmo pode haber denuncias de "terceiros non directamente implicados, pero interesados por algún motivo extrasanitario en interpretar os informes emitidos".
NOS_47674
Avoga pola vía diplomática para resolver o conflito.
O escritor Suso de Toro compareceu en rolda de prensa esta segunda feira, acompañado de representantes das máis de 30 organizacións e colectivos sociais, políticos e sindicais, que conforman a plataforma "Galiza pola Paz, para anunciar a convocatoria de mobilizacións simultáneas, ás 12 horas, nas sete cidades para o vindeiro domingo día 20 de Marzo. Suso de Toro iniciou a súa intervención reiterando, en nome da plataforma, o máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno, e reclamando a retirada inmediata das tropas rusas. Expresou ademais a plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk, e cos xa millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar este conflito. Volta á diplomacia Xunto a isto fixo un chamamento ao cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución deste conflito. Nese sentido subliñou que cómpre atopar o camiño "para unha desescalada militar e unha política de paz", o que require apostar no diálogo, nos esforzos diplomáticos e no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz. Reclamou, en nome da plataforma, o compromiso da non incorporación de Ucraína á OTAN, "en consonancia cos acordos de Minsk, así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk, respectando a súa vontade democrática". Refreriuse ademais, "ás accións previas de hostigamento por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk e o silenciamento destes ataques por parte da comunidade internacional, malia as advertencias reiteradas da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE)". Unha situación que, apuntou, vén desde 2014 e que ten deixado millares de vítimas con bombardeos permanentes sobre a liña de alto o fogo que se establecera nos acordos de Minsk. A guerra en Ucraína, en directo, este 14 de marzo De Toro lamentou o papel que está a xogar a Unión Europea neste conflito, como "monicreque dos intereses da OTAN e os EUA, e as declaracións ameazantes do portavoz da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, que crean aínda máis tensión". Nese sentido, e en representación da plataforma, reclamou que a Unión Europea deixe de enviar armas, de censurar medios de comunicación e de alimentar o conflito, e pase a ter un papel mediador e favorecedor dunha solución negociada. Xunto a isto reclamou a neutralidade activa do Estado español, a retirada inmediata das tropas españolas enviadas ao Mar Negro, Bulgaria, Letonia e Lituania seguindo directrices da OTAN e dos Estados Unidos, e o cese no envío de armamento á Ucraína porque, para contribuír á resolución deste conflito, ten que se reforzar a vía diplomática, non enviar ametralladoras. O portavoz da plataforma sinalou ademais o impacto económico e social deste conflito tamén na Galiza, e moi especialmente sobre as clases populares. Un impacto derivado dunha crise que lembrou que xa existía antes do inicio dos ataques militares, que agravou a guerra e que se plasma na carestía da vida, cunha suba brutal de prezos en produtos básicos. Por iso, denunciou que "resulta indecente que neste contexto haxa quen obtén inxentes beneficios económicos, nomeadamente os propios Estados Unidos ou as grandes empresas eléctricas, a costa do empobrecemento das maiorías sociais". Solidariedade coas persoas refuxiadas Suso de Toro manifestou ademais a solidariedade da plataforma coas vítimas e cos millóns de refuxiadas e refuxiados que está a provocar o conflito da Ucraína, mais tamén coas de outras guerras e outros dramas na humanidade, todas elas merecentes de solidariedade, recoñecemento e apoio. Mobilizacións (todas ás 12 horas) A Coruña: Subdelegación do Goberno Compostela: Praza do Toural Ferrol: Praza de Armas Lugo: Praza Maior Ourense: Subdelegación do Goberno Pontevedra: Praza da Peregrina Vigo: Farola de Urzáiz
NOS_11729
O topónimo oficial deste concello é Sobrado dos Monxes. Un conselleiro de Cultura deturpouno en 2010 e a Consellaría de Sanidade agora, en 2021.
"Desván, Soutomaior, Arteixo y Chantada quedan en el nivel alto (de restricións)". A nota, en versión castelán, da Consellaría de Sanidadade sobre o comité clínico da pasada semana descúbrenos un novo concello na Galiza: Desván. Un municipio que non figura en ningún mapa, oficial ou non oficial, nin ningunha listaxe de toponimia da Galiza 'Desván'. Non se escoitaba este topónimo desde 2010. Daquela fora en Fitur, en Madrid, cando o conselleiro de Cultura naquela altura, Roberto Varela, dixo "Desván de los Monjes" para se referir ao concello, este si existente, de Sobrados dos Monxes. O 'Desván' da Consellaría de Sanidade semella proceder tamén, como o de Roberto varela, da deturpación. Unha deturpación que non pasou desapercibida nas redes sociais, onde varios usuarios e usuarias reclamaron explicación á Xunta. Desde A Mesa xa sinalaron que puxeron esta deturpación en coñecemento da 'Liña do Galego'. Olá, @LinhadogalegoPodedes axudarlle á @Xunta, por favor?https://t.co/ZziBaYc5SNhttps://t.co/NVaZlR3Fq2 pic.twitter.com/q0TstFYtsb— Seve de Xantoque 🛰 (@seve_file) March 15, 2021
NOS_55350
O veterano líder jeltzale, retirado da política desde hai anos, morreu aos 86 anos. É o pai do moderno PNV.
Xabier Arzalluz (Azkoitia, 24 de agosto de 1932) faleceu na mañá desta quinta feira en Bilbo aos 86 anos de idade. Dirixiu o PNV entre 1980 e 2004. "Déixanos unha persoa, un jeltzale [militante do PNV] e un abertzale exemplar", manifestaron desde o Partido Nacionalista Vasco, que fala de "día de máxima tristeza". Polémico e polemista, de discurso claro e contundente, Arzalluz gostou de oficiar sempre de nexo de unión entre o sector autonomista e o independentista do PNV. Nacido nunha familia de ideoloxía carlista, estudou cos xesuítas en Durango, para despois estudar dereito, filosofía e teoloxía. En Alemaña preparou unha tese sobre a democracia cristiá alemá. En 1968 entrou no entón clandestino PNV, en 1971 xa lideraba o PNV en Bizkaia. Deputado no Congreso dos Deputados (1977-1979), foi o presidente do Euskadi Buru Batzar (EBB) e líder do PNV, entre 1980 e 2004. En 2017, e despois de anos de retiro, reapareceu no Aberri Eguna (Día da Patria Vasca). Consciente da súa imaxe en España, declarou ese día: "Pasarei á historia como un malvado". Nos 80 e 90 exerceu en máis dunha ocasión de látego da esquerda abertzale, da que chegou a dicir que a súa patria non era Euskadi senón Cuba. Xa retirado, visitou Atrnaldo Otegi cando estaba preso e dixo del que era "un patriota digno de respeto e admiración".
NOS_44212
As Tanxugueiras publican novo single, "Figa". E fano cun videoclip co que o grupo afonda no compromiso coa "posta en valor e recoñecemento da cultura popular galega".
Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova proposta musical de Tanxugueiras, na que mesturan os ritmos e bases urbanas e líricas propias con coplas e cantos tradicionais. Así, as cantareiras apostan na transmisión e reformulación da música tradicional a través da súa confluencia coas sonoridades electrónicas e influencias do tempo no que habitan. A peza está dispoñíbel nas principais plataformas dixitais cun título que fai referencia ao amuleto contra o mal de ollo. No videoclip tamén destacan elementos simbólicos da cultura popular. "Figa é a resposta bailábel e rotunda" dun grupo, salientan nun comunicado de prensa, que aposta, desde a súa creación, "polo empoderamento e capacidade das mulleres de ser donas do seu camiño". A través de coplas tradicionais e líricas de creación propia, Figa pretende "incidir na forza das mulleres á hora de afrontar a súa vida, alén das envexas, medos e críticas derivadas dun sistema marcadamante machista". Anque de min digan, digan, eu non digo de ninguén, cantan Aida, Olaia e Sabela nun tema no que apostan nunha idea de comunidade que vén de lonxe e no que contrapoñen a irmandade fonte á denteira, a solidariedade fronte ao individualismo. "Hoxe, cando por momentos parece que arden as lapas da intolerancia, temos motivos para a esperanza. Hai mulleres que coidan e que se coidan, e lazos de solidariedade que son máis fortes que os discursos do odio. Fronte ao ruxerruxe, empoderamento", sinala Tanxugueiras. Logo da estrea de Midas o pasado mes de febreiro, Figa é o segundo avance da nova sonoridade de Tanxugueiras. Nesta ocasión Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro contan de novo coa colaboración, na produción, de Iago Pico (Pouland Studios). Precisamente o produtor participa no videoclip como antagonista, tentando enfrontar á masa coas cantareiras. O videoclip de Figa, dixirido por Trece Amarillo (Diego M. Barcia e Diego Santaclara) e con Jordi Lauren na produción executiva, rodouse o pasado mes de maio en na Comunidade de Montes de Salcedo, na nave de Global Setup (Caldas de Reis) e no Pazo de Señoráns (Meis), baixo estritas medidas de seguridade. A rodaxe do filme, no que as cantareiras empregaron vestiario e xoiaría tradicional de Bulideira, contou coa participación de 90 extras nos planos de lume e de 30 bailadoras como corpo de baile.
NOS_6950
A tradición galega mestúrase co rock en Sons of Exodus de Carlos Cernadas, que desde a emigración nas Illas Británicas presenta unha historia de ficción ambientada no século XIX na Galiza. Con referencias á batalla de Elviña (A Coruña) e á lenda da raíña Lupa o músico de Rianxo contrúe o seu primeiro álbum.
—De onde vén a idea deste Sons of Exodus? Vin a Londres para estudar a carreira de música creativa e no proxecto final de grao tiñamos que facer un disco. Hai dous anos que comecei con isto, tiña claro que quería facer algo de rock e, para facelo máis interesante, quixen mesturalo coa música tradicional galega. Gústanme os discos conceptuais, nos que as cancións están relacionadas entre si, e lembreime da estatua de John Moore que hai na Coruña, lin sobre a batalla de Elviña e escribín unha historia sobre a que despois compuxen a música. Tamén quixen incluír a lenda da raíña Lupa no disco, aínda que non teña nada que ver co outro. —Como foi ese proceso? Comecei a compoñer intentando que a música acompañara a narración de tal maneira que te puidese pór no lugar onde se desenvolven os feitos. No segundo tema, The Botafumeiro, que está ambientado na catedral de Compostela, soa un órgano e a forma na que está composto intenta evocar ese espazo. —Escribiu as cancións en inglés? En realidade escribín a historia en galego e despois traducina porque ao estar aquí precisaba que fose en inglés. A maioría das cancións están en inglés, hai unha en galego e tres son instrumentais. Pero na páxina web do proxecto está todo en galego, castelán e inglés. —Como comeza a historia? As protagonistas son unha vella meiga e unha rapaza que viaxa con ela. A meiga acostuma contar historias, e así conseguir aloxamento nos sitios, e a rapaza toca a frauta, que na primeira canción é un instrumento bastante relevante. Busquei unha melodía máis pegadiza para este primero tema, Blind Man Song, que en realidade é unha tradución miña dos cantares de cego. A vella é torta, o porqué explícase ao longo da historia, e busquei aí unha relación. —Conta coa colaboración de varios músicos, que lle achegan? Gústame saber exactamente como vai cada nota, mais unha cousa que aprendín aquí na universidade foi a colaborar con outra xente. Para este disco, como ademais non son un entendido da música tradicional galega, intentei contactar con xente que leva toda a vida facéndoa e graveinos. A partir de aí compuxen cousas. Máis que música, con este disco aprendín a organizar e planificar. Tiña que gravar músicos no Nadal e na Semana Santa, o tempo era limitado. Colabora un gaiteiro, Carlos da Silva, que tamén toca a frauta tradicional, unha rapaza que canta alalás, outra gaiteira, un baterista e despois tamén está un enxeñeiro de son que foi profesor meu. Ten o seu aquel coordinar todo desde aquí co orzamento dun artista independente. E tamén colaborei con xente que coñecín aquí, cunha rapaza que toca o violín, que é medio holandesa medio irlandesa, e cunha compañeira francesa que toca a frauta. Realmente, empreguei a edición como ferramenta para a composición e así é como creo que saíu unha fusión de rock e música tradicional. Obviamente hai moitos grupos que misturan rock e folk, aos meus amigos víñalles á cabeza Mago de Oz cando escoitaban as primeiras cousas… E si, é certo que me encantaban, pero eles non fan música tradicional galega. Meter unha gaita nunha canción non significa que sexa música tradicional galega. A melodía tradicional é moi característica. Como os alalás, para min foron unha descuberta que me parece un filón. —Así que tamén foi unha aprendizaxe sobre a música tradicional. Si, e quero seguir indagando. Agardo que a xente á que lle gusta non se ofenda. O meu obxectivo era aprender algo da música tradicional galega e integrala nun contexto máis moderno. Creo que hai moitísimo percorrido por experimentar. No próximo disco gustaríame incluír varias pandereiteiras como elemento percusivo, pero cun son máis agresivo, a ver como sona iso nunha base rock. —Cre que poderá vivir da música? Ese é o meu obxectivo. Aquí estiven traballando nun pub na estación de Victoria e ufff… Xurdiume a oportunidade de traballar nunha escola de guitarra que usa un método australiano que se chama G4 e até hai pouco tiña traballo alí, co da COVID-19 de momento quedou todo parado. Aínda que tamén estou dando clases online pola miña conta. Até que chegou o confinamento estaba os sete días da semana traballando. —E vai tocar o disco en directo? Se hai un mínimo interese e a situación mellora, a miña idea era facer unha pequena xira o ano que vén. É complexo porque sería unha formación que precisa sete ou oito músicos. Comecei a traballar nunha segunda parte e pode que agarde a publicala. Unha canción cada terza feira Nas vindeiras semanas Carlos Cernadas publicará cada terza feira unha nova canción até completar a ducia que forman o seu primeiro disco. Londres xoga un papel importante en Sons of Exodus, pois o máster estivo a cargo dun dos seus mestres, David Donnelly, que ten un premio Grammy. "A experiencia da universidade foi das mellores decisións que tomei na vida. O que máis me gusta de Londres é esa posibilidade de coñecer xente de tantos países e culturas. Non sei explicalo ben, pero como experiencia vital enriquéceche moito", conta. Porén, non ve o seu futuro nas Illas Británicas: "Non creo que viva aquí toda a vida. Son dun pobo pequeno e humilde e unha cidade tan grande, que ten case tres veces a poboación da Galiza, pode ser moi estresante. Aquí todo é pensar en gañar diñeiro e non teño claro que ese sexa o tipo de vida que quero levar".
NOS_1747
Son 657 persoas usuarias destes centros e 232 traballadores e traballadoras.
A cifra de casos positivos de coronavirus en residencias de maiores na Galiza volveu a crecer ao longo do domingo, 11,4%, o que significa un aumento de 68 contagios entre as persoas usuarias, que suman 657; e de 23 entre traballadoras traballadores, até os 232 en total. Segundo o balance ofrecido esta segunda feira pola Consellería de Política Social, con datos actualizados a última hora do domingo, os casos confirmados de COVID-19 repuntan ao crecer un 11,4%, uns cinco puntos máis que o crecemento do sábado (+6,7%). Así, dos 68 novos contagios entre os anciáns, a gran maioría (42) detectáronse na DomusVi de San Lázaro, en Santiago de Compostela, que conta agora cun total de 85 infectados. Por outra banda, á vez que aumenta a cifra de maiores afectados tamén crece a de traballadores e traballadoras dos propios centros. Desde o domingo contabilizáronse 23 casos novos nos cadros, até os 232 en total. O número de persoas falecidas pola COVID-19 nas residencias xa suoera as corenta.
NOS_3925
Miguel Tellado sae en defensa da súa predecesora, Paula Prado, e mesmo a sinala como vítima ao dicr que "foi portada de xeito innecesario". Asegura que as mareas "son os restos do naufraxio da esquerda".
O portavoz do PPdeG, Miguel Tellado, realizou este sábado unhas declaracións sobre a influencia da corrupción nos próximos comicios e non pechou a porta a que a súa formación leve imputad@s nas listas, xa que explicou que este debate "aínda non chegou", pero asegurou que o partido cumprirá os seus estatutos e avogou por manexar esta cuestión "con seriedade" porque non considera "razoable" deducir "unha culpabilidade dunha imputación". O PP xa confirmou que volverán ser candidatos os alcaldes de Mazaricos e O Carballiño, relacionados coa Operación Orquestra e Pokémon, respectivamente. Tellado defende a redución de escanos no Hórreo, ataca a BNG e AGE e pide acordos co PSdeG Neste sentido, reivindicou o "dereito a defenderse" da ex-portavoz e deputada, Paula Prado, "tras padecer a pena do telexornal e ser portada de forma innecesaria", dixo, malia os múltiples indicios que apuntan a irregularidades cometidas pola que foi concelleira en Santiago. Tanto para ela como para o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, pediu que se respecte a "presunción de inocencia". O portavoz que substituíu á propia Paula Prado cando esta foi encausada tamén se amosou escéptico coas candidaturas para as locais de 2015 que proliferaron nos últimos meses ao entender que "nin son cidadás nin son mareas", senón "os restos do naufraxio da esquerda". Defendeu tamén a redución de escanos no Parlamento, acusou a BNG e AGE de buscar a confrontación e pediu máis acordos co PSOE galego.
PRAZA_7161
Teo asistiu a pasada fin de semana ao nacemento dun novo xornal en papel e en galego, o mensual local Teovivo. Falamos coa súa coordinadora, Ana Conde.
Teo asistiu a pasada fin de semana ao nacemento dun novo xornal en papel e en galego, o mensual local Teovivo, que xa está a disposición dos veciños e veciñas nunha vintena de puntos de venda repartidos por todo o concello e a comarca. O xornal está coordinado pola xornalista local Ana Conde, que na presentación destacou que Teovivo nace en plena crise da prensa escrita "froito do convencemento de que, se algún xornalismo ten futuro, ese é o de proximidade, o que nos informa do que pasa ao noso arredor e que moitas veces descoñecemos". Co galego como lingua, o Teovivo preséntase con 32 páxinas a toda cor, cunha impresión de calidade e un atractivo deseño, á venda desde hoxe por 2 euros. O novo xornal de Teo ve a luz "coa ilusión de contar mes a mes a vida do pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias". A maiores da función puramente informativa, o novo xornal mensual tamén aspira a dinamizar a vida sociocultural do concello e a incentivar o consumo local. Dicides que "se algún xornalismo ten futuro, ese é o de proximidade". É quizais a información local a área máis desatendida? Desde logo no noso concello si. Localidades maiores están mellor cubertas informativamente ao contar con edicións locais de grandes xornais, pero no caso de Teo ao pertencer á comarca de Santiago o lugar que ocupa nos medios xeralistas é menor, e case sempre con informacións vinculadas a política e sucesos. Que tirada terá Teovivo? Cales son as vosas fontes de financiamento? Que porcentaxe corresponde a publicidade? Teovivo ten unha tirada de 3.000 exemplares e é unha realidade grazas ao apoio económico dos anunciantes, na súa inmensa maioría pequenas empresas locais que non dubidaron en arrimar o ombreiro nestes tempos difíciles para que o xornal saíra á luz, encantados co feito de que o concello conte cun xornal propio que informe á xente do que ten á beira da casa. Outra vía de ingresos serán as vendas, xa que o periódico se vende nunha vintena de establecementos ao prezo de 2 euros, e as subscricións anuais. Que tipo de historias e de información vai contar Teovivo? O Teovivo nace coa ilusión de contar mes a mes a vida do noso pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias, que ninguén lles contará nunca desta maneira. Seguiremos a actividade sociocultural, educativa e deportiva de Teo, coñeceremos de cerca os veciños ilustres que viven no concello, os nosos negocios e interesantes historias de teenses emigrados, ademais de rescatar do pasado os capítulos máis sorprendentes da nosa historia e ofrecer a información máis práctica e útil para os nosos lectores. Será un xornalismo moi social. "O Teovivo nace coa ilusión de contar mes a mes a vida do noso pobo, dándolles todo o protagonismo aos veciños e ás súas historias, que ninguén lles contará nunca desta maneira" Cal é a realidade, o día a día dos veciños de Teo que neste momento os medios non están contando? Teo é un concello moi disperso e sen un núcleo urbano definido, o que xa de por si dificulta a comunicación. Por exemplo, aquí hai unha rica oferta sociocultural promovida por asociacións que moitos veciños descoñecen, perdendo a oportunidade de gozar de actividades, cursos ou iniciativas que moitas veces ata son de balde. E logo hai novas que a nivel local son importantísimas, como o Certame Galego que vén de gañar a Banda de Música Local de Teo, e que pasan desapercibidas para a prensa de Santiago, xa que para desgusto dos nosos músicos ese logro non saíu en ningún xornal impreso. Contribúe un medio coma este a crear un sentimento de comunidade, de pertenza a un territorio, neste caso Teo? Pois nós cremos que si, e para exemplo está o caso do noso deseñador, Antón Galocha, que na presentación do xornal recoñeceu que, tras case vinte anos vivindo en Teo, non se sentiu teense ata enrolarse na aventura do Teovivo, que lle abriu os ollos a moitas cousas que ten á beira da casa e que descoñecía. En Teo pouca xente se declara teense, senón que di ser dos Tilos, de Calo ou de Cacheiras. Precisamente a presentación do Teovivo converteuse nunha xornada histórica en Teo, xa que por primeira vez representantes do mundo da política, das asociacións, das entidades deportivas, do eido educativo, cultural, sindical, así coma numerosos comerciantes e empresarios procedentes desas tres zonas se uniron entorno a un proxecto que axudaron a facer realidade entre todos: o Teovivo.
NOS_9810
A editorial Através publica 'Diários', obra con textos e debuxos do xornalista e preso independentista Carlos Calvo Varela. Falamos con Valentim Fagim, director de Através e coordenador dun libro que a mediados de novembro chegará ás librarías.
Carlos Calvo (Loureda-Ordes, 1988) foi detido o 15 de setembro de 2012 en Vigo acusado de "terrorismo" e desde entón está preso. Pasou xa por sete cadeas españolas, un periplo que non foi quen de impedir que seguirse a escribir e a debuxar. A mediados de novembro chegará ás librarías do país 'Diários', un libro editado por Através editora e que reúne deseños e escritos deste preso independentista, algúns xa publicados nos medios nos que Carlos Calvo colabora, e outros inéditos, que ven luz por vez primeira. Conversamos con Valentim R. Fagim, director de Através e coordenador do libro. - Publicar un libro escrito por unha persoa na prisión debe dar para escribir outro libro, non é? Como naceu isto e como foi o proceso? - A idea naceu cando na editorial nos preguntamos que libro gostariamos de ver escrito. E respondemos: un de Carlos Calvo. Falamos coa súa compañeira, Rosabel. E pouco a pouco foi collendo forma. El non ten computador na prisión, así que os textos ás veces viñan por cartas a través dela e outros sospeitamos (ir) que o propio Carlos llos ditaba por teléfone a ela. A compañeira tomaba nota e despois transcribíaos para nós. Todo o proceso puido durar máis ou menos un ano e a 'produción' dos textos creo que ía da man do seu estado de ánimo, algo lóxio nunha prisión. Cando estaba ben de ánimo, escribía máis e cando estaba baixo, menos. Mais iso é o que eu penso. No libro non só hai textos, tamén hai 20 deseños do propio Carlos. - Que podemos atopar en 'Diários' desde un punto de vista estritamente literario ou ensaístico? Pregunto porque pode darse que se analice como un libro dun preso independentista e que iso o engula todo, sen marxe para valorar esta obra en si propia. - Carlos Calvo é unha especie de Leonardo da Vinci. Dígoo no sentido non de comparar, claro, (ri) senón de dúas persoas que saben moito de moitas cousas diferentes. Carlos é quen de falar de moitas cousas diferentes e con capacidade de conectar e transmitir en todas elas, e iso non é nada doado. En 'Diários' hai textos inéditos e outros xa publicados. Neles fala de política, de xénero, de antropoloxía, de lingua... e fala en todas ben. Non todo o mundo pode facer iso, desde logo. O prólogo do libro é de Sechu Sende, que se ofreceu para iso. Son amigos e coñece moi ben o mundo do Carlos. Agardamos que para mediados de novembro o libro poida estar nas librarías. E a nosa intención é que sexa unha das tres presentacións que Através vai facer no 'Culturgal'. Estamos aínda traballando en quen pode estar nese acto, no seu desenvolvemento... - Embora a súa curta existencia , Através xa ten un catálogo diverso, heteroxéneo e que destaca pola calidade: Teresa Moure, Sechu Sende, H. Miguélez-Carballeira, Lopes Facal, Dionisio Pereira... - Non somos unha editora profesional, creamos afectos, lazos. É outro xeito de traballar. Editamos máis ou menos un terzo do que nos chega porque non damos para máis. O certo é que pensamos que estes cinco anos de existencia non ía saír a cousa tan ben. Houbo cousas que non contabamos e que nos axudaron. Por exemplo, a aposta de Teresa Moure nesta normativa, co que se abreu as portas a publicala. E tamén recollemos os froitos dos 'non' que as grandes editoriais galegas dan a certos libros: así publicamos a Sechu Sende mou o de H. Miguélez-Carballeira. Fronte a negativa desas editoriais, nós encantados de ofrecer a nosa para publicalos! E iso nótase nos lazos e afectos creados, que falabamos antes. Un exemplo? Miguélez Carballeira pagou do seu propio peto a tradución dos eu libro en inglés ao galego-portugués para que así poideramos publicalo.
PRAZA_17948
A Consellería de Política Social que dirixe o ferrolán Rey Varela cobre 'a dedo' a vacante na xerencia da FUNGA máis de tres anos despois elixindo a un compañeiro na súa candidatura municipal de 2015 HEMEROTECA | A Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas con só 23 traballadores
HEMEROTECA | A Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas con só 23 traballadores Sentenzas xudiciais evidencian como nos últimos anos persoas tuteladas pola Xunta cometeron ou foron vítimas de delitos ou foron obrigadas a exercer a mendicidade ante o desbordamento da entidade que debera velar por eles, a Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga). Con só 23 traballadores, a Funga asume a tutela de máis de 3.000 persoas, cuxa supervisión acaba deitando noutras entidades sociais ante a súa propia incapacidade para facelo. Ademais, a Xunta mantivo vacante a súa dirección-xerencia durante máis de tres anos, ata que o pasado maio o conselleiro de Política Social, o ferrolán José Manuel Rey Varela, entregoulla a dedo a un cargo do PP de Ferrol, Juan José Couce Prego, co que compartiu candidatura nas municipais de 2015. A propia consellería indica como único mérito do elixido que "traballou preto de 3 anos como asesor da Consellería". A Consellería de Política Social que dirixe o ferrolán Rey Varela cobre a dedo a vacante máis de tres anos despois elixindo a un compañeiro na súa candidatura municipal de 2015 En marzo de 2015, ao quedar baleiro o posto de dirección-xerencia da Funga, convocouse un proceso selectivo que foi declarado deserto máis dun ano e medio despois, decisión que a Xunta non publicou no Diario Oficial de Galicia ata dous anos despois da convocatoria. Hai un ano Praza.gal publicou unha ampla análise das diversas eivas no funcionamento da Funga recollidas en sentenzas xudiciais e preguntou á Xunta pola vacante na súa dirección. Política Social asegurou que naquel momento estaba "próxima a cobertura desta praza" e aseguraba que "en todo momento se cubriron as funcións e responsabilidades inherentes a ese cargo". Porén, non foi ata maio deste ano, tras máis de tres anos vacante, que o Goberno galego cubriu ese posto. O elixido foi Juan José Couce Prego, membro do comité executivo do PP de Ferrol que concorreu no posto 19 da candidatura popular ás eleccións municipais de 2015 nesa cidade encabezada polo agora conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen con toda probabilidade volverá aspirar á alcaldía, o que o obrigaría a deixar a consellería. Vista do CEGADI, infrautilizado complexo ao que a FUNGA foi trasladada recentemente / Praza Pública A Xunta lembra que a lei permítelle elixir de xeito discrecional os postos de alta dirección pero máis de tres meses despois ese contrato non aparece aínda no listado da web de transparencia da Xunta, sen actualizar desde marzo de 2016 Este diario preguntou a Política Social que méritos ou experiencia previa en materia de servizos sociais, xurídica ou calquera outra relacionada coas competencias da Funga ten Couce Prego para ser nomeado para ese posto e se foi elixido para o mesmo por ser membro do PP de Ferrol. A resposta do departamento que dirixe Rey Varela limítase a dicir, no que atinxe á experiencia do elixido, que "o novo director traballou preto de 3 anos como asesor da Consellería e atesoura un fondo coñecemento do funcionamento dos servicios [sic] sociais da Comunidade Autónoma galega". Nada di de que a principal experiencia previa de Couce Prego antes de ser asesor da consellería fose no sector das axencias de viaxes. A Xunta tamén lembra na súa resposta a liberdade que lle confire a lei -que en todo caso esixe "cualificación necesaria para o cargo"- para elixir de xeito discrecional a dirección de entidades como a Funga, e sinala que así foi como se lle outorgou a Couce Prego un contrato de alta dirección. Máis de tres meses despois, ese contrato non aparece aínda no listado de contratos de alta dirección que a Xunta publica na súa web de transparencia, sen actualizar desde marzo de 2016 e polo tanto sen que figure nel a dirección da Funga, daquela vacante, mentres que outros postos similares noutras fundacións autonómicas especifican unha retribución que oscila entre os 35.000 e os 50.000 euros anuais. En novembro do ano pasado, ante as críticas polas eivas no funcionamento da Funga, Política Social defendeuse: "Estámolo a facer da mellor maneira posible" En novembro do ano pasado, despois da serie de informacións deste diario relatando as eivas no funcionamento da Funga, a directora xeral de Familia de Política Social, María Amparo González Méndez, tivo que comparecer no Parlamento de Galicia para dar explicacións á oposición. Alí, ante as críticas que recibiu pola atención está a prestar a máis de 3.000 persoas, argumentou que a Funga "fai cos recursos que conta un bo traballo". "Estámolo a facer da mellor maneira posible", dixo.
NOS_57363
De acordo cunha información publicada por El País, a nova sinalización, instalada en agosto, sitúase en curvas perigosas que exixen unha redución de velocidade do 40%.
O xuíz instrutor do caso considerou na súa investigación que a ausencia deste tipo de sinais impedira evitar o despiste do maquinista á súa chegada á curva da Grandeira. Após un mes do accidente e segundo recolle na súa edición galega o diario El País, Adif instalou estes dispositivos ao longo e ancho do trazado ferroviario --antigo e de nova creación-- do Estado español. O auto emitido polo xuíz instrutor advirte que a falta deste tipo de impediu recuperar a atención ao maquinista do Alvia cando se despistou Neste senso, 10 sinais foron situadas no tramo que une A Coruña e Vigo --unha cada 16 metros, naquelas curvas consideradas perigosas, como a de Angrois, enas que @s maquinistas teñen que reducir de maneira manual a velocidade --até nun 40%-- nun curto espazo de tempo. Así, boa parte dos sinais instalados o pasado mes de agosto están situados na vía de liña única que vai de Vilagarcía a Padrón. A falta destes mecanismos de alerta exixía que @s maniquistas reduciran a velocidade valéndose do seu libro horario e do recoñecemento visual da zona. Neste senso, o auto emitido polo xulgado de Compostela case un mes despois do acontecido na curva da Grandeira aseguraba que de terse sinalizado "previa e suficientemente" a inminente entrada nunha curva perigosa "é o máis probábel" que o maquinista "recuperase a atención perdida na condución" o que lle permitiría, prosegue o auto, axustar a velocidade do tren ás circunstancias.
NOS_20298
Rafa Cuíña é alcalde de Lalín e colaborador deste dixital desde os seus inicios. Debrúzase esta cuarta feira sobre a xanela do #VenhanMais5 para partillar as súas impresións coa Comunidade Sermos.
-Como ves o estado actual da política galega? -Estamos nun período en que se nota o inicio dunha certa recuperación, aínda que probablemente estamos a perder oportunidades para que se consolide e chegue aos sectores de poboación nos que a crise bateu con máis forza. Preocúpanme cuestións como o "catastrazo", que tanto vai afectar ao noso rural, ou o futuro do sector lácteo. Neste senso, dá a impresión de que o goberno do PP quere ter unha Galicia de dúas velocidades: unha, a que lle interesa a este partido; e outra, a que sofre e segue a padecer a maioría social. Debo parabenizar o traballo que se está a facer dende esta publicación de referencia -Que evolución agardas a cinco anos vista? -É unha pregunta cunha resposta complexa, sobre todo porque non se ve unha folla de ruta clara. Seguen a producirse situacións preocupantes en sectores como o financeiro -co Banco Popular e Pastor como claro exemplo- e tamén no eido laboral. A mellora nos datos do paro susténtase na precariedade e a creación de emprego non ofrece a calidade suficiente para que as galegas e galegos se poidan plantexar proxectos de vida estables debido á inestabilidade do mercado de traballo. -Que esperas de Sermos nos próximos 5 anos e en que cres que podemos ou debemos mellorar? -Debo parabenizar o traballo que se está a facer dende esta publicación de referencia, que representa sensibilidades nacionalistas coas que eu me sinto tan identificado e que deberían ser maioritarias no conxunto do país nun prazo de tempo razoable. Neste contexto sinto unha sá envexa de Euskadi e Cataluña, que son quen de sacar réditos para os seus territorios, mentres que os representantes galegos en Madrid -tanto deputados como senadores- dan as costas aos intereses dos galegos que lles votaron.